Actualidade / ArtigoVolver


Santiago, 11 de xaneiro de 2008

Europa: A vitoria das liberdades económicas comunitarias fronte ao dereito de folga
 

Adoración Guamán Hernández-

Red Voltaire


O desenvolvemento dunha política social comunitaria de peso idéntico ás liberdades económicas é a única vía para impedir que a construción do mercado interior xere a redución dos estándares de protección dos dereitos sociais nacionais.



  Viking Line; clic para aumentar
Tras a ameaza de folga do FSU a empresa decidiu aceptar as condicións que lle impuña o sindicato (desistir do cambio de pavillón ou comprometerse a non despedir aos traballadores en caso de realizalo) para asinar un convenio colectivo. Con todo, meses despois e tras a entrada de Estonia na Unión Europea, Viking Line iniciou un procedemento ante a Commercial Court de Londres, cidade onde a ITF ten a súa sede, solicitando que, por unha banda se ordenase á ITF retirar a interdicción de negociar dirixida ás súas federacións mentres que, por outro, se prohibíse á federación sueca obstaculizar a liberdade de estabelecemento que pretendía a empresa.
 
Que a configuración do mercado interior comunitario [Unión Europea] está afectando de xeito crecente ás normas estatais de carácter laboral é unha cuestión que, de tan denunciada, pasou a ser en moitos casos asumida como irremediábel.

Así, a necesidade de “adecuar” os nosos sistemas de dereito do traballo, non xa ás normas sociais comunitarias senón ás exixencias da creación do mercado interior, onde predominan as liberdades de circulación e a libre competencia, afírmase sen ambaxes en ámbitos tanto políticos como xurídicos.

De xeito paralelo, conceptos como a flexiseguridade e o ‘soft law’ impregnan unha política social comunitaria supeditada ao bo funcionamento do mercado.

Tras o fracaso da mal chamada “Constitución Europea”, podería terse aspirado a unha recolocación das autoridades tanto comunitarias como nacionais, que denotase un mínimo de comprensión das reaccións populares fronte á cada vez máis evidente “Europa do capital”. Esta interpretación do fracaso nos referendos non se produciu, máis ben ao contrario, os últimos acontecementos indican a adopción da liña máis dura, facendo primar as liberdades comunitarias fronte a toda actuación, estatal, empresarial ou sindical, que poida facer menos rendíbel a circulación das empresas no mercado interior.

Así o afirmou o Tribunal de Xustiza das Comunidades Europeas na sentenza Viking do pasado 11 de decembro. Este pronunciamento tivo como orixe a cuestión elevada por un tribunal británico no mes de setembro 2005, interrogando ao Tribunal comunitario acerca da relación entre o exercicio do dereito de folga e a liberdade de estabelecemento que o Dereito comunitario recoñece ás empresas.

O conflito que deu lugar a esta cuestión deuse entre o Sindicato de Mariños Finés (FSU) e a empresa Viking Line da mesma nacionalidade, propietaria do Rosella, buque abandeirado en Finlandia e destinado ao transporte de pasaxeiros entre Helsinki e Tallin (Estonia). Os problemas entre o sindicato e a empresa comezaron cando, nos últimos meses do 2003, esta lle comunicou a súa decisión de reabandeirar o buque en Estonia (país entrou a formar parte da Unión Europea en maio de 2004). Viking Line xustificou esta decisión afirmando estar sufrindo perdas dada a competencia directa dos buques estonianos, con condicións salariais menores. A empresa consideraba que o cambio de pavillón lle permitiría unha mellor situación competitiva respecto das empresas estonianas que realizaban o mesmo traxecto xa que, deste xeito, podería aplicar condicións laborais menos custosas equiparándoas coas aplicadas nos buques abandeirados en Estonia.

O sindicato finés amosou o seu desacordo e notificou os feitos á Federación Internacional de Traballadores do Transporte (ITF), da cal é membro, solicitándolle que aplicase a súa política relativa aos pavillóns de conveniencia. Segundo esta liña de actuación, seguida polo sindicato desde 1948 co obxectivo de evitar o ‘dumping’ social ligado aos cambios de pavillón dos buques, as condicións de traballo e os salarios da tripulación deben negociarse polo sindicato do país onde se sitúa o propietario do barco. Procedendo de xeito acorde a esta política, a ITF comunicou ás súas federacións os feitos, recordando que segundo a liña de acción sindical ningunha das federacións a excepción do FSU podería negociar con Viking un convenio colectivo aplicábel ao Rosella.

Tras a ameaza de folga do FSU a empresa decidiu aceptar as condicións que lle impuña o sindicato (desistir do cambio de pavillón ou comprometerse a non despedir aos traballadores en caso de realizalo) para asinar un convenio colectivo. Con todo, meses despois e tras a entrada de Estonia na Unión Europea, Viking Line iniciou un procedemento ante a Commercial Court de Londres, cidade onde a ITF ten a súa sede, solicitando que, por unha banda se ordenase á ITF retirar a interdicción de negociar dirixida ás súas federacións mentres que, por outro, se prohibíse á federación sueca obstaculizar a liberdade de estabelecemento que pretendía a empresa. Ante estes feitos o xuíz comunitario viuse interpelado debendo contestar a varias cuestións, que poden sintetizarse en se a liberdade de estabelecemento que o dereito comunitario lles recoñece aos axentes económicos pode utilizarse directamente para impedir o exercicio de dereitos sindicais que, como o de folga, teñen o rango de dereitos fundamentais nas constitucións estatais e foron recoñecidos por multitude de Convenios e Declaracións de dereitos de ámbito internacional.

Para resolver esta cuestión o Tribunal podería optar por dous camiños, ambos aceptábeis desde o punto de vista da necesaria protección dos dereitos sociais fundamentais: ou ben por utilizar unha excepción que ampare a acción sindical en función da súa natureza e obxecto, como xa fixera en ocasións anteriores (Sentenza Albany) cos convenios colectivos; ou ben utilizar o carácter de dereito fundamental para xustificar sen reviravoltas as restricións que as accións sindicais puidesen producir na liberdade de estabelecemento. Na súa resolución o Tribunal comunitario non adoptou ningunha das vías apuntadas. En sentido contrario, decidiu afirmar que as empresas privadas poden opor a liberdade de estabelecemento fronte a accións sindicais que restrinxan nalgún xeito o exercicio desta liberdade empresarial.

A restrición, neste caso fundamentada no obxectivo de protexer os dereitos dos traballadores, só poderá xustificarse no caso de ser adecuada e necesaria, debéndose aplicar a casuística para analizar se a actuación sindical é ou non compatíbel coas exixencias do mercado, quedando claro que a liberdade de estabelecemento ampara tamén as actuacións empresariais movidas polo obxectivo de rebaixar os salarios dos traballadores. Evidentemente, en ningún momento se cuestionou este obxectivo empresarial, nin a súa adecuación cos obxectivos do Tratado que perseguen unha “mellora das condicións de vida e de traballo, a fin de conseguir a súa equiparación pola vía do progreso” (art. 136 TCE). Considerar o ‘dumping’ social ligado á utilización dos pavillóns de conveniencia como unha acción amparábel pola liberdade de estabelecemento que pode primar, mesmo fronte ao exercicio dun dereito fundamental como é o de folga, non parece a mellor “vía de progreso social” posíbel.

Sen afondarmos nas miudezas xurídicas da sentenza, é necesario sinalarmos que co seu pronunciamento o Tribunal ofreceu un razoamento carente da argumentación xurídica que parecía necesaria dada a relevancia da cuestión, utilizando razoamentos circulares e en ocasións contraditorios que non acaban de xustificar o fallo. Entre eles é especialmente relevante a ligazón indisolúbel entre o exercicio do dereito de folga e a adopción dun convenio colectivo, afirmada en momentos clave da sentenza para ser esquecida noutros.

Como a propia ITF sinalou, é certo que o pronunciamento recoñece o carácter fundamental do dereito de folga. Trátase, no entanto, dunha vitoria de carácter menor xa que dificilmente podería ocorrer o contrario dada elevación do valor xurídico da Carta de Niza recoñecida no Tratado de Lisboa. Doutra banda, cómpre destacar que o recoñecemento presente na mencionada Carta se supedita ao “dereito comunitario e nacional”, co que se afasta das tradicións constitucionais existentes en distintos Estados membros, entre eles o español.

Porén, máis aló desta cuestión, o impacto fundamental da sentenza é a clara determinación da suxeición do exercicio dos dereitos fundamentais ás liberdades de circulación comunitarias, recoñecendo incluso a posíbel utilización das mesma inter privatos. Con esta afirmación ábrense novos e certamente perigosos camiños para o control da acción sindical, dotándose ás empresas dunha vía de acción adicional que desestabiliza os sistemas de relacións industriais. Por riba, a posibilidade de que as restricións que as accións sindicais provocan nas liberdades de circulación poidan xustificarse non parece a vía adecuada, pois abre a vía á casuística xudicial e ao continuo cuestionamento dos dereitos sindicais.

Unha vez máis, a antiga afirmación do ‘decoupling’ entre o social, relegado ao ámbito estatal, e o económico, propio do comunitario, esvaeuse, evidenciándose que a acción social dos Estados membros e, máis aínda, dos actores sociais, está fortemente encorsetada polas exixencias do dereito do mercado comunitario. É máis, mesmo en ámbitos en principio alleos á acción da CE como é o dereito de asociación e o dereito de folga afirmouse a necesaria adecuación das estruturas estatais de relacións industriais ao conxunto do ordenamento comunitario.

Non cabe dúbida de que nestes momentos a cuestión social debe colocarse no epicentro do debate comunitario. O desenvolvemento dunha política social comunitaria de peso idéntico ás liberdades económicas é, e esta afirmación demóstrase como irrefutábel, a única vía para impedir que a construción do mercado interior xere a redución dos estándares de protección dos dereitos sociais nacionais. Lonxe de se adoptar esta liña de actuación promóvese a utilización do chamado ‘soft law’ en materia social para, de xeito paralelo, utilizar con maior rixidez que nunca as liberdades de circulación económicas, estas si, evidentemente, ‘hard law’.

Como sempre promóvese á vez unha cousa e a contraria, dependendo do ámbito: máis flexibilidade na fixación das condicións laborais e máis rotundidade nas garantías para asegurar a libre circulación das empresas. É evidente que ambas as liñas xogan a favor da mesma parte. A cuestión é, até cando vai aguantar a outra?


[Artigo tirado do sitio web ‘Red Voltaire’, 7 de xaneiro de 2008]

 
 
As opinións vertidas nos artigos de opinión, enviados polos nosos colaboradores ou tiradas doutros meios, non teñen porque ser necesariamente compartidas pola CIG.
 
Volver

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 11/01/2008
cig.informatica


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta