|
Actualidade CIG-Comunicación-
Os datos oficiais de accidentes rexistrados en xornada laboral (excluíndo os accidentes in itínere) son para a central sindical nacionalista “desalentadores”. • Un total de 4.458 accidentes (4.062 en 2006), o que representa 396 sinistros máis en números absolutos ou un 9,75% de incremento. • Accidentes leves: 4.371 en 2007 (3.982 en 2006) que supón un aumento do 9,77% e 389 accidentes máis. • Accidentes graves: 79 en 2007 fronte a 71 en 2006, que representa un aumento do 11,27% e 8 accidentes máis. • Accidentes mortais: Mellóranse as cifras, pasando de 9 en 2006 a 8 en 2007, redución do 11,11% e 1 vítima mortal menos. Así estes datos son “os datos oficiais de accidentes rexistrados dentro da xornada laboral que causaron baixa do traballador, polo que temos a absoluta certeza, e podemos demostralo, que as cifras reais son aínda moito maiores e agachan unha situación moito peor en materia de seguridade laboral”. Desde a Comarca de Ourense da CIG tamén quixeron dar a coñecer “algunhas das prácticas usadas polas empresas, coa inestimábel colaboración das mutuas, para ocultar accidentes: • Temos detectado nos últimos tempos empresas que nin tan sequera dan parte do accidente: simplemente envían ao traballador a casa e agardan á súa curación, para así manter as cifras favorábeis dentro do seu sector. • Moitas lesións producidas por sobre-esforzos e movementos repetitivos son derivadas pola mutua respectiva ao sistema sanitario público, polo que a baixa do traballador consta como enfermidade común e non como laboral. • En ocasións simplemente terxiversan o parte de accidente e rexístrano como accidente leve en vez de grave (como fixo FREMAP cos feridos do accidente do AVE en setembro pasado) sen que a Inspección de Traballo nin a Autoridade Laboral adopten medidas para remedialo”. O secretario comarcal da CIG de Ourense, Etelvino Blanco, manifestou que a CIG “volve exixir o cumprimento da normativa en materia de prevención de riscos por parte das empresas e a maior contundencia e o maior compromiso da Administración no seu labor inspector, tanto na vertente da prevención como na sancionadora”. Así mesmo, Blanco reclamou “que se poña en funcionamento o Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA) creado pola Lei 14/2007 publicada no DOG do pasado 15 de novembro de 2007, dado que pensamos que pode ser unha ferramenta útil na loita contra a sinistralidade laboral”. Por último o secretario comarcal ourensán engadiu que “desde a CIG nos reafirmamos na defensa da vida e na denuncia das prácticas que poñan en perigo a saúde dos traballadores e traballadoras, informando, asesorando, facendo propostas nas empresas e nos foros dos que participamos, e mesmo personándonos xudicialmente, se fose necesario, nos procedementos xudiciais que se abran”. |
|||||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 29/01/2008 |
|||||||
|