|
Actualidade CIG-Comunicación-
Para realizar a campaña de saneamento gandeiro, Tragsega contrataba por obra ou servizo aproximadamente uns 110 traballadores e traballadoras en Lugo (e máis de 250 en toda Galiza) entre veterinarios/as, administrativos/as, persoal de laboratorio, etc. A devandita campaña realizábase en Lugo e no resto do país desde xaneiro a xullo de cada ano até o 2007, no que se alongou desde o 2 de xaneiro até o 30 de setembro. No momento en que a campaña remataba, aproximadamente as dúas terceiras partes dos empregados (75 traballadores e traballadoras en Lugo) cesaban no seu posto por redución do volume de traballo no campo, aínda que logo eran regularmente contratados de novo ao inicio da seguinte campaña de saneamento. Tragsega decidiu non contratar ningún destes traballadores eventuais en xaneiro de 2008 para evitar que se convertesen en fixos e burlar, deste xeito, o Real Decreto 5/2006. Esta norma contempla a conversión en persoal fixo daquelas persoas quen leven traballando na empresa 24 meses ou máis nos últimos 30 meses. Tragsega pospuxo as incorporacións dos 75 traballadores até maio deste ano co fin de que se produza unha desvinculación maior de seis meses da empresa. Coincidindo co acto de celebración do 30 aniversario da Confederación de Empresarios de Lugo, un grupo de traballadores de Tragsega concentrouse o 21 de xaneiro ás portas do Círculo das Artes de Lugo e logrou entregarlle un escrito coas súas reclamacións ao presidente da Xunta, presente na velada. |
||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 24/01/2008 |
||||
|