|
Actualidade / Artigo Unha nova transición Manuel Mera-
Agora ben, non se pode ignorar que os primeiros pasos pra desandar, o duramente construído durante a toda a etapa franquista e moi especialmente na súa última década, producíronse xustamente na transición, coa sinatura do Pacto da Moncloa fai agora trinta anos. Non é polo tanto un proceso que xurdira de súpeto, que se lle poda cargar totalmente á globalización neoliberal, a integración na Unión Europea, ao “tejerazo” e a LOAPA, e á queda do chamado “socialismo real”. Non se pode ignorar que esta chuvia regou un terreo previamente preparado, no que se abandonara calquera transformación de fundo, fora política, social, cultural, ou de recoñecemento real das antigas nacións periféricas. O Pacto da Moncloa foi acordado polos partidos políticos (UCD, AP, PSOE, PCE, etc), limitaba o aumento dos salarios e daba os primeiros pasos pra flexibilizar os contratos. As contrapartidas eran pura leria: frear a inflación, xerar máis e millor emprego... O certo é que a clase obreira non conseguiu posteriormente ter un peso tan grande na renda producida, como o que acadou até entón. Pola contra o ingreso concentrouse e centralizouse, e a sociedade estratificouse perigosamente. Os ricos sono moito e hai un amplo sector da clase media satisfeito, o campesiñado minguou e a clase obreira segmentouse e precarizouse, recompóndose deste xeito a correlación de forzas a prol da clase hexemónica histórica. Este recuar foi posíbel porque a este acordo seguíronlle outros (ANE, AMI, etc), así como sucesivas reformas laborais e fiscais, todas coa mesma filosofía de fundo. Os pactos sociais foron asumidos polos sindicatos afíns aos partidos asinantes e no futuro serian eles os que fixeron súa esta estratexia, non sen un primeiro intre de confusión e debate interno. O argumento que se utilizou era, que estes acordos xerais serian beneficiosos pra clase obreira; porén os resultados negativos están á vista: hoxe a metade da xente ten dificultades pra chegar a fin de mes e un 23% das familias galegas vive baixo o nivel da pobreza. E todo isto nunha sociedade que produce pra mesma povoación moitos, moitísimos! máis recursos de todo tipo e con avanzos técnicos de fabula. Os últimos acordos en materia de negociación colectiva en Madrid, que contan coa bendición do Governo central, e asinados pola patronal e os dous principais sindicatos de ámbito estatal continúan nesta andaina negativa (un 2% de aumento nos convenios), aínda que co agravante de que o contexto social e laboral está ao limite. A vida encareceuse moito, especialmente nos produtos e bens máis básicos e esenciais, e os salarios só son dignos facendo horas extras a moreas. Fai trinta anos un home que traballara na industria podía manter unha familia composta pola parella e dous fillos, hoxe traballan os dous a un maior ritmo e máis horas, e non poden mercar un piso e criar un fillo. É unha diferenza significativa pra clase obreira galega, por mor de tres décadas de pactos sociais. No resto todo sigue máis ou menos igual, no malo, continúa a emigración, o rural está máis desfeito, a lingua e cultura do país seguen abafadas e a nosa historia moi ignorada... hai protestas a cotío (con escasa repercusión nos medios)... iso si, o positivo, temos teléfonos móbiles e internet, e millores infraestruturas. Sen dúbida fai falla unha nova transición e facer a ruptura pendente. |
|||||||
|
|||||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 10/01/2008 |
|||||||
|