|
Actualidade / Opinión Rafa Villar-
Curiosamente no caso galego, desenfundan a súa dialéctica pre-constitucional contra normas legais e medidas normalizadoras que xa foran deseñadas durante os dezaseis anos de presidencia de Fraga Iribarne na Xunta de Galiza. O propio Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, que abunda en accións tendentes a fomentar o uso da lingua nacional de Galiza, foi aprobado en sede parlamentaria cando o PP aínda conformaba a última maioría absoluta que tivo nas eleccións autonómicas galegas. A cuestión é que a(s) lingua(s) rende(n) electoralmente. E rende(n) electoralmente nas comunidades do Estado español que teñen como lingua propia –e única- a castelá. Á cidadanía deses territorios véndeselle unha “razón lingüística de Estado” pola que o español debe ser a lingua común mentres que, accidentalmente, Galiza, Euscal Herria e Catalunya contan con linguas para o uso doméstico. Así, nesa “razón lingüística de Estado” uns fican instalados nun benefactor monolingüismo en español e outras sociedades debemos ser condenadas ao lume do bilingüismo (galego/ éuscaro/ catalán – español). Se tan beneficioso é ese bilingüismo social, ben podían aplicar o conto e bilingüizarse eles tamén... No fondo, o que se dá é unha xerarquización lingüística que privilexia o idioma español sobre os outros idiomas das nacións do Estado. Xerarquización que é froito dun desenvolvemento histórico no que a norma foi a da imposición lingüística do español, violentando impunemente os agora tan invocados direitos lingüísticos de falantes e sociedades enteiras. A mesma Constitución española de 1978 consagra unha asimetría lingüística que mesmo o Tribunal Constitucional avala, de maneira que galego, éuscaro e catalán son relegadas a un rango inferior á lingua castelá. Aínda sendo así, o discurso lingüístico do PP hai que o situar nun escenario pre-constitucional, e nostálxico da situación de represión das linguas nacionais diferentes ao español que se daba en pleno réxime franquista. Nese sentido, non se pode ignorar que esta nova ofensiva da dereita española e españoleira é congruente coa súa propia involución política, coa revitalización dun pensamento ‘neocon’ que día tras día se fragua na FAES, o particular ‘think tank’ do PP tras o que sobresae a longuísima sombra de José María Aznar. Con todo, tamén cumpriría constatar o contraste que resulta o ver esa particular ofensiva da dereita españolista contra galego, éuscaro e catalán, mentres que o desenvolvemento desas linguas nos seus diferentes territorios é un desenvolvemento bastante ralentizado, pois todos os datos sociolingüísticos que imos coñecendo, se cadra con máis clareza no caso galego, sinalan unha certa perda de vitalidade real deses idiomas entre as respectivas comunidades lingüísticas. É máis, se hoxe se quixera defender de xeito ‘inocente’ o bilingüismo social nas diferentes nacións do Estado, habería que apostar por afondar na normalización das linguas diferentes do español, que son as que padecen a minorización e as que están excluídas ou marxinadas en bastantes ámbitos e usos sociais. A hipocrisía do PP desde logo nunca vai poder ver isto nin recoñecelo. A mágoa é que a súa prédica involutiva si engancha en bastantes sectores da sociedade española, desgrazadamente menos avanzada do que moitos dos seus voceiros pregoan.
|
||||
|
||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 25/01/2008 |
||||
|