|
Actualidade CIG-Comunicación-
O pasado 30 de setembro de 2007, estes veterinarios e veterinarias deixaron de prestar servizos en Tragsega e non volverán a ser contratados ata maio do 2008 para así evitar realizarlles contratos indefinidos, ao transcorrer un intervalo superior a 6 meses sen traballar na Empresa. Estes compañeiros e compañeiras levan traballando unha media de 5 anos nas campañas de saneamento, aparte dos administrativos e auxiliares de laboratorio que levan entre 10 e 12 anos. Tragsega pertence o Grupo Empresarial Público Tragsa SA, que obtivo neste ano uns beneficios netos de 52 millóns de euros, sendo a empresa máis rendible da SEPI. Aínda así non vai contratar a este colectivo de traballadores a principios do 2008, como viña facendo de forma ininterrompida dende o ano 2002. Os delegados e delegadas da CIG levan dende os seus comezos loitando por conseguir unha campaña de saneamento de 12 meses de duración. Por fin Medio Rural confirmou o alargamento da mesma ata 11 meses e 15 días comezando o día 2 de xaneiro de 2008. Esta noticia, en principio, era unha boa nova pois comportaría un afianzamento da estabilidade laboral, non obstante, a empresa Tragsega está utilizándoa para todo o contrario, pois lle dá xogo para realizar a campaña de saneamento anual contratando aos veterinarios e veterinarias (cunha antigüidade media de 50 meses) despois do mes de abril para burlar o RD 5/2006 de 9 de xuño e realizarlles contratos por obra e servizo en lugar de contratos indefinidos, como sería de xustiza. Por todo isto os traballadores e traballadoras de Tragsega en Galicia comezaron a mobilizarse dando apoio ao persoal eventual que agora mesmo está sen un posto de traballo. As últimas concentracións foron o luns 21 de xaneiro en Santiago, diante das instalacións do Grupo Tragsa en Santiago de Compostela, no Polígono do Tambre (Vía Pasteur, nº 29-31) con traballadores de A Coruña e Pontevedra. En Lugo, cada mércores desde o primeiro do ano 2008, realízanse concentracións diante do Edificio administrativo da Xunta. O luns 21 de xaneiro manifestáronse diante do Círculo das Artes de Lugo para achegarlle ao presidente da Xunta de Galicia, e ao conselleiro de Traballo unha carta asinada polo persoal eventual de Tragsega de Lugo, na que se fala da situación actual de indefensión laboral na que os deixou Tragsega. O martes 22 de xaneiro, aproveitando a visita a Lugo do vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, tamén se lle informou da situación laboral destes profesionais que actualmente están en situación de desemprego. O presidente e o vicepresidente da Xunta, e o conselleiro de Traballo, manifestaron o seu interese pola situación e dixeron que falarían tamén coa Consellaría de Medio Rural para estudar o caso. Tamén os Colexios veterinarios están ao tanto da situación e apoian as demandas dos traballadores e traballadoras de Tragsega. Así mesmo, os delegados sindicais da CIG comunican que continuarán coas mobilizacións ata que a Empresa deixe de burlar a lexislación laboral vixente. A vindeira concentración terá lugar o martes 29 de xaneiro en Santiago, a partir das 12:00 horas no Polígono do Tambre, diante das instalacións do Grupo Tragsa. |
||||
Informacións relacionadas
|
||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 26/01/2008 |
||||
|