|
Actualidade CIG-Comunicación-
O Día de Mobilización e Acción Global pechouse o sábado 26 de xaneiro en Santiago co compromiso de máis de sesenta asinantes de faceren realidade o Foro Social Galego antes dun ano. A súa primeira celebración coincidirá co Foro Económico Mundial de Davos, Suíza, encontro que propiciou o nacemento, en Porto Alegre, do seu antagónico cidadá, o Foro Social Mundial (FSM). Este ano, a diferenza do que aconteceu os últimos sete, o FSM celebrouse de forma descentralizada a través do Día de Mobilización e Acción Global en diversos lugares do Planeta. En Galiza, o encontro tivo lugar ao longo da mañá do sábado 26 de xaneiro na Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago de Compostela cun extenso debate e unha Feira de asociacións. Entidades como a CIG, entre moitas outras, conforman o escenario humano deste debate con vocación de permanencia que buscará alternativas ao modelo neoliberal imperante. Na ligazón http://altermundo.org/portal/content/view/1113/358/ pódese visualizar a listaxe íntegra de adhesións de organizacións e persoas individuais a este foro. Despois do primeiro encontro mundial, no 2001, o FSM configurouse como un proceso mundial de busca e construción de solucións ás políticas desenvolvidas “polas grandes corporacións multinacionais e polos gobernos e institucións internacionais a servizo dos seus intereses, coa complicidade dos gobernos nacionais”. Esta é a definición que figura na súa Carta de Principios. O Foro Social Mundial confórmase, a través da pluralidade e a diversidade, con carácter aconfesional, non gobernamental e non partidario. O acto inaugural estivo presidido polas persoas que representaban as organizacións que, en tanto que participantes dende o ano 2001 nos diferentes foros que se veñen celebrando no marco do proceso do Foro Social Mundial, convocaron a sociedade galega á Asemblea de Movementos Sociais Galegos. Esas organizacións orixinarias foron: Seminario Galego de Educación para a Paz, Fundación Galiza Sempre, Marcha Mundial das Mulleres, Sindicato Labrego Galego, CIG, CCOO, UXT, Sindicato de Traballadoras e Traballadores de Galiza (STEG), Coordinadora Galega de ONGD, Adega, Verdegaia, Amarante, Foro Galego da Inmigración e Altermundo. |
||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 30/01/2008 |
||||
|