|
Actualidade / Artigo Entrevista a Frei Betto e François Houtart Ramón Palao-
François Houtart: Ben, un socialismo que defende os intereses capitalistas de España non me parece socialista. En Europa, temos o socialismo da socialdemocracia que está loitando por tratar de conservar logros das loitas sociais de hai 50 anos, e máis, de hai 150 anos. E con razón. Pero, xeralmente, a maioría dos países europeos limítase a iso, e perdeu toda a crítica fundamental do sistema capitalista. E así, temos un partido socialista francés que está dando ao FMI o seu director, á OMC o seu presidente. Eles, que son socialistas! Pero, cal é o sentido do socialismo? A palabra socialismo é moi ambigua; pode ser o estalinismo, pode ser Pol Pot, o maoísmo, Tony Blair, a socialdemocracia... De que falamos cando falamos de socialismo? É por iso polo que debemos falar máis sobre o contido que sobre a palabra. Ramón Palao: Entón, do mesmo xeito que distinguimos o socialismo do liberalismo da socialdemocracia, como distinguimos o neoliberalismo dentro do liberalismo? François Houtart: Aí hai algo que dicir, porque hai unha contradición fundamental entre o neoliberalismo e o liberalismo. No neoliberalismo, xa non hai máis nada que liberar. O liberalismo foi, en certa época, unha liberación de certas estruturas medievais, como a nobreza e a igrexa. Mais o liberalismo foi totalmente vehiculado polo sistema económico cara ao liberalismo económico. O que é, evidentemente, unha contradición co benestar fundamental dos pobos. O liberalismo, especialmente na súa forma neoliberal, o neoliberalismo económico, significa abrir todos os intercambios no mundo de bens, de servizos e de capital, o que a primeira vista pode parecer interesante, porque é mellor que todo o mundo poida vender e intercambiar en plena liberdade. Pero dentro do sistema capitalista, do sistema de acumulación, a desigualdade dos axentes económicos é tal que dar a enteira liberdade significa privilexiar aos que teñen máis poder. E así acelerar o fenómeno da desigualdade. Ramón Palao: En canto a Brasil, podemos considerar a política de Lula como socialista ou é aínda liberal? Frei Betto: A política de Lula non ten nada de socialista. Diría que é unha política liberal con matices populares. Lula mantivo unha boa política exterior, coa condena da invasión de Iraq, a ruptura co FMI, o achegamento aos países de África, de Asia, o apoio a Venezuela, á Bolivia de Morales, a Correa en Ecuador, a Cuba, a Nicaragua. A política exterior de Lula é extensíbel para a estabilidade de toda esta primavera democrática que hai agora en América Latina. Pero, desde o punto de vista interno, as políticas sociais non son socialistas, non son políticas para cambiar o país. Acabo de ver en internet unha enquisa sobre a calidade do ensino (Informe Pisa 2006). Sobre unha lista de 57 países, Brasil ocupa o posto 52. Había moitas esperanzas postas no compromiso de Lula sobre esta cuestión. Pero hai máis de neoliberalismo que de socialismo. Con certos trazos democráticos populares. Ramón Palao: Hai que temer unha degradación do “socialismo do século XXI”? Está caendo en mans autoritarias? Frei Betto: Non, iso non vai pasar. Non se van a repetir os erros que levaron aos fracasos duns e outros. Pero a xente aquí ten que comprender que hai que facer mudanzas en América Latina, mudanzas que, claro, van afectar aos intereses dunha parcela moi rica da poboación. A xente pinta a Chávez, a Morales e a outros coma se fosen moito máis diabólicos do que son. Ese é o problema, porque a xente non recorda a Carlos Andrés Pérez, en Venezuela, que roubaba todo o diñeiro e ía construír mansións a Miami. Por que non se fala diso? Vou darche un exemplo do tendenciosa que é a prensa en Europa: Podes imaxinar, almorzando, escoitar en televisión a seguinte nova: “Nunha praia de California, esta mañá, un grupo de cubanos tomou unha parte do territorio e implantou unha base naval”? Sería un escándalo! Pero hai unha base naval en Guantánamo, no litoral de Cuba, e a xente nunca se indignou, salvo porque agora serve de cárcere de supostos terroristas. Portugal acabou coas súas colonias, España acabou coas súas colonias, China, todos os países europeos que tiñan colonias en África, pero Estados Unidos ten Porto Rico, e ninguén di nada. Hai un país soberano, libre, de América Latina, que desde 1898 é unha colonia, e non hai ningún sinal de que se vaia a permitir a recuperación e autodeterminación... Ramón Palao: Aínda que se denomine Estado Libre Asociado. Frei Betto: Si, que ao final non é Estado, nin libre, nin asociado. Non se asociou, porque foi unha imposición, e non se cuestiona se é un socio ou ten vontade propia. Ramón Palao: Cales son as liñas directrices do “socialismo do século XXI” que está por facer? François Houtart: Penso que non hai que rexeitar as conquistas, porque hai conquistas reais, pero tamén hai fracasos, erros e crimes fundamentais. Hai moitas conquistas no plano da educación, do nivel de vida, etc. Se se toman como referencia, decatámonos de que, por exemplo, unha das faltas do socialismo foi a da atención aos problemas do medio. Ese é un fenómeno relativamente novo e que, coido, debe ser analizado correctamente, xa que pode ser doadamente terxiversado, como o fai Al Gore, que conclúe que simplemente hai que cambiar os hábitos individuais, pero que non cuestiona todo o sistema económico e o sistema político que impiden precisamente resolver o problema. O segundo aspecto que me parece tamén novo é o problema da interculturalidade, onde a miúdo un determinado número de factores das diferenzas culturais non foi tido en conta. Agora somos moito máis sensíbeis ás diferenzas: diferenzas étnicas, diferenzas de xénero, diferenzas sexuais, etc. En canto á democracia, igualmente, un dos problemas do “socialismo do século XX” é que se construíu un sistema, finalmente burocrático, que destruíu gran parte do funcionamento democrático que representaban os soviets nun principio. Así pois, o “socialismo do século XXI” debe incidir no desenvolvemento da dimensión democrática, con moita máis sensibilidade ao funcionamento democrático das institucións nos movementos sociais contemporáneos. Vexo nos Foros Sociais unha demanda de pór fin aos autoritarismos, aos verticalismos que tiñamos en certos movementos sociais e políticos precedentes.
|
||||
| As opinións vertidas nos artigos de opinión, enviados polos nosos colaboradores ou tiradas doutros meios, non teñen porque ser necesariamente compartidas pola CIG. | ||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 15/01/2008 |
||||
|