|
Actualidade / Artigo Xurxo Martínez Crespo-
Nos cursos que dan en Latinoamérica aos empregados bancarios, cursos de seguridade e manexo de situacións de risco ante un atraco, os especialistas explícanlles aos traballadores que non é o mesmo un atraco perpetrado pola delincuencia común que por movementos guerrilleiros. Os especialistas basean a distinción en que os primeiros non teñen escrúpulos a maior parte das veces, mentres que os guerrilleiros teñen ideais. Calquera filósofo ou criminólogo aseveraría que a delincuencia, ou o terrorismo, teñen unha “ética”, unhas normas de conduta internas, mais por iso non podemos dicir que sexan en si unha Ética ou sistema xurídico. Pero achegarnos á historia danos unha visión máis realista que as listas artificiosas de entidades supranacionais, coma a Unión Europea, que non dubidan en apoiar e exercer a violencia contra Estados como Iugoslavia, Iraq ou Afganistán sen ningún acto previo que o xustifique. Foi o IRA un grupo considerado “terrorista” durante a guerra de liberación de Irlanda da dominación inglesa. Foi o IRA o único capaz de sacar os británicos.
“Terroristas” eran os resistentes franceses, holandeses, noruegueses, polacos, xudeus contra a invasión alemá en 1940. “Terroristas” eran para os soviéticos os combatentes afgáns que loitaron contra eles. Hoxe sono para os occidentais. “Terrorista” é o Goberno lexítimo de Irán segundo o Departamento de Estado dos Estados Unidos. Gobernos amigos para Europa e os Estados Unidos eran as ditaduras latinoamericanas que fixeron desaparecer tantos homes e mulleres. Goberno amigo foi a ditadura franquista a partir de 1955, non só de Estados Unidos senón tamén da Europa democrática. Tanto as FARC como o ELN son dignos herdeiros dunha guerra que comezou coas guerras de liberación contra a monarquía borbónica española no século XIX. A inxustiza social, a opresión do pobo por parte das clases que se perpetúan no poder como representantes de países estranxeiros. Os ideais da loita do pobo, vestido de exército de liberación guerrilleiro, podemos confrontalos con grupos armados apoiados por Estados, coma a OTAN, que incumpre as leis internacionais e os acordos da ONU. Nin as FARC nin o ELN son organizacións terroristas. Si estou seguro do calificativo para organizacións como a OTAN, que por certo non está en ningunha lista. |
|||||||||||
|
|||||||||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 28/01/2008 |
|||||||||||
|