|
Actualidade / Opinión Margarida Corral Sánchez-
Este feito está a recuperar o debate a respecto do aborto no Estado español. O aborto non é legal, senón que está despenalizado para tres supostos: • Que o feto poida nacer con graves taras físicas ou psíquicas (sempre que o aborto se practique dentro das 22 primeiras semanas de xestación). • En casos de violación. • E cando a preñez poña en perigo a saúde física ou psíquica da muller. A Lei do aborto outorga a potestade de decidir á xudicatura, porque é aos xuíces e ás xuízas a quen lles corresponde decidir se a causa que alega unha muller entra ou non nos supostos. Ao seguir contemplado como delito, non hai seguridade xurídica de que o aborto non será perseguido. Por tanto, é preciso que saia do Código Penal. As mulleres levamos moitos anos reivindicando o dereito a abortar de xeito libre e gratuíto na sanidade pública. Que aquelas mulleres que así o manifesten non teñan que escudárense en supostos legais que agochen a nosa libre elección como adultas e persoas autónomas. Isto ten que ir vinculado a unha reforma na actual política de planificación familiar e de anti concepción, xa que a día de hoxe, o dereito das mulleres a decidir sen tutela e restricción vese minguado pola falta de acceso á educación sexual, a anti concepción e a atención de calidade na saúde sexual e reprodutiva. A día de hoxe, a interrupción voluntaria do embarazo supón un labirinto de obstáculos económicos e asistenciais máis que unha prestación sanitaria normalizada. O aborto segue a ser tabú 22 anos despois da despenalización. As portas das clínicas están a aparecer pintadas que simulan sangue, grupos relixiosos rezando fóra do local, manifestacións e incluso agresións verbais ou físicas a traballadoras e traballadores... Estamos ante unha persecución organizada pola dereita máis conservadora, unha batalla política que está reavivando e alentando os intereses dos grupos contrarios á consecución dos dereitos sexuais e reprodutivos das mulleres. A reforma da actual Lei do aborto é imprescindíbel (elaboración dunha lei de prazos). É urxente unha norma máis precisa que protexa os dereitos das pacientes e do persoal médico que permita que as intervencións comecen a realizárense de xeito habitual na sanidade pública, unha lei de educación afectiva e sexual que preveña os embarazos non desexados. O ataque ás clínicas abortistas, a persecución ás mulleres que abortan, o número de mulleres mortas a consecuencia da violencia machista e, en xeral, as agresións, humillacións e discriminacións que sufrimos as mulleres polo mero feito de selo amosan a necesidade de continuar loitando polos nosos dereitos como colectivo oprimido e discriminado polo sistema vixente, patriarcal e capitalista. Desde esta ventá, a poucas semanas da conmemoración do 8 de marzo, recuperamos unha reivindicación histórica do feminismo: o dereito das mulleres a decidirmos.
|
||||
|
||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 18/01/2008 |
||||
|