Actualidade / ArtigoVolver


A Coruña, 3 de xaneiro de 2008

Causa 18/98: Despotismo espantoso
 

Xurxo Martínez Crespo-

xurxomartinez@cantv.net


  Cartaz mobilización contra a sentenza 18-98; clic para aumentar
Cartaz chamando á mobilización contra a sentenza do 18-98. (Foto: ©Xurxo Martínez Crespo).
 
A sentenza e as penas de cárcere contra os militantes nacionalistas vascos impostas pola xustiza española son outra proba máis de que neste Estado non hai nin democracia nin xustiza. Na chamada democracia española, na que o poder lexislativo, elixido por listas pechadas, elixe o poder executivo e no que o poder xudicial é unha mafia-extensión dos outros dous anteriormente mencionados é dificil que Montesquieu non se revolva na súa tumba.

O teórico da democracia formal, o francés Montesquieu, intuíu o problema, ao advertir que “cando o poder lexislativo e o poder executivo se reúnen na mesma persoa ou no mesmo corpo (como no caso español), non hai liberdade, senón un despotismo espantoso”. Eu engadiría unha vergoñenta e noxenta “xustiza” representada por xuíces no Tribunal Supremo, Audiencia Nacional e Tribunal Constitucional atados polo pescozo ás ordes das dúas mafias que, co nome de partidos políticos, se alternan no poder na “democracia española”.

Este Estado, no que mandan cutres empresas nacionais (non chegan a multinacionais) de ex–mozos de recados e ex-“poceros”; do tixolo, da banca, da electricidade e da comunicación soez, mentireira, elitista e embrutecedora... pouco máis, asañáronse e ninguén dixo nada como suplicara unha vez Bertold Brecht.

Aplaudiron todos as sentenzas. Déronse palmas nos ombros. Aceptaron e deron discursos. Do outro lado quedan os perdedores de agora aos que lles meteron 11, 10 ou 9 anos de cárcere por pedir e traballar por un país libre chamado Euskal Herria do cal mesmo o nome lles incomoda.

  Euskaraz! Praza Unamuno en Bilbo; clic para aumentar
Euskaraz! Praza Unamuno en Bilbo. (Foto: ©Xurxo Martínez Crespo).
 
Esta sentenza adorna o triste palmarés de trofeos e iniquidades dun Estado (o español) que ten a triste honra de ser a organización terrorista con máis mortos no Estado francés (27). Nin o terrorismo relixioso ten tantos mortos. Onde están os culpábeis deses asasinatos?

Meter no cárcere a Mesa Nacional de Herri Batasuna por quedar “demostrada” a súa relación con ETA e condenalos a sete anos de cárcere. Despois de dous anos tiveron que liberalos. Ilegalizar a Herri Batasuna e deixar sen voto a centos de milleiros de cidadáns. Pecharlles os seus xornais, dispersar os seus presos xeograficamente facendo ouvidos sordos das institucións e organismos europeos que condenan esa política de castigo ás familias. Revistas, emisoras de radio súmanse aos peches.

Condenar a 9 anos de cárcere por dous artigos de opinión a un preso a piques de saír. Impoñer condenas de privación da liberdade aos súbditos que falen dun rei imposto por unha ditadura.

Impoñer nos concellos vascos, nos que se lles impediu presentarse, alcaldes ou alcaldesas con menos do 5% dos votos. Impoñerlles bandeiras e escudos. Cambiarlles os nomes das súas rúas e prazas. Denuncialos e axuízalos por non poñer a bandeira española. Chamarlles terroristas por non dicir o que eles queren ouvir. Excarcerar a Galindo e a Vera. Deixar libres a Felipe González ou a Barrionuevo. Negarlles o dereito a decidir pacificamente o seu futuro. Ameazalos constantemente con ilegalizalos (ANV ou PCTV).

Esta historia pasará factura a este Estado español practicante do “despotismo espantoso” de Montesquieu, que será culpado pola historia, esa historia que non coñece de división de poderes nin de cans vestidos de xuíz con togas adornadas con puños nin de políticos impunes.

 
 
  Xurxo Martínez Crespo.
(Máis artigos...)
  Xurxo Martínez Crespo
 
Volver

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 03/01/2008
cig.informatica


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta