Actualidade / ArtigoVolver


Vigo, 22 de xaneiro de 2008 (Publicado en La Región o 18/01/2008)

A longa loita antiforal
 

Manuel Mera-

fs@galizacig.net


  Directorio Antiforal de Teis; clic para aumentar
Directorio Antiforal de Teis. (Na foto, publicada na revista “Vida Gallega”, están: José Martínez, Julián Estévez, Arturo Nieto, Jacinto Crespo, José Lago, Ángel Lago, Enrique Martínez e José Covelo).
 
O 5 de xaneiro cumpriuse un século da constitución do Directorio Antiforal de Teis, abríndose deste xeito unha nova etapa na loita dos labregos, máis organizada e menos espontánea, contra os Foros que afogaban o desenvolvemento agrario e a sociedade galega en xeral. Nesta xuntanza, precedida dunha realizada o 15 de decembro, deuse conta de que 41 sociedades agrícolas e obreiras da provincia de Pontevedra apoiban a campaña antiforal e nomeouse unha Comisión Xestora integrada por membros da Sociedad de Agricultores de Teis encargada de preparar un mitin en Vigo. A Comisión estaba formada por: José Martínez Lago, José Martínez da Vila, Enrique Martínez, Angel Lago Manzanares, Julián Estévez, José Nieto e Jacinto Crespo. No mitin de Vigo xa serían 102 as entidades que se suman á campaña, polo que se decide repetir a experiencia axitativa noutras cidades de Galiza.

As xuntanzas antiforais chegan aos máis diversos lugares do país, tais como Cerdedo, Castrelo de Miño, Fonsagrada... e en varias comarcas orientais de Lugo xurdiría outro Comité Antiforista con centro en Becerreá. “Pra organizar a asembleia de Ourense, que corre a cargo da Sociedade de Agricultores do Carballiño, desprázase á cidade das Burgas Chinto Crespo como representante do Directorio, e reúnese no Centro Obrero coas principais sociedades ourensás que se suman á campaña... O acto fíxose o 29 de marzo... O mitin de Ourense, con importante presenza labrega, non amosa sobre os anteriores, de Vigo e Pontevedra, máis cunha certa tendencia á radicalización nas declaracións” (JA Durán, Agrarismo y movilización campesina en el país gallego).

O primeiro mitin rural da campaña antiforista celébrase en Tomiño, no Baixo Miño, o 20 de xuño de 1909, e nel salientan dous feitos significativos: Chinto Crespo, que abre os discursos, diríxese aos presentes en lingua galega, empregada por vez primeira nesta campaña; e ademais intervén entre os oradores unha muller, Carmen Álvarez, que se dirixe fundamentalmente á numerosa asistencia feminina. Chinto Crespo é un gran propagandista agrario, “emprega un ton popular, como corresponde á súa clase proletaria” (JA Durán).

No Directorio Antiforal de Teis converxeron dúas correntes, unha con base na bisbarra de Pontevedra abolicionista, e outra con centro na comarca de Vigo redencionista, ou sexa, que aceptaba pagar unha cantidade pra rescatar os foros. Está última foi a que se impuxo. Sen dúbida o Directorio alentou a organización e protesta labrega e foi vital na loita contra os foros, o que levou a súa redención durante a ditadura de Primo de Rivera. O Directorio coincidiu no tempo con Solidariedad Gallega e a Unión Campesina, ambas as dúas centradas sobre todo no norte da provincia de A Coruña. As tres participaron das asembleias agrarias celebradas en Monforte (1908, 1909 e 1911), nelas foron evidentes as diferenzas, o peso recaeu nos homes de Solidaridad Gallega, especialmente Rodrigo Sanz.

A loita contra os foros marcou gran parte dos séculos XIX e XX, e practicamente non hai familia que non sufrira en carne propia aquel aluguer inxusto e feudal, a represión do réxime, e a dura emigración na procura de cartos cos que mercar as terras secularmente traballadas, mil veces pagas co esforzo cotiá, porén sempre alleas e baixo as gadoupas de fidalgos absentistas. Este foi o caso do meu abo por parte de pai, da aldea de Samamede, na parroquia de Berredo, no concello da Bola, que na primeira década do século XX foi a cortar cana de sucre a Cuba, nunca deixaría de ser emigrante e falecería en Bos Aires. Canto sacrificio de ducias de miles de persoas!... canta rebeldía xusta e atrevida na aldea!... Coido que debemos lembrar estes feitos como merecen, evitando a ruptura co pasado por mor da mobilidade aos centros urbans e falsas concepcións históricas dominantes.

 
 
  Manuel Mera,
secretario confederal de Formación Sindical e
Comunicación da CIG.
(Máis artigos...)
  Manuel Mera
 
Volver

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 22/01/2008
cig.informatica


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta