Actualidade / ArtigoVolver


Santiago, 11 de xaneiro de 2008

Socialismo do século XXI, construción intelectual, slogan político ou expresión das loitas anti-sistémicas
 

François Houtart-

Cuba Siglo XXI


O carácter destrutor do capitalismo, tanto da natureza, como do traballo humano, nunca foi tan alto e tan acelerado que durante o período neoliberal. A terra pode ser destruída e endexamais houbo tanta riqueza á beira de tanta pobreza. Nunca a humanidade produciu un sistema tan ineficaz. A deslexitimación, antes de ser ética debe ser económica.



  Folletos anti capitalismo; clic para aumentar
Existe pois un posmodernismo radical que reduce a historia ao inmediato, estabelece o individuo como centro exclusivo do real, rexeita a idea de estruturas e de sistema, para se concentrar nos "pequenos relatos", considerando que os "grandes relatos", é dicir, as teorías impoñen necesariamente un peso totalitario ao pensamento e a acción. Nada mellor para o capitalismo contemporáneo que logrou edificar as bases materiais da súa reprodución mundial –un sistema-mundo, como di Immanuel Wallerstein– que unha ideoloxía que nega a existencia de sistemas e de estruturas.
 
É un privilexio e tamén unha emoción ser asociado a esta homenaxe a Andrés Aubry, que logrou combinar unha atención a cada persoa cunha participación a unha loita antisistémica.

En xaneiro 1994, eventos importantes tiveron lugar en México e en Chiapas. O mesmo mes do mesmo ano, naceu nunha pequena cidade de Bélxica, Lovaina a Nova, a revista ‘Alternatives Sud’ do Centro Tricontinental, destinada a difundir o pensamento crítico e as experiencias alternativas do Sur (Asia, África, América latina), continentes que para o Norte aparecían como baleiros de ideas e de iniciativas. Un dos primeiros pasos foi tomar o contacto con Andrés Aubry, para saber o que significaba o movemento zapatista. El deixou a palabra a Pablo González Casanova, que en varias ocasións opinou na revista.

Hoxe, en memoria de Andrés falarei do Socialismo do Século XXI. Sen dúbida é un tema controvertido. Para uns a idea do socialismo debe ser abandonada, xunto á do capitalismo, porque foi soamente a súa imaxe invertida. Para outros o concepto leva á confusión pola súa ambigüidade: trátase do estalinismo, do maoísmo, de Pol Pot, da social-democracia, da Terceira Vía, das FARC colombianas, ou do socialismo francés no seo do cal naceron o director xeral da OMC, o Presidente do FMI e o ministro de Relacións exteriores do presidente Sarkozy. Hai o socialismo que provoca o temor e o socialismo que suscita a risa. Hai a necesidade de falar dos procesos e do contido das alternativas.


1. As loitas antisistémicas son procesos sociais

Proceso social significa á vez acción e reflexión, análise e afecto. Accións sen achega reflexiva conducen a revoltas a miúdo sen futuro; ideas sen referencias constantes á realidade transfórmanse en construcións abstractas e impotentes; análise sen emoción desembocan no cinismo intelectual e afectos sen pensamento tenden a confundir un proxecto social concreto co reino de Deus.

Ningún elemento pode ser illado dos outros. O matrimonio entre práctica e teoría debe caracterizar todo movemento antisistémico. Rosa Luxemburgo observaba que as reformas sen perspectivas teóricas se transforman rapidamente en pragmatismo e son doadamente recuperábeis polo sistema capitalista. A teoloxía da Liberación recórdanos que a fe relixiosa pode ser un elemento poderoso de compromiso revolucionario e a enorme diversidade das culturas das loitas foi revelada polos Foros sociais mundiais.

Un proceso social non se decreta. É o resultado de actores ben concretos que viven en lugares precisos e nun tempo dado. As súas prácticas constrúen un tecido social. A historia dos movementos sociais ensínanolo. Cando se celebrou o oitenta aniversario da revolución de Outubro, recordouse que esta non sería posíbel sen a existencia dos soviets, eses grupos de base que multiplicándose constituíron unha rede capaz de exercer un peso antisistémico. Cando se formou a Primeira Internacional, Marx e Engels insistían sobre a importancia dos procesos de toma de decisión. Dicían que valía máis unha conclusión adaptada polo conxunto de todos os compoñentes que dez impostas desde arriba.

Con todo, un proceso social é tamén unha construción e aquí intervén o feito da súa institucionalización. A experiencia dos movementos sociais comproba esta dialéctica, oscilando entre correntes anarquistas que privilexian a creatividade, as iniciativas de base, a efervescencia cultural e os que insisten sobre a organización, a clareza dos obxectivos e a adaptación dos medios aos fins. O paradoxo é que os dous son necesarios, a condición de que a referencia á utopía non se transforme nun cultivo de ilusións e a institucionalización en sistemas piramidais que tomándose como fin terminen por contradicir os obxectivos. Iso experiméntase en todos os campos da vida social: político, social, cultural, relixioso.

O entusiasmo das loitas antisistémicas non pode ignorar a condición humana. Lémbrome dunha conversación na Cidade Hochiminh, pouco despois da reunificación do Vietnam. Os interlocutores eran o arcebispo de Saigón, Monseñor Binh, home de gran sabedoría que coñecera durante o Concilio Vaticano II e o Señor Ba, secretario do Partido comunista da cidade que fora representante da Fronte Nacional de Liberación en París e Bruxelas. O Señor Ba explicaba con moita convición os plans de transformación da cidade en todos os seus aspectos, políticos, sociais, culturais e o arcebispo escoitaba con moita atención. Cando o secretario do Partido terminou as súas explicacións, o arcebispo contestou con moito respecto: "É moi interesante, pero oxalá que os comunistas cresen un pouco máis no pecado orixinal". Hoxe en día diriamos na dialéctica.

De verdade toda institucionalización leva no seu ventre mesmo as sementes da súa propia contradición, pero o problema non consiste en negalo nin en querer escapar á realidade, senón en afrontar o feito e de atopar os mecanismos de corrección, é dicir, a democracia participativa, ‘caracoles’, ‘La otra campaña’, cambios de roles, etc.

Hoxe en día entre intelectuais e varios movementos sociais, o pensamento posmoderno ten un lugar importante. De feito a experiencia dun mundo dominado polo pensamento e as prácticas do Occidente fai pensar a necesidade de ir máis aló da simple crítica económica e política. É a lóxica mesma do Século das Luces que se debe cuestionar, ela que ao mesmo tempo é o froito, o vehículo e a inspiración dun sistema económico destrutor. Os seus principios deben ser sometidos a unha crítica epistemolóxica, é dicir, pór en cuestión o seu propio sentido. Trátase dun cambio de civilización.

Existe pois un posmodernismo radical que reduce a historia ao inmediato, estabelece o individuo como centro exclusivo do real, rexeita a idea de estruturas e de sistema, para se concentrar nos "pequenos relatos", considerando que os "grandes relatos", é dicir, as teorías impoñen necesariamente un peso totalitario ao pensamento e a acción. Nada mellor para o capitalismo contemporáneo que logrou edificar as bases materiais da súa reprodución mundial - un sistema-mundo, como di Immanuel Wallerstein- que unha ideoloxía que nega a existencia de sistemas e de estruturas.

Ao contrario, outros críticos da modernidade non caen neste exceso. Non negan a existencia de paradigmas, aínda nun mundo de incertezas. Así, Edgar Morin, o sociólogo e filósofo francés, nota que nos mundos físicos, biolóxicos e antropolóxicos, o caos e a incerteza sempre desembocan sobre a reorganización da vida, como paradigma fundamental. Por iso este autor fai unha crítica dura do capitalismo, porque estima que este acaba coa posibilidade de reorganización da vida.


2. O contido das loitas antisistémicas

Falaremos soamente de tres aspectos: a deslexitimación do capitalismo, os pasos das loitas antisistémicas e dos eixos dun poscapitalismo ou dun socialismo do século XXI.

1) Deslexitimar o capitalismo

Non abonda con condenar os abusos e os excesos do capitalismo, como o fan a maioría das relixións. A distinción entre un capitalismo "salvaxe" e un capitalismo "civilizado" non vale, porque o capitalismo é "civilizado" cando debe e "salvaxe" cando pode. Son os mesmos axentes económicos que teñen que aceptar certos límites impostos por loitas sociais e que van até os extremos da explotación cada vez que é posíbel, en particular no Sur.

É a lóxica da acumulación a que debe ser contestada polas loitas antisistémicas, proceso que sen dúbida levará moito tempo, pero indispensábel. Hoxe en día iso significa loitar contra a procura de novas fronteira de acumulación polo capital: a agricultura campesiña que debe ser transformada nunha agricultura produtivista capitalista, privatización dos servizos públicos, ganancias sobre catástrofes naturais ou políticas (Noemi Klein).

O carácter destrutor do capitalismo, tanto da natureza, como do traballo humano, nunca foi tan alto e tan acelerado que durante o período neoliberal. A terra pode ser destruída e endexamais houbo tanta riqueza á beira de tanta pobreza. Nunca a humanidade produciu un sistema tan ineficaz. A deslexitimación, antes de ser ética debe ser económica.

2) Os pasos das loitas antisistémicas

Cambios antisistémicos son o resultado de loitas, hoxe en día a escala mundial, fronte a actores globais e contra un imperialismo certamente conxénito a toda forma de capitalismo, pero tamén representado polos Estados Unidos de América. Se cadra este último é un imperio en declive, pero aínda moi activo, coa súa hexemonía atómica, as súas máis de 700 bases militares no exterior do seu territorio e en América Latina pola presenza da "embaixada", porque soamente hai unha.

O primeiro paso é a toma de consciencia desta realidade que vai moitos máis aló da dominación económica e política, e que afecta a cultura e penetra no máis profundo das mentalidades. Os Foros sociais mundiais contribuíron moito a este proceso de conscienciación a escala mundial. A adopción de estratexias de loitas é unha segunda exixencia e a diversidade delas, desde o nivel local como as prácticas novas de cada un dos actores, son a garantía dun verdadeiro progreso.

A conceptualización destas situacións é unha tarefa importante e a este propósito non parece que a noción de "multitude" proposta por Hardt e Negri sexa adecuada. Demasiada abstracta, esta ten o risco de ser desmobilizadora. Porque se trata de construír un suxeito histórico novo (porque abandonar o concepto), é dicir plural, democrático, popular.

As converxencias dos actores é tamén unha condición de eficacia. Todos temos o mesmo adversario, porque a globalización significa a subsunción xeneralizada do traballo humano polo capital, real vía o salario e formal por mecanismos financeiros ou xurídicos, como as taxas de xuros, a débeda externa, os paraísos fiscais, os axustes estruturais, etc. Ningún grupo humano escapa á lei do valor. Entón accións de conxunto, onde os compoñentes non pensan en termos de prioridades, cada un ten as súas, senón en termos de obxectivos estratéxicos, constitúen unha nova vía, tal como a loita contra o ALCA, onde se atoparon movementos moi diversos, ONG progresistas, Igrexas e forzas políticas.

O gran desafío actual, tanto en América Latina como nos outros continentes, como sinalou Gilberto Valdez, é a vinculación dos movementos antisistémicos co campo político. Como enfocar a colaboración orgánica que propón novas iniciativas políticas, como o ALBA ou o Banco do Sur, sen perder a súa autonomía. Como contribuír ao cambio, construíndoo desde abaixo e creando unha nova cultura política como "A Outra campaña", sen caer xa que logo en becos sen saída? Non se trata de esperar unha situación sen ambigüidades, senón de elixir as súas ambigüidades.

Para dicilo claramente, foi probabelmente duro para membros de movementos antisistémicos apoiar a Lula nas últimas eleccións en Brasil, a pesar da súa política interior social-demócrata ou en Nicaragua de votar para a Fronte Sandinista a pesar das súas deficiencias institucionais e das deficiencias dalgúns dos seus líderes. Tratábase de impedir alternativas de dereita con graves consecuencias tanto internas como para a nova integración latino-americana.

Con todo respecto un podería preguntarse se en México un razoamento similar non podería evitar unha presidencia, aínda ilexítima, de dereita dura e entreguista. Sería realmente imposíbel combinar unha crítica radical e xusta e unha práctica política nova cun xuízo político máis dialéctico? É soamente unha interrogante. Non se trata de "realpolitik" nin de xustificar medios polos fins, senón de recoñecer que o dilema consiste en elixir entre ambigüidades. Tampouco iso significa o abandono da ética, senón de non transformala nun substituto a un xuízo político. Supón tamén a continuación da critica das formacións políticas nacidas de movementos antisistémicos e emancipatorios que como no Brasil, en México ou peor aínda en China, constrúen "‘caracoles’ ao revés", contradicindo os seus propios principios.

3) Os eixos dun poscapitalismo ou dun socialismo do século XXI

Podemos en conclusión retomar as leccións da historia, a experiencia dos movementos sociais e das súas converxencias, as aspiracións dos pobos para propor algunhas ideas.

Non se trata de impor unha doutrina desde arriba nin de falar dunha soa alternativa, senón de recoller o vivido e de reconciliar teoría e práctica nun esforzo compartido, de unir revolución e reformas nunha procura da utopía necesaria e mobilizidadora sen desprezar os pequenos pasos, porque a xente non morre ou sofre mañá, senón hoxe.

Catro eixos parecen constituír o contido do proxecto emancipatorio e antisistémico.

1) A utilización sustentábel dos recursos naturais, o que exixe outra filosofía das relacións coa natureza: da explotación á simbiose. O capitalismo é incapaz de realizar este cambio, que implica unha revolución epistemolóxica, á cal o enfoque da "pachamama", as filosofías orientais, a cultura tradicional africana e dos afro-descendentes de América, poden contribuír de xeito decisivo.

2) Privilexiar o valor de uso sobre o valor de cambio. O mercado existiu antes do capitalismo. Este último fixo do valor de cambio o único factor de desenvolvemento humano, impondo a súa lóxica a toda a sociedade. Regresar ao valor de uso ten enormes consecuencias prácticas, desde o control social dos medios de produción até o aumento da vida dos produtos e a redución das distancias de transporte. Pero ante todo significa un cambio de filosofía económica, da produción dun valor engadido para intereses privados á actividade destinada a asegurar a base da vida física, cultural e espiritual de todos os seres humanos na terra. Diso, o capitalismo é incapaz.

3) Estabelecer unha democracia xeneralizada, non soamente política representativa e participativa, senón en todas as relacións sociais, tamén económicas, entre pobos, entre homes e mulleres. Iso esixe tamén outra filosofía do poder, totalmente alleo á concepción do capitalismo.

4) Construír a multiculturalidade, é dicir, dar a posibilidade a todas as culturas, a todos os saberes, a todas as filosofías, a todas as relixións de participar coas súas achegas propias á construción dunha nova sociedade. Iso exixe outra filosofía da cultura, abandonando a arrogancia dunha cultura superior, mesmo relixiosa. Unha vez máis, a cultura do capitalismo, co seu "modelo de desenvolvemento", non pode responder a esta nova perspectiva.

En verdade, malia os seus logros reais, podemos dicir que o socialismo do século XX non puido alcanzar estas exixencias. O drama do socialismo, socialismo -dicía Maurice Godelier- é que tivo que aprender a camiñar coas pernas do capitalismo. E iso verificouse en varios eidos, como a explotación da natureza, a falta de democracia e a dificultade de aceptar a multiculturalidade.

Por iso, a converxencia das loitas sociais, característica do noso século, o afán de dignidade coas súas bases materiais, e de espiritualidade encarnada, permítenos compartir as palabras dun oratorio composto despois do asasinato de Monseñor Romero, por un compositor israelí: "A esperanza non se mata".


Relatorio presentado no seminario en memoria de Andrés Aubry, sobre os Movementos antisistémicos, en San Cristóbal de las Casas, Chiapas, do 13 ao 16 de decembro 2007.


[Artigo tirado do sitio web ‘Cuba Siglo XXI’, número de xaneiro de 2008]

 
 
As opinións vertidas nos artigos de opinión, enviados polos nosos colaboradores ou tiradas doutros meios, non teñen porque ser necesariamente compartidas pola CIG.
 
Volver

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 11/01/2008
cig.informatica


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta