|
Actualidade CIG-Comunicación-
Os representantes nacionalistas consideran que o conflito ocasionado polo traslado a A Mariña dos bidóns do Casón, “non se tratou dun conflito laboral, senón social” e polo tanto “é necesario facer xustiza con este colectivo de traballadores e darlles o trato que dignamente merecen”. Lembra ademais que tras este conflito “que convulsionou toda Galiza e cun descontrol manifesto por parte de diferentes administracións”, foron só os representantes sindicais os que sufriron consecuencias económicas e laborais como a perda do posto de traballo, o quebranto das economías familiares e tamén, unha enorme carga moral”. Recordan, así mesmo, os deputados nacionalistas que estes representantes sempre actuaron “por decisión asamblearia nun proceso onde a desinformación, as contradicións das ordes administrativas, e o despropósito do traslado innecesario de 300 quilómetros dos bidóns por estradas galegas nunca foron explicados”. Segundo recolle a proposición do BNG, o Parlamento de Galiza instaría ao Goberno galego a “un recoñecemento explícito da labor sindical dos representantes despedidos polo conflito do Casón” e “o estudo da apertura dunha mesa entre Administración e sindicatos para acadar solucións individuais aos problemas laborais e de cotizacións dos traballadores e traballadoras despedidos por este conflito”. Ademais, os representantes nacionalistas pedirán que o Estado indulte a todos os traballadores despedidos. O 5 de decembro do ano 1987, ás 7:45 horas, o buque Casón envía unha chamada de SOS á Cruz Vermella do Mar, con sé en Fisterra. A partires dese momento ábrese unha crise histórica en Galiza que, comezando na Costa da Morte rematou en A Mariña luguesa. A relación cronolóxica dos feitos máis significativos, segundo se recolle literalmente no Informe elaborado pola “Comisión de esclarecemento dos feitos acaecidos polo embarrancamento do buque Casón nas costas de Galiza” é: Día 5 Incéndiase o buque Casón, de bandeira panameña, a 15 millas náuticas de Fisterra. O buque desalóxase por orde do capitán e, dos 31 tripulantes chineses, morren 23. Ás 20 horas embarranca na Punta do Rostro, en Fisterra. Día 6 As autoridades afirman descoñecer a carga do buque. O gobernador civil de A Coruña afirma que “non existe perigo algún” pero os medios de comunicación recollen rumores sobre a perigosidade da carga do buque. Día 7 Empézase a actuar sobre o buque. A Comandancia de Mariña de A Coruña afirma que o Casón contén “produtos moi tóxicos pero non radioactivos”. Ordénase desaloxar a zona próxima ao buque, e catro tripulantes dun remolcador necesitan asistencia médica tras inspeccionar o buque. Día 8 Os medios de comunicación manexan termos como “polvorín na costa”, “carga letal”, “témese o peor”... Paralízanse os labores de rescate da mercadoría por temor a orixinar unha nube tóxica e hai rumores de posíbel evacuación da poboación. Día 9 Centenares de fisterráns comezan o abandono as súas casas por temor a unha intoxicación. O gobernador civil de A Coruña desminte que Protección Civil recomendara o peche dos colexios públicos e afirma que calquera noticia neste senso é absolutamente falsa. A Xunta de Galiza recoñece nun comunicado que a Consellaría de Educación dera orde de suspender cautelarmente as clases nos Concellos de Fisterra, Cee e Corcubión. O gobernador civil de A Coruña afirma que a situación está baixo control absoluto. Día 10 Prodúcese a caótica evacuación da costa fisterrá, logo de espectaculares explosións no buque e dunha orde de evacuación do Goberno Civil de A Coruña. A carga considerada como máis tóxica trasládase desde o porto de Brens ao campamento militar de Parga (Lugo). Día 11 Prodúcense enfrontamentos masivos na vila luguesa de Guitiriz. A poboación detén e inmobiliza durante 13 horas os tres camións que transportaban a carga considerada como máis perigosa. Os condutores dos camións néganse a seguir co transporte e é a propia Garda Civil quen ten que facelo. Forzas antidisturbios logran abrir a N-VI para permitir o seu paso. Entre mentres, mantense a evacuación da costa fisterrán. Día 12 O transporte dos camións cos bidóns máis perigosos chega ao complexo de Alúmina-Aluminio en San Cibrao (Lugo), a uns 3.000 quilómetros do embarrancamento do Casón. Sen explicación elíxese este destino sen considerar que é a única empresa de produción continua de toda a comarca. A Dirección da empresa e a representación dos traballadores/as impiden a súa entrada na factoría. Os camións desvíanse até a praia próxima de Lago á espera de atopar unha solución. Mentres alcaldes de A Mariña luguesa solicitan medidas e evacuación, o gobernador civil de Lugo manifesta que os bidóns entrarían no complexo de Alúmina-Aluminio aínda que fose preciso usar a forza. O Comité de Empresa e a Dirección comunican que, de entrar os camións na factoría, procederíase a evacuar a planta acolléndose ao artigo 19.5 do Estatuto dos Traballadores mentres se efectuase a carga de bidóns no buque Galerno. Increméntase a presenza de antidisturbios e de veciños e veciñas na porta deste complexo industrial. Un patrulleiro da armada chega ao porto da factoría para evitar que os pesqueiros bloqueen a bocana e impidan a entrada do buque Galerno para o transporte dos bidóns. Día 13 Celébranse manifestacións en Viveiro, Foz e Xove exixindo a saída dos bidóns da comarca. Os alcaldes de A Mariña deciden pecharse no Goberno Civil para pedir a dimisión do gobernador. Ese mesmo día chega á factoría de Alúmina-Aluminio un directivo de Madrid para facerse cargo da crise. Día 14 Ás 9:45 horas os camións cos bidóns realizan unha falsa manobra de aproximación ao complexo industrial, que é seguida do desaloxo da fábrica polos traballadores/as e considéranse rotos os plans de evacuación pactados entre o Comité e a Dirección da empresa. Por vez primeira, desde a publicación do Estatuto dos Traballadores/as, un Comité de Empresa acóllese ao artigo 19.5 para garantir a seguridade dos seus representados e chama á evacuación do complexo industrial. A resposta de evacuación é practicamente unánime. O gobernador civil de Lugo ordenara, como medida precautoria, desaloxar as vivendas próximas ao lugar de embarque dos bidóns. Prodúcese un novo acordo condicionado entre o Comité de Empresa e a Dirección para manter as series de electrólise. Como condición, o Comité pide que, no momento de manipular os bidóns para o seu embarque, os traballadores e traballadoras destinados ao mantemento das series de electrólise serían evacuados inmediatamente. O directivo da empresa, chegado de Madrid, racha o acordo e exixe a entrada de todo o persoal para traballar e que, sería o propio persoal da fábrica quen debería cargar os bidóns. Entra no porto de Alúmina-Aluminio o buque Galerno e realiza a operación de carga, aloxándose na factoría. Os traballadores/as regresan á factoría. Día 15 A representación sindical, actuando sempre baixo o mandato da Asemblea de traballadores/as, solicita a transferencia de responsabilidades para pór en servizo as instalacións do complexo e impedindo a paralización das mesmas. A Dirección comunica a paralización das series A e B de electrólise. Día 16 A Dirección comunica verbalmente ao Comité de Empresa que se ían despedir a uns 104 traballadores, abrir expediente disciplinario ao Comité e exixir responsabilidades civís e penais. O Comité de Empresa chama á reintegración aos postos de traballo sen condicións. Todo o Comité de Empresa (23 membros) recibe a carta de despido, celebrándose o xuízo na Maxistratura nº 2 de Lugo con resultado de “despido procedente”, sendo ratificado polo Tribunal Supremo (TS) con data 18/01/1989. Na sentenza so TS, un dos tres maxistrados, Bris Montes, fixo un voto particular que defendía a actuación do Comité de Empresa no conflito do Casón. Tanto o tribunal de Lugo como o TS consideran nulos os despedimentos dos 104 traballadores que non cumpriran os servizos mínimos, ao autoresponsabilizarse os membros do Comité de Empresa. Como represalia, un delegado sindical da INTG dunha empresa auxiliar (presidente do Comité de Empresa de INDUNOR) é despedido despois do período de regulación de emprego, pola parada do proceso produtivo. É a primeira vez na historia que se despide a todo un Comité de Empresa por un conflito extralaboral. Transcorridos 20 anos deste conflito que convulsionou Galiza, cun descontrol manifesto por parte das distintas administracións, o certo e que só os representantes sindicais sufriron as consecuencias económicas e laborais, con perda do posto de traballo, quebranto das economías familiares, problemas para a incorporación en novos traballos, listas negras para entrar noutras empresas públicas... |
||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 26/01/2008 |
||||
|