|
Actualidade CIG-Comunicación-
Transportes Manuel Rial SL é unha empresa de transporte de mercadorías por estrada de Negreira que fai o reparto para a Cooperativa leiteira Feiraco para todo o Estado, ademais de traballar para outros clientes. Os traballadores desta empresa traballan unha media de 60 horas (entre horas de conducción, espera e carga e descarga). É habitual que saian o domingo e volvan o sábado seguinte polo que pasan na súa casa apenas un día á semana, traballando festivos (que non cobran) e desfrutando unicamente 15 días de vacacións anuais distribuídos cando a empresa lle convén. Todo isto por una cantidade fixa mensual e sen cobrar a paga extraordinaria de marzo. No pasado ano comezou a actividade sindical e tras varias asembleas decidiuse mudar a situación facendo unha proposta á empresa para rebaixar as horas e cobrar conforme ao traballado, ademais de deixar o sábado e o domingo para o descanso na casa poñéndolle, en todo caso, un prezo a estes días para cando fose estritamente necesario traballalos. Regular as cargas e descargas, as dietas ademais dos horarios dos traballadores que fan o reparto do pienso para Feiraco (só por Galiza). Facer o calendario de vacacións e pagar todas as pagas extraordinarias eran parte do acordo. Tras varias reunións, no mes de setembro a empresa decidiu romper unilateralmente as negociacións. Daquela, parte do cadro de persoal solicitou traballar só as horas polas que estaban cobrando dado que a empresa se negaba a cumprir o convenio colectivo. A resposta da empresa foi a represión e a chulería. Deixou de pagar os salarios e as dietas a estes traballadores, tivéronos sen traballo fora da casa (en Valencia, Valladolid, Madrid, Barcelona...), obrigábanos a chegar sempre en fin de semana... e cando viron que non os conseguían dobregar deixáronos sen traballo efectivo e van cumprir 2 meses nesta situación (nun caso catro meses) cumprindo 8 horas diarias diante da nave da empresa. E todo isto ten un nome: acoso laboral. Con esta nova mobilización a CIG recórdalle á empresa que non vai permitir esta situación por máis tempo e que desde agora inicia unha campaña para explicar aos veciños e veciñas de Negreira quen é Manuel Rial e como trata aos seus traballadores. Contra a precariedade laboral e por un traballo digno en Transportes Manuel Rial! |
||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 16/01/2008 |
||||
|