Actualidade / ArtigoVolver


Vigo, 2 de xaneiro de 2008 (Publicado en La Región o 29/12/2007)

A especulación chega ao viño
 

Manuel Mera-

fs@galizacig.net


  Viñedos en Beade (Ourense); clic para aumentar
O viño é no sul da nosa nación o que a carne e leite no centro e norte: alicerce da economía agraria e sustento fundamental da actividade rural. Este novo atranco non é unha eiva sen importancia, xa que pon en perigo a sustentabilidade de moitos concellos e de miles de familias. (Foto: Viñedos en Beade, Ourense. ©galizacig.com).
 
A reforma da PAC do viño, por parte da Unión Europea, segundo os produtores galegos e a Consellaría de Medio Rural terá un efecto moi negativo sobre o sector no noso país. Poucos entenden as razóns pra realizala, porque nos últimos anos millorou moito a calidade e as vendas mantéñense firmes. Hoxe hai en Galiza viños brancos, e tamén tintos, feitos con uva albariña, treixadura, godello, loureiro, etc, que a un prezo razoábel complementan calquera xantar con dignidade, e non teñen ren que envexar aos millores do mundo, tal como se amosa nos moitos premios acadados.

Desde Bruxelas utilízase como argumento pra levar adiante a reforma que compre millorar a competitividade e o etiquetado. Porén polas medidas tomadas todo reflicte que teñen unha finalidade distinta, xa que van claramente contra a agricultura familiar, ao liberalizar a plantación de vides, desaparecer no etiquetado a denominación de orixe, e baleirar de contido os consellos reguladores. Estas propostas favorecen aos grandes grupos capitalistas que, aproveitando por exemplo a sona dos viños galegos, poderán producir albariños ou godellos en calquera outra parte, ou mercar grandes extensións eiquí, tendo ao seu favor toda a capacidade mediática e de comercialización que lle dá o poder económico. O prestixio acadado por certas variedades, despois de décadas de esforzo de miles de labregos, será papado en pouco tempo polo oportunismo e leis que favorecen a concentración e centralización económica; especialmente cando, como no noso país, este é un sector con centos de pequenas adegas e marcas.

Por outra banda, e non é un tema menor, sempre será unha garantía coñecer os produtos, saber quen os fai e como e, sobre todo, asegurar a soberanía alimentar.

O viño é no sul da nosa nación o que a carne e leite no centro e norte: alicerce da economía agraria e sustento fundamental da actividade rural. Este novo atranco non é unha eiva sen importancia, xa que pon en perigo a sustentabilidade de moitos concellos e de miles de familias. Por iso non entendo a tranquilidade coa que ve o tema o presidente da Xunta, e tampouco se comprende que vexa aspectos positivos en que se adíe a liberalización das plantacións até o ano 2018, xa que isto non muda o problema de fundo. É un cambio que evidentemente danos máis tempo, malia que impón un modelo que favorece ás grandes empresas e aos especuladores. Tamén é certo que deixa algúns mecanismos nas mans dos Estados, porén sería de inocentes pensar que serán abondo pra modificar a tendencia unha vez que se impoña o modelo. Desde a Unión Europea todo amosa que se pretende realizar no viño o mesmo percorrido que con anterioridade se fixo coa carne e o leite... os resultados témolos á vista.

Deixar illados os problemas, non socializalos, non buscar a complicidade de toda a sociedade galega, comezando polos labregos, é un erro que imos pagar caro. No marco do Estado español e da Unión Europea sempre priman os intereses sobre a solidariedade ou a xustiza, como poidemos comprobar duramente nas últimas décadas. En Galiza non temos hoxe peso demográfico, nen organizacións políticas propias hexemónicas, daquela o único mecanismo de presión efectivo é a mobilización social. Confiar exclusivamente na forza dos argumentos e da análise (sempre necesaria e fundamental) sería unha demostración de inocencia ou debilidade que non se pode admitir en política... e moito menos se é derrotismo ou submisión. Por iso, repito, nun tema que atinxe a un sector tan amplo da povoación, e que resulta vital pra zonas moi deprimidas, non se comprende a falta de iniciativas do presidente da Xunta e que todo se queira resolver con boas palabras e confianza no futuro.

 
 
  Manuel Mera,
secretario confederal de Formación Sindical e
Comunicación da CIG.
(Máis artigos...)
  Manuel Mera
 
Volver

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 02/01/2008
cig.informatica


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta