ActualidadeVolver a Actualidade


A Coruña, 15 de xaneiro de 2008

A empresa acuícola botou 17 traballadores de maneira improcedente nos últimos catro anos
Declaran nulo o despedimento do presidente do Comité de Stolt Sea Farm

 

CIG-Comunicación-

cig.prensa@galizacig.com


  Joaquín Casais, Xavier Santos e Xavier Aboi; clic para aumentar
A xuíza considera que o despedimento de Joaquín Casais obedece a unha represalia da empresa contra o traballador, que “viu conculcado o seu dereito a exercer a actividade sindical”. (Na foto, de esquerda a dereita, Joaquín Casais, presidente do Comité de Stolt Sea Farm, Xavier Santos, secretario da Unión Local da CIG de Cee, e Xavier Aboi, responsábel nacional da CIG-Mar. ©galizacig.com).
 
Joaquín Casais Louro, presidente do Comité de Stolt Sea Farm e afiliado á CIG, será readmitido na empresa logo de que o Xulgado do Social número 2 de Compostela declarase nulo o seu despedimento. A multinacional da acuicultura botou en Galiza de xeito improcedente 17 empregados nos últimos catro anos (11 deles no departamento de Hatchery de Quilmas, en Carnota, onde traballa o denunciante).

A xuíza considera que o despedimento de Joaquín Casais obedece a unha represalia da empresa contra o traballador, que “viu conculcado o seu dereito a exercer a actividade sindical”. Por tanto, a sentenza declara a nulidade do despedimento e condena Stolt Sea Farm a readmitir o operario “nas mesmas condicións que rexían con anterioridade ao despedimento”. Tamén obriga a empresa a aboarlle ao traballador a suma de 6.580,68 euros en concepto de salarios de tramitación, “máis os que se devenguen desde a data da sentenza até a súa readmisión a razón dun salario diario de 56,73 euros”. Joaquín Casais é o primeiro traballador de Stolt que denunciou nos tribunais o seu despedimento.

A situación que sufriu Joaquín é outro exemplo máis de represión sindical en Stolt Sea Farm. A empresa amedrenta o cadro de persoal con despedimentos, sancións disciplinarias e demais represalias. As presións para incrementar os ritmos de traballo que padecen acotío os empregados, nomeadamente no departamento de Hatchery (criadeiro) de Quilmas, provocan que moitos operarios causen baixa psicolóxica.

Xavier Aboi, responsábel nacional do sector de Mar da FGAMT-CIG, responsabiliza da política represiva da empresa o xefe de Recursos Humanos, Luis Toro, a Leandro Fernández, xefe de Hatchery, e a Neiva Paz, responsábel da área de Larvaría e delegada de persoal polo sindicato amarelo LIS (Lista Independiente de Stolt). “Todas estas persoas están inhabilitadas para a negociación colectiva e quen ten que tomar as rendas son o director xerente e o presidente do Consello de Administración”, asegura Aboi. “Luis Toro e Leandro favorecen na empresa os vasalos, os chivatos e os enchufados”, manifesta o responsábel da CIG-Mar en relación coas mentiras expresadas no xuízo polas testemuñas propostas pola empresa.


Unha morea de irregularidades

A Inspección de Traballo, logo de varias denuncias interpostas contra Stolt Sea Farm, requiriu a empresa a que cumprise o calendario laboral, a non realizar actos lesivos contra o dereito á folga, a proporcionar aos empregados máscaras e calzado hixienizado ou a aboar as diferenzas salariais e cotizacións aos vixiantes de seguridade. A Inspección tamén certificou que o número de traballadores de Hatchery despedidos é tres veces superior á media da empresa.

Stolt Sea Farm ten plantas en Lira e Quilmas (Carnota), Couso e Palmeira (Ribeira), Muxía e Camariñas, que dan emprego directo a 200 traballadores.

 
Volver a Actualidade

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 15/01/2008
cig.informatica


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta