Actualidade / EntrevistaVolver a Actualidade


Santiago, 4 de xaneiro de 2008

Suso Seixo, secretario xeral da CIG:
“O incremento de afiliación e os resultados das eleccións sindicais supoñen un respaldo á liña sindical da CIG”

 

Paula Castro-

comunicacion@galizacig.net


  Suso Seixo; clic para aumentar
Suso Seixo: “Para o ano que entra a nosa pretensión é facer moito fincapé na negociación colectiva. O traballo máis groso de eleccións sindicais foi xa no 2007. Iso vai posibilitar liberar máis recursos para poder afrontar mellor este traballo. Ademais temos previsto desenvolver unha campaña de denuncia polo papel que está asumindo o INSS, dando directamente altas aos traballadores e traballadoras a efectos económicos que na práctica se converten tamén en altas a efectos laborais moitas veces sen que o traballador estea recuperado da súa enfermidade. Parécenos realmente preocupante, primeiro porque se están a invadir competencias da Xunta de Galiza; segundo, porque se está a atentar contra a propia saúde dos traballadores, un pouco seguindo as políticas que se fan desde as propias mutuas”. (Foto: ©galizacig.com).
 
O secretario xeral da CIG, Suso Seixo, avalía, ao longo desta entrevista, o que foi o ano 2007 para a Confederación Intersindical Galega, facendo un percorrido polos principais conflitos nos que a central estivo presente. Seixo analiza tamén como repercutiu nas relacións institucionais o abandono das Mesas para un Acordo Galego polo Emprego e adianta o que poden ser uns resultados históricos nas recentes eleccións sindicais. Resultados que poderían colocar á CIG como segunda forza en Galiza.


Paula Castro:
O ano 2006 remataba co anuncio da CIG do abandono das Mesas para un Acordo Galego para o Emprego. Transcorrido un ano, como avalía o traballo desenvolvido nesas mesas e decisión adoptada?

Suso Seixo: A nosa valoración é que a decisión que tomamos foi completamente acertada. No seu momento explicábamos que se debía a que non se estaban a cumprir os obxectivos para os que as mesas foran creadas, ou sexa, para acadar un acordo amplo sobre o emprego en Galiza. Un acordo no que deberían terse en conta non só políticas activas de emprego senón tamén políticas de cohesión, políticas de emprego público, de infraestruturas ou industriais. Como iso non se daba e todo indicaba que o acordo quedaría reducido simplemente ás políticas activas de emprego e dúas ou tres medidas de carácter institucional, xunto con outras de recheo, decidimos abandonalas. Desde que se asinou ese acordo, a principios do ano 2007, en todo o que se acordou, respecto da responsabilidade social das empresas ou da negociación colectiva entre outras cousas, non se avanzou practicamente nada. Mesmo algunhas das medidas de carácter institucional aprobadas –e que en grande parte foran promovidas pola CIG, como a Lei de Participación Institucional ou a Lei de Reforma do Consello Galego de Relacións Institucionais– están aínda pendentes. O Parlamento galego tamén aprobou unha lei que regula o Instituto de Seguridade e Saúde Laboral e un Plano Estratéxico para o ano 2006-2010, pero diso practicamente non se puxo en marcha nada. Por iso entendemos que con respecto ás expectativas que había esas mesas e ese acordo está moi devaluado.

Paula Castro: En canto a políticas de emprego e en materia laboral... houbo un cambio substancial co cambio de goberno?

Suso Seixo: Algúns pasos se teñen dado, por exemplo no servizo público de emprego. Mesmo a nivel de emprego público adoptáronse algunhas medidas tendentes a rematar co elevado nivel de precariedade e de fraude na contratación que había no ámbito da Administración pública pero, en xeral, seguiuse unha política moi similar ao goberno anterior en todo o relacionado con políticas activas de emprego, tanto no que ten que ver con formación como con subvencións á contratación. Estas foron tamén razóns que, no seu momento, nos levaron a criticar os contidos dos acordos polo emprego en Galiza porque realmente se cinguían a reproducir moitos dos decretos que viñan da administración anterior. É máis, aprobáronse de novo subvencións á contratación indefinida, ampliándose as que xa había a nivel de estado sen que iso tivera resultados significativos no que supón reducir a temporalidade en Galiza que segue superando o 30%. Estanse trasladando cantidade de recursos públicos ás empresas privadas sen que iso se teña traducido nunha mellora do emprego en Galiza que parece ser que era un dos obxectivos básicos que se perseguían con ese tipo de medidas.

Paula Castro: Porén, desde a Xunta de Galiza incídese no importante incremento do emprego que se produciu neste período.

Suso Seixo: Máis que coas políticas activas que se puxeron en marcha, débese á etapa de bonanza económica que vivimos, con incrementos por riba do 4%, o que loxicamente está repercutindo na creación de emprego. Malia todo, non ten servido para rematar coa emigración de moitos mozos e mozas galegos que seguen marchando a traballar a outras partes do estado. Estamos a falar de que hai anos en que o número de contratos de galegos e galegas que están a traballar no resto do estado están por riba dos 40.000. Xente moza maioritariamente, por debaixo dos 30 anos, moitos deles cun alto nivel de cualificación que non atopan en Galiza un posto de traballo en condicións dignas. Calquera política de emprego que se poña en marcha ten que ir acompañada dunha serie de medidas, que non se adoptaron, de carácter estrutural, de apoio aos sectores produtivos, con investimentos en I+D -que é certo que se está a mellorar-. Medidas que se precisarían para ser competitivos no marco da UE que non se están a adoptar con toda a firmeza e rigor que a situación require.

Paula Castro: Ademais resulta rechamante o baile de cifras da EPA e do INEM respecto do emprego.

Suso Seixo: Tradicionalmente os datos de desemprego que daba a EPA eran moi superiores aos que daba o INEM de paro rexistrado. Fixeron certos cambios metodolóxicos na EPA, inverteuse completamente esta situación e agora dáse a paradoxa de que mentres que a EPA reflicte uns datos, o paro rexistrado nas oficinas do INEM case que duplica esas cifras. En reiteradas ocasións demandamos que se fixera un estudo que explicara esa disparidade de resultados, pero por parte da Administración nin se fixo nin se clarificaron as diferenzas entre os datos duns e doutros. Entendemos que o paro rexistrado, nestes momentos, reflicte máis a realidade que a EPA.

Paula Castro: E iso tendo en conta que os datos de paro rexistrado do INEM tampouco reflicten ao 100% a realidade.

Suso Seixo: Nas avaliacións que facemos destes datos sempre facemos referencia ademais a que non se ten en conta, porque para eles non son desempregados, os miles de galegos e galegas que están traballando noutras partes do estado porque aquí non teñen un posto de trabalo. Se realmente se tiveran en conta o número de desempregados en Galiza sería realmente alarmante.

Paula Castro: Como avalía as relacións da CIG coa Xunta de Galiza. Tivo repercusións nesas relacións a decisión de abandonar as mesas?

Suso Seixo: En xeral non notamos unha especial agresividade por parte da Xunta de Galiza, malia ter tomado esa decisión. Hai boas relacións no que respecta a facilidades para os contactos e para o diálogo, aínda que tampouco é igual coas dúas partes do goberno. Hai consellarías, como as nacionalistas, coas que é máis doado manter ese diálogo. Con respecto ao goberno anterior, o trato cos conselleiros ten mellorado. Malia todo, seguimos botando moi en falta que non se traten certos temas coas organizacións sindicais, nomeadamente as políticas que se deciden desde certas consellarías, por exemplo, en materia laboral respecto do propio persoal da Xunta ou certas leis que se están a aprobar e para as que non se ten en conta a nosa opinión.

Paula Castro: Porén, hai temas, como pode ser o caso de Serrabal, nos que semella que houbo máis dificultades para manter eses contactos.

Suso Seixo: O conflito de Serrabal ven xa da administración anterior, do goberno do Partido Popular. Está provocado porque o trazado do Tren de Alta Velocidade pasa pola mina o que repercutirá directamente na actividade do xacemento e, indirectamente, nos centros de Ferroatlántica de Cee-Dumbría e Sabón, que transforman a materia prima, o seixo, que se extrae dela. Desde o principio intentamos abrir, co novo goberno galego, vías de diálogo para que se apoiase un cambio de trazado. Parecíanos que non íamos ter dificultades ao ser, os dous partidos que o integran, críticos co actual trazado cando estaba o goberno anterior. Porén, atopámonos xustamente coa posición contraria, se ben por parte dun sector da Xunta de Galiza, nomeadamente da Consellaría de Industria, se mantivo desde o principio unha actitude receptiva ás nosas demandas e mesmo un posicionamento claro, por parte do propio conselleiro, a favor dun cambio de trazado. O PSOE, encabezado pola conselleira de Política Territorial e especialmente polo presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, foi totalmente belixerante e en contra de calquera cambio de trazado. A actitude do presidente da Xunta, xa foi de total desprezo cara os comités de empresa e cara ás dúas organizacións sindicais que levamos o conflito, UGT e máis a CIG. E digo de total desprezo porque tardamos preto dun ano en conseguir unha entrevista con el para tratar este tema. Cando nola concedeu foi por puro oportunismo: porque coincidía coa campaña das eleccións municipais e porque temía que lle puidésemos montar conflito durante a mesma. Recibiunos, deunos boas palabras, pero non fixo absolutamente nada do que alí se comprometeu. Optou por enganarnos demostrando así cal é a súa concepción do que é o diálogo social, do que presume desde que tomou posesión do seu cargo dicindo que era un dos seus grandes obxectivos. Demostrou que simplemente pretende utilizalo en beneficio político e en beneficio propio, en función do cargo que ten, pero sen relación algunha co que sería unha forma normal de actuación ou un comportamento democrático respecto das organizacións que representan á clase traballadora deste país.

Pero tamén entendo que, neste conflito, houbo unha actitude por parte de vicepresidencia moi pouco valente. Desde o BNG, neste caso desde Vicepresidencia tíñase que ter adoptado unha postura máis decidida, aínda sabendo que o tema ten unha solución difícil, dada a situación das infraestruturas en Galiza e, especialmente, dos camiños de ferro. Pero neste caso estamos a falar dunha mina da que se extrae un produto, o silicio solar, cunhas posibilidades de transformación e de xeración de valor engadido enormes en Galiza, que mesmo podería favorecer o desenvolvemento dunha industria importante derivada da transformación deste mineral. Polo tanto estamos a falar dun tema realmente importante para o noso país e, por iso, desde Vicepresidencia, tíñase que adoptar unha postura máis valente e non andar a escapar para evitar o problema como se fixo até agora.

Paula Castro: O ano 2007 arrinca coa aplicación da Caixa de Resistencia. Como se avalía a súa posta en marcha?

Suso Seixo: A avaliación que facemos é moi positiva, porque contribuíu a dar cobertura a conflitos de grande importancia sindical, como foron os do sector do metal e da construción da provincia de Pontevedra e a outros, a nivel de empresa, tamén importantes. Demostrouse que é un efectivo mecanismo de apoio nos conflitos laborais e na negociación colectiva, na medida en que pode axudar a animar máis a que os traballadores e traballadoras se mobilicen ao ter, para eles, menor custe no plano económico. Vai ser unha ferramenta especialmente importante na negociación colectiva, dado que a situación que padece a clase traballadora, de perda de poder adquisitivo dos salarios, fai prever un incremento da conflitividade.

Paula Castro: Este ano foi especialmente intenso, porque ademais se celebraron eleccións sindicais na maioría das empresas. Cos resultados dos que dispón agora, que valoración fai?

Suso Seixo: Á espera de coñecer cales foron os resultados definitivos, que os teremos pechados a finais do mes de xaneiro, cos que temos agora parece que se confirma que a CIG se sitúa como segunda forza sindical. Este é un dato histórico. Sería a primeira vez que a CIG acada esta posición e que supera o 28% dos delegados sindicais electos en Galiza. Polo tanto, estamos ante un dato enormemente positivo que supón un respaldo á liña sindical que vén mantendo a CIG nos últimos anos. Unha liña sindical claramente diferenciada respecto de CCOO e UGT en materia de políticas de emprego, de negociación colectiva, de defensa do poder adquisitivo dos salarios e mesmo nas relacións co poder, tanto institucional como económico, onde a CIG mantén unha postura de clase claramente distinta da destes sindicatos estatais, igual que ocorre coas nosas reivindicacións, de carácter soberanista e de defensa dun Marco Galego de Relacións Laborais con plenas competencias. Isto estase a percibir cada vez máis claramente pola clase traballadora galega e temos o firme convencemento de que se os procesos de eleccións nas empresas fosen realmente democráticos, ou sexa, se as candidaturas da CIG non tivesen que soportar o nivel de presión que padecen e se os empresarios non tivesen a capacidade de incidencia que teñen, nestes momentos seriamos, sen dúbida algunha, a primeira forza sindical, tamén en número de delegados e delegadas sindicais. E digo tamén, porque en número de afiliación, de afiliados e afiliadas xa o somos porque, neste intre, estamos por riba os 62.000 afiliados. Tendo isto en conta, estamos satisfeitos dos bos resultados que estamos a acadar e, en xeral, do traballo sindical e da percepción que se ten do modelo sindical de coherencia e de compromiso coa clase traballadora do proxecto que representa a CIG.

Paula Castro: O medre da afiliación mantén un ritmo constante. En que sectores se produciu o maior incremento?

Suso Seixo: Se cadra naqueles sectores onde se dá maior conflitividade e precariedade laboral: no sector servizos, no sector de metal ou no da construción, se note algo máis ese incremento, pero en xeral o que si se observa é que o medre é bastante homoxéneo. O que constatamos é que as traballadoras e traballadores están a superar os medos provocados pola imaxe que intentan crear da CIG os medios de comunicación e a propia patronal. A medida que ven como a CIG actúa e comproban que mantén a coherencia na defensa dos intereses da clase traballadora galega, pouco a pouco van superando esas reticencias e acaban optando por un proxecto sindical que saben que cando teñan un conflito é unha garantía para eles.

Paula Castro: O ano 2007 foi tamén un ano de grande sinistralidade laboral. Malia a posta en marcha do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral e dunha fiscalía específica segue sen haber ningún empresario responsábel dos accidentes laborais.

Suso Seixo: Nós entendíamos que o Instituto de Seguridade e Saúde Laboral tiña que ser o organismo ao que se canalizaran todas as materias relacionadas coa prevención e todos os recursos que destina a administración a este asunto para garantir a súa operatividade. O problema é que aínda non se puxo en marcha. Tamén se aprobou o Plano Estratéxico de Prevención que tampouco se puxo en marcha, porque a administración, para que funcione ten que dotalo de recursos. Nese plano estratéxico terían que participar todas as consellarías con responsabilidades en materia preventiva: a Consellaría de Traballo, a de Industria e a de Sanidade. O problema aquí é que a Consellaría de Sanidade está pasando absolutamente deste tema. Non ten artellada estrutura ningunha e non fai nada respecto do que debería ser o seu labor en materia preventiva. É algo que a CIG vén denunciando desde hai tempo e veremos se coa creación do Instituto e máis con ese Plano Estratéxico conseguimos coordinar todas as políticas relacionadas con esta materia. Ademais, seguimos a denunciar que a saúde laboral vai seguir estando vinculada ás condicións laborais, pero segue a haber un nivel de precariedade no emprego altísima o que provoca que se manteñan os altos índices de sinistralidade laboral. Por parte da administración parece que pouco a pouco algo se vai mellorando, pero é preciso destinar recursos en materia preventiva e, sobre todo, a velar para que aos empresarios cumpran a normativa en materia de prevención, algo que moitos deles seguen sen facer. Había que perseguir e castigar con dureza eses incumprimentos porque son responsábeis directos de accidentes graves e de accidentes mortais. Tería que funcionar realmente a inspección pero tiña que xogar un papel moi importante tamén a fiscalía. Hoxe hai fiscais especializados nesta materia pero, até o de agora, os resultados son moi pobres e segue a haber, polas experiencias que temos, unha falta moi importante de sensibilidade sobre este problema.

Paula Castro: O ano 2007 remata cunha campaña da CIG en contra do Acordo Interconfederal de Negociación Colectiva. Cales son as razóns polas que se pon en marcha e cales son os obxectivos que se perseguen?

Suso Seixo: O Acordo Interconfederal leva 7 anos asinándose. Trátase dun acordo que, no fondo, eles mesmos recoñecen que ten como obxectivo a moderación salarial, pero máis que moderación salarial, o que está a provocar é a perda de poder adquisitivo dos salarios. A nós parécenos realmente indignante que haxa organizacións sindicais que se din de clase que, sendo sabedores como son de que eses acordos van incidir efectivamente nos salarios dos traballadores e traballadoras, os sigan asinando. Nós desde que se comezaron a asinar estes acordos a nivel estatal por parte de CCOO e UGT vímolos denunciando. En todo caso, hai un dato moi positivo no ano 2007 e son as loitas que se levaron a cabo en determinados sectores para intentar superar os topes salariais que fixan estes acordos, nos que se colle como referencia o 2%, que é o IPC previsto polo goberno. Houbo convenios, nos que a CIG ten maioría, como é o Convenio do Metal da provincia de Pontevedra e o Convenio da Construción, nos que se levaron a cabo loitas importantes e nos que se conseguiron superar claramente estas porcentaxes. Demóstrase así que o feito de que a CIG teña maior ou menor presenza non é irrelevante á hora de enfrontar un convenio colectivo e á hora de mellorar as condicións laborais. Constátase ademais que é posíbel rachar con eses acordos se se traballa, se se organiza ben á xente e se a CIG ten unha presenza maioritaria neses sectores. Falo deses dous conflitos porque foron, pola súa magnitude e polo número de traballadores afectados, os máis importantes, pero tamén houbo conflitos importantes de empresa onde conseguimos melloras salariais significativas que rompen estes topes salariais que intentan impornos CCOO e UGT e a patronal. Nesa mesma liña imos seguir pelexando no 2008. A perda de poder adquisitivo dos salarios está aí, é unha realidade e mesmo os últimos incrementos dos prezos dos produtos básicos, da alimentación, leva a que as familias, as economías familiares noten máis esa presión e a necesidade de ir a incrementos salariais moi por riba do que se están a dar nos últimos anos. Nesa perspectiva imos seguir insistindo porque coidamos que é fundamental para mellorar a calidade de vida da clase traballadora.

Paula Castro: Resulta curioso, porque precisamente nalgúns dese conflitos participaron tamén as mesmas forzas sindicais asinantes dos Acordos Interconfederais de Negociación Colectiva. Como se explica esta aparente contradición?

Suso Seixo: Non se tratou unicamente de loitas por maiores incrementos salariais, senón tamén de loitas nas que se conseguiron introducir medidas contra a precariedade bastante máis eficaces que as políticas de subvencións a contratación que eles aproban. Aí o feito de que CCOO e UGT se sumen aos mesmos non é porque realmente lles guste senón porque as dinámicas que xera a CIG dificúltanlles moitísimo facer outra cousa, tanto quedar á marxe como intentar –e xa non é a primeira vez que o fan noutros sectores- asinar convenios deixándonos á marxe. Quedar fora desa dinámica teríalles uns custes enormes e non se atreven a facelo. Constátase así que practicar certo tipo de sindicalismo combativo, de base, de participación, ten os seus resultados positivos e é factíbel facelo.

Paula Castro: Como son as relacións con CCOO e UGT?

Suso Seixo: Nos aspectos formais, de carácter máis institucional, se se lle quere chamar así, mantemos relacións pero logo, na práctica, son realmente complicadas. Cada vez é máis patente que somos dous modelos sindicais diferentes e, moitas veces, claramente antitéticos, tanto no que son as reivindicacións de defensa da soberanía do país, con todo o que iso supón de competencias e de posibilidades de xerar dinámicas en Galiza do punto de vista lexislativo, para mellorar as condicións de traballo, como do punto de vista de relacións coa propia administración e coa patronal. Eles están instalados nunha dinámica de diálogo permanente que acaba por converterse en colaboracionismo puro e duro co poder e contra os intereses da clase traballadora. Ese tipo de diálogo permanente responde á súa propia debilidade e tamén ás súas concepcións ideolóxicas, que nós non compartimos. Actitudes que mesmo responden á súa falta de autonomía económica respecto do propio poder. Nós estamos na antítese de todo iso e así se plasma na dinámica sindical diaria: as nosas prácticas e os nosos intereses estean claramente enfrontados co sindicalismo que eles poidan representar e, polo tanto, as relacións son tensas e nada doadas. Tampouco é algo que nos preocupe, porque en ningún caso imos renunciar ao noso modelo sindical en aras a acadar boas relacións con CCOO e UGT. Pode preocuparnos no sentido de que, para enfrontar calquera conflito, é fundamental aglutinar forzas. Desde ese punto de vista e, para estes casos concretos, podemos intentar buscar puntos de unión. Cremos ademais que esa unidade sindical, de darse, ten que producirse precisamente aí, na loita diaria e nos conflitos concretos. Porén, se iso supón renunciar ao noso modelo sindical parécenos que non sería nada beneficioso, senón todo o contrario.

Paula Castro: E de cara ao 2008?

Suso Seixo: Para o ano que entra a nosa pretensión é facer moito fincapé na negociación colectiva. O traballo máis groso de eleccións sindicais foi xa no 2007. Iso vai posibilitar liberar máis recursos para poder afrontar mellor este traballo. Ademais temos previsto desenvolver unha campaña de denuncia polo papel que está asumindo o INSS, dando directamente altas aos traballadores e traballadoras a efectos económicos que na práctica se converten tamén en altas a efectos laborais moitas veces sen que o traballador estea recuperado da súa enfermidade. Parécenos realmente preocupante, primeiro porque se están a invadir competencias da Xunta de Galiza; segundo, porque se está a atentar contra a propia saúde dos traballadores, un pouco seguindo as políticas que se fan desde as propias mutuas. Temos tamén pendente unha campaña no tema de defensa do idioma que é fundamental do punto de vista da nosa identidade como país e como traballadores galegos e algunhas cousas máis que irán aparecendo. No que respecta ás eleccións sindicais tampouco imos baixar a garda, porque malia descender moito o nivel de eleccións nas empresas para nós sigue a ser un aspecto moi importante, como vía de entrada nos centros de traballo que facilita facer sindicalismo. Cara a final de ano teremos que comezar a preparar o novo congreso da CIG, que terá lugar a mediados do 2009. Por Estatutos teremos que pór en marcha xa as normas e o proceso precongresual. Espéranos un ano con moita actividade por diante.

 
 
  Paula Castro,
coordinadora de CIG-Comunicación.
(Máis artigos/entrevistas...)
  Paula Castro
 
Volver a Actualidade

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 04/01/2008
cig.informatica


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta