|
Actualidade
A Coruña, 5 de xaneiro de 2008
É indecente que UGT e CCOO pretendan
arrogarse méritos cando son responsábeis de que os mineiros fiquen excluídos do Miner II
Os avances no futuro laboral do persoal das auxiliares de Meirama producíronse grazas á mobilización
| |
 |
| Os beneficios que se conseguiron para os traballadores
de Masa e doutras auxiliares son consecuencia das mobilizacións e das folgas que realizaron, “pese a ser
boicoteadas por CCOO e UGT”. “Se non é polos traballadores e polo apoio da CIG, hoxe xa estaríamos
todos na rúa”, sentenza Barreiro.
(Foto: Aspecto das instalacións da mina de Meirama durante a xornada de folga convocada pola CIG o 28 de
marzo de 2007. ©galizacig.com). |
| |
Os avances producidos no conflito das auxiliares
de Meirama, como o mantemento dos postos de traballo dos mineiros durante seis meses máis desde o peche
do xacemento, ocorrido o pasado 31 de decembro, débense á capacidade de mobilización que amosaron
os operarios. A última convocatoria de folga serviu para forzar a Masa, Soluziona e Fergo a garantir o traballo
na mina até o próximo verán.
É indecente que UGT e CCOO pretendan arrogarse
méritos cando son os responsábeis de que os mineiros de Meirama sexan os únicos de todo o
Estado que non se beneficien das prexubilacións contempladas no Plan Miner II, asinado en marzo de 2006
por estas dúas centrais, pola patronal e polo Ministerio de Industria.
Á CIG tamén lle resultan cínicas
as declaracións de Roberto Teixido, representante da UGT, nas que elude responsabilidades do seu sindicato
na marxinación da mina de Meirama das axudas do Plan Miner. Nas súas manifestacións, Teixido
ampárase en que “en Cerceda se extrae un carbón distinto”. Mais o plan Miner II está concibido
para contrarrestar as consecuencias da redución da actividade mineira ou do peche de xacementos de carbón,
tal como ocorre en Meirama e en As Pontes. Por tanto, non serven as escusas esgrimidas polo sindicalista da UGT
para tentar ocultar a traizón da súa central aos intereses dos mineiros das auxiliares da Galiza.
Nun sentido parecido exprésase o presidente
do comité de Masa, Alejandro Barreiro: “O carbón de Meirama é o mesmo que o de As Pontes.
Pola contra, alí si que vai haber incorporacións de traballadores das auxiliares á empresa
principal. Do mesmo xeito, en Cerceda o persoal de Limeisa vaise beneficiar de prexubilacións a través
do Plan Miner. Por tanto, as palabras de Teixido quedan desacreditadas e demostran que o seu sindicato non vela
polos intereses dos mineiros de Meirama”.
Barreiro puntualiza que os beneficios que se conseguiron
para os traballadores de Masa e doutras auxiliares son consecuencia das mobilizacións e das folgas que realizaron,
“pese a ser boicoteadas por CCOO e UGT”. “Se non é polos traballadores e polo apoio da CIG, hoxe xa estaríamos
todos na rúa”, sentenza Barreiro.
Recolocacións
O plan de recolocacións deseñado
pola Consellaría de Industria, negociado na Mesa Auxiliar do Carbón da Xunta, é o único
programa real e críbel para a CIG. Todo o contrario acontece co plan ideado pola Consellaría de Traballo,
anunciado por este departamento de maneira unilateral pois non o consultou nin cos sindicatos nin cos traballadores.
O programa do gabinete que dirixe Ricardo Varela responde exclusivamente a un ánimo propagandístico
e aínda se descoñecen as súas medidas.
|