Actualidade / Opinión Volver


Santiago, 11 de xaneiro de 2008

DESDE O VENTRE DA BALEA
O reiciño feliz

 

Rafa Villar-

CIG-Normalización Lingüística


O desacougante do caso é que estes sectores sociais e cidadáns do común que cuestionamos a monarquía, cunha ollada profundamente democrática, non topemos coa comprensión daqueles que, desde a súa responsabilidade política e/ou institucional, poderían alimentar un debate necesario como o dese anacronismo chamado monarquía.



  Zapatero e o rei, clic para aumentar
Entre mentres, seguiremos a ver como sorrí placidamente este reiciño, arroupado desde o Goberno de Madrid por un PSOE facendo votos, día si día tamén, dunha devoción ‘juancarlista’ insólita e incompatíbel co seu credo de formación política de carácter republicano, e por uns medios de comunicación entregados á causa da defensa da monarquía como se aí residise a esencia da democracia.
 
Nos primeiros días deste mes de xaneiro o rei español, Juan Carlos I, da dinastía borbónica está a celebrar o seu 70 aniversario. Dentro desta celebración, o pasado mércores 9 de xaneiro a Casa Real organizou unha cea no Palacio de El Pardo para varios centos de comensais, todos xente significada das esferas política e institucional do Estado español. Polo que se coñece, poucos foron os que declinaron o convite iren presentar os seus respectos ao monarca (sábese do dirixente de Esquerra Republicana de Catalunya, Josep Lluis Carod-Rovira, e mais do cuestionado líder de Izquierda Unida, Gaspar Llamazares).

Tampouco non se pode cualificar de casual que a devandita cea de aniversario non se limitase a unha celebración privada e se optase por un acto de clara significación política, dada a elección de comensais.

A conmemoración ‘real’ chega tras un ano, o 2007, marcado polo xurdimento de novos cuestionamentos públicos á figura do monarca español e, sobre todo, á da monarquía como institución en vigor en pleno século XXI... E xa son trinta e dous os anos que Juan Carlos leva exercendo o seu reinado baixo a fórmula dunha monarquía parlamentaria. Monarquía parlamentaria que deu continuidade á súa proclamación en 1969 como sucesor de Franco “a título de rei”, xa nos finais dese réxime tan represivo como ilexítimo que foi a ditadura franquista.

En certa maneira 2007 foi un ano clarificador a respecto do intocábel que resulta a monarquía española e de como os diferentes resortes do Estado se poñen en acción cando se pretende cuestionar, aínda que sexa minimamente, o seu estatus. Así, diversos humoristas gráficos tiveron que soportar actuacións xudiciais (uns vinculados aos xornais vascos ‘Gara’ e ‘Deia’ e outros á revista satírica española ‘El Jueves’) por mor de publicaren viñetas que ironizaban acerca de situacións que tiñan a Familia real como protagonista.

O mesmo aconteceu cando mozos independentistas cataláns queimaron retratos dos reis de España, como xeito de expresaren a súa opinión, lexítima e democrática, acerca do papel da Monarquía no Estado español. Tanto nos casos dos humoristas gráficos, como dos mozos cataláns, a gran damnificado foi o exercicio dun dereito, o da liberdade de expresión, que se viu acoutado e mutilado, e todo para manter esa férrea blindaxe sobre a Familia real española que xa dura máis de tres décadas.

Con todo, o episodio máis relevante dos protagonizados polo monarca español no ano que rematou tivo lugar no Cumio Iberoamericano se celebrou en Chile, no mes de novembro, e no que Juan Carlos I, fóra do uso da palabra e rebentando as normas do protocolo, se encaraba co presidente venezolano Hugo Chávez e mandábao calar, para despois ausentarse da sala ante as críticas do nicaraguano Daniel Ortega ao papel que xogan determinadas empresas españolas no país do que é presidente electo.

Nese suceso, que deu a volta ao mundo, de novo os diferentes poderes do Estado estenderon o seu manto de protección, público e mediático, sobre o monarca e silenciaron as voces críticas que puidera haber ao respecto. Con todo, nese episodio a figura e papel do rei borbónico quedaron tocados, e non só alén das fronteiras do Estado español. En diversos sectores da sociedade do Estado español, o seu xesto foi entendido como un xesto fachendoso e déspota de alguén que estaba a ter un rol de representación institucional para o que non está dabondo lexitimado.

O desacougante do caso é que estes sectores sociais e cidadáns do común que cuestionamos a monarquía, cunha ollada profundamente democrática, non topemos coa comprensión daqueles que, desde a súa responsabilidade política e/ou institucional, poderían alimentar un debate necesario como o dese anacronismo chamado monarquía. Necesario dentro dese capítulo pendente no Estado español que é o do que algúns denominan a “segunda transición”, onde a resolución da cuestión territorial que atinxe ás nacións do Estado sería un dos núcleos fundamentais a desenvolver.

Entre mentres, seguiremos a ver como sorrí placidamente este reiciño, arroupado desde o Goberno de Madrid por un PSOE facendo votos, día si día tamén, dunha devoción ‘juancarlista’ insólita e incompatíbel co seu credo de formación política de carácter republicano, e por uns medios de comunicación entregados á causa da defensa da monarquía como se aí residise a esencia da democracia. Así, resulta normal que o monarca español acabase o discurso de brinde na cea conmemoración do seu 70 aniversario afirmando a súa “renovada determinación de seguir traballando (sic) como rei”. E así seguramente vaia ser, polo menos até que se abra o debate sucesorio.


Santiago de Compostela, 11 de xaneiro de 2008.

 
 
  Rafa Villar,
escritor e responsábel do Departamento de Normalización Lingüística da CIG.
(Máis artigos...)
  Rafa Villar
 
Volver

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 11/01/2008
cig.informatica


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta