ActualidadeVolver a Actualidade


Vigo, 25 de xaneiro de 2008

Grazas ao peche no parque comarcal
Os bombeiros do parque de O Morrazo conseguen un preacordo pola presión das mobilizacións

 

CIG-Comunicación-

cig.prensa@galizacig.com


  Peche no parque de bombeiros de O Morrazo; clic para aumentar
Os tres Consorcios Comarcais acordaron iniciar o xoves 24 a partir das 9:00 horas un encerro nos parques de bombeiros. Este encerro ía manterse de forma continuada até o luns, pero ao longo da xornada do xoves obtiveron unha resposta da Deputación de Pontevedra, que ofreceu a posibilidade dun preacordo. (Foto: ©galizacig.com 24/01/2008).
 
Todas as xestións coa Administración resultaron inútiles para resolver a situación de discriminación salarial na que se atopan os bombeiros dos Consorcios Comarcais privatizados da Provincia de Pontevedra (O Morrazo, O Salnés e Baixo Miño). Tiña que ser un peche no parque comarcal que se iniciaba este xoves a mañá, o momento no que distintas xestións fixeron posíbel un preacordo que será transmitido e concretado o luns 28.

O único camiño que lles quedou aos traballadores destes Consorcios foi a mobilización para enviarlle unha mensaxe clara á Deputación de Pontevedra, que continuaba negándose a chegar a un acordo coa Consellaría de Presidencia semellante ao chegado en A Coruña, que permitiu nesta provincia incrementar os salarios 230 euros ao mes para os bombeiros, 300 euros para os cabos e 100 euros para os xefes de servizo desde outubro de 2007.

Despois dunha xuntanza mantida o martes 22 de xaneiro entre os representantes dos traballadores dos tres Consorcios Comarcais acordaron iniciar o xoves 24 a partir das 9:00 horas un encerro nos parques de bombeiros. Este encerro ía manterse de forma continuada até o luns, pero ao longo da xornada do xoves obtiveron unha resposta da Deputación de Pontevedra, que ofreceu a posibilidade dun preacordo que será concretado nunha xuntanza que manterán os organismos competentes o próximo luns.

Os traballadores reclaman unha suba igual á dos Consorcios de A Coruña con efectos retroactivos desde outubro de 2007 no camiño da substitución dos actuais Consorcios Comarcais por un único Consorcio Provincial con xestión pública directa, tal como recolle a disposición adicional 3ª da Lei de Emerxencias de Galiza do ano 2007.


Parque de Bombeiros de O Morrazo

Ademais, o delegado de persoal do parque de bombeiros de O Morrazo, Rubén Fraga, do sindicato CIG, púxose en contacto co presidente do Consorcio de Incendios de O Morrazo e alcalde de Bueu, Félix Juncal, quen se mostrou solidario coas reivindicacións dos traballadores e ofreceu a súa colaboración para a resolución do conflito. Félix Juncal realizou unha visita aos traballadores encerrados no parque de bombeiros comarcal na tarde do xoves 24 ás 19:00 horas, onde Rubén Fraga lle explicou de maneira pormenorizada as súas reivindicacións e a marcha das mobilizacións.

Fraga avaliaba positivamente as xestións e a posibilidade dun preacordo e engadía “que no caso de que non se resolva continuaremos coas mobilizacións, que terán que ser de maior intensidade”.

 
 
Informacións relacionadas
22/01/2008 Pola equiparación a nivel galego
Os bombeiros dos Consorcios Comarcais de Pontevedra reuniranse coa Xunta para desbloquear o conflito salarial
18/01/2008 A Deputación de Pontevedra discrimina aos bombeiros
A CIG reclama para o Parque de O Morrazo a suba salarial pactada coa Xunta a nivel galego
 
Volver a Actualidade

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 25/01/2008
cig.informatica


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta