Actualidade / EntrevistaVolver a Actualidade


Vigo, 31 de xaneiro de 2008

Henrique Pérez, secretario da sección sindical da CIG
“En Citroën traballamos máis, somos máis eventuais e precarios, e gañamos menos”

 

Zélia García-

zelia@galizacig.net


  Henrique Pérez; clic para aumentar
Henrique Pérez: “A fábrica está dividida en 1.400 efectivos no cadro de mandos administrativos e técnicos, e os restantes até 9.600 aproximadamente son persoal do taller (8.200). No taller aconteceu que curiosamente foi na dirección contraria ao que están a dicir as administracións tanto a nivel autonómico como central a respecto de reducir posicións na precariedade. En Citroën pasouse do 27% ao 40. Hoxe na planta, no taller, por cada 10 traballadores 4 son eventuais. Xa non entramos a debullar aí as modalidades de contratos que hai aí”. (Fotos: ©galizacig.com).
Factoría PSA-Peugeot-Citroën de Vigo; clic para aumentar
 
O 31 de xaneiro comeza a negociación do novo convenio de empresa para a planta de Citroën de Vigo. Para coñecer cal é a realidade desta factoría e saber cal é o anteproxecto que presenta a CIG entrevistamos a Henrique Pérez, secretario da sección sindical da CIG en Citroën, na que leva traballando desde hai 33 anos.


Zélia García: Cal é a situación na que se encontra a factoría de Citroën en Vigo?

Henrique Pérez: Estamos a falar dun sector moi dinámico con todo unha aposta continuada polas tecnoloxías máis avanzadas e por tanto sometido aos chamados dentes de serra. En cambio no que respecta á planta de Vigo é unha planta que non só no propio sector senón no propio grupo é a planta máis produtiva. Iso explica o alto número de unidades realizadas no ano 2007, superando un 18% o exercicio anterior, e isto hai que contextualizalo nunha planta limitada en superficie física interna e tamén con algunha que outra eiva na loxística e comunicacións.

A pesar de todas estas dificultades de infraestruturas e da propia realidade física da planta lográronse bater todos os récords en canto a produción. Isto tamén ten lectura en canto significou un incremento da produtividade (mírase isto en relación aos coches e o persoal co que conta a factoría). Aínda non temos todos os datos porque nos falta o exercicio do 2007 pero podemos estar a falar nos últimos 4 anos dun 30% aproximadamente.

A planta de Vigo goza de moi boa saúde, pero outra cousa son as condicións socioeconómicas dos traballadores, que así como a planta bate récords en produtividade, cantidade e agora tamén estamos en boas posicións de calidade, non podemos dicir o mesmo dos traballadores.


Condicións socioeconómicas dos traballadores

Que deixamos no camiño os traballadores nestes catro anos? Deixamos bastantes cousas en canto a dereitos pero como datos máis significativos, que dan plasticidade ao que realmente supuxo en perda para os traballadores temos, por exemplo, en materia de emprego: mantéñense os niveis de emprego de hai 4 anos pero houbo un cambio cualitativo moi importante que é que a eventualidade gañou posicións respecto ao emprego fixo. Isto dáse en particular no persoal do taller.

A fábrica está dividida en 1.400 efectivos no cadro de mandos administrativos e técnicos, e os restantes até 9.600 aproximadamente son persoal do taller (8.200). No taller aconteceu que curiosamente foi na dirección contraria ao que están a dicir as administracións tanto a nivel autonómico como central a respecto de reducir posicións na precariedade. En Citroën pasouse do 27% ao 40. Hoxe na planta, no taller, por cada 10 traballadores 4 son eventuais. Xa non entramos a debullar aí as modalidades de contratos que hai aí.

En canto a salario tivemos tamén unha perda de poder adquisitivo por canto os dous pontos que lograramos na negociación do convenio hai catro anos, que foron dous puntos por riba do IPC previsto polo goberno, pois quedaron no camiño por ter unha cláusula de revisión que non vai sobre o IPC real. En materia económica, se engadimos a isto que segundo parece que neste IPC que se disparou o maior volume lévano os produtos de primeira necesidade, que é onde se nos vai unha grande parte do noso presuposto, pois podemos dicir que empobrecemos.

Traballamos máis, somos máis eventuais e precarios, e gañamos menos.


Contra a discriminación

En toda a política da fábrica hai un denominador común que levamos loitando desde hai moitos anos contra el e é a discriminación. É unha práctica que empaña toda a política das relacións laborais e que a CIG non está disposta a convivir con ela. É un tema que denunciamos e que continuaremos a denunciar porque se da con moita frecuencia na contratación, nas promocións e no trato en xeral. Esta discriminación ven motivada por ideas, polo pensamento, porque non te prestas a facer as horas extras, por esa entrega que eles entenden que debe formar parte da vida das persoas no traballo, e non promocionas; podes ser un bo profesional pero se empregas a palabra “non”, porque che asiste o dereito a empregala pois entras na capela dos incómodos, e é un grave problema que temos aí.

Na conciliación somos unha empresa que sentou novidade en canto a elaboración de documentos sobre esta materia, pero agora que está lexislado pois non se practica. Un exemplo xa aparecía na revista Arauto da automoción da CIG, e é que unha persoa pide conciliar a súa vida laboral e familiar que é algo sinxelo de entender nunha fábrica que traballa tres quendas, pois esa persoa pide unha quenda fixa e non se lle concedeu. Tivo que vir unha maxistrada darlle a razón, e a pesar de darlle a razón non se cumpriu a sentenza. Foi requirida a empresa para que cumprira e tampouco. E estamos aínda niso, porque está xente está por riba de todo.

No capitulo social queda moito por andar nesta fábrica.


Anteproxecto da CIG

Zélia García: Que reclama a CIG para a negociación deste convenio e que propostas aporta?

Henrique Pérez: Vai no sentido contrario do que che debuxei antes. Pedimos un 5%, o IPC previsto máis dous puntos, e pedimos un incremento do persoal fixo no taller dun 5%, que ademais das persoas que se xubilen durante a vixencia do convenio, o persoal sexa maior nun 5%, e así recuperar terreo perdido.

Para evitar a discriminación nas promocións, por poñer un exemplo, para aquelas persoas que leven un período determinado pois que sexa de carácter automático para evitar as discriminacións.

No tema da conciliación e da igualdade que se arbitren mecanismos para que se cumpra coas leis, que se elaboren documentos que atendendo á realidade da fábrica a nivel organizativo, pois que se permita a conciliación de maneira automática a todas aquelas persoas que o soliciten atendendo a razóns familiares.

Temos outro capítulo que é o tema dos limitados. Somos unha empresa que xera un importante número, un 10% da xente que se xubila faino por invalidez. É un problema serio, porque para que a xente poda seguir realizando unha actividade nun posto adaptado, é dicir, poñer en práctica o que di a lei de prevención de adaptar o posto á persoa, e en Citroën esa cultura aínda non está adaptada. É unha cultura horizontal e queda moito por traballar, pero a CIG está facendo moitos esforzos para que realmente se transforme, e facer a vida laboral ás persoas o máis grata posíbel.

Zélia García: Como cres que se vai desenvolver esta negociación, que expectativas tedes?

Henrique Pérez: Temos expectativas boas atendendo aos números e á realidade da fábrica. É unha planta que prevé fabricar máis coches aínda, e estamos nun bo lugar posicionados dentro do grupo, xa que somos a máis competitiva e rendíbel. Os datos de desemprego e precariedade son escandalosos polo que non creo que Citroën estea por manter esa dinámica, e iso é o que nos fai albergar esperanzas de que o convenio debe ser bo. Non sei se será bo pero queremos crer que vai ser bo, porque ademais máis para atrás non se pode ir.

Zélia García: Cal é e actitude dos outros sindicatos?

Henrique Pérez: A actitude dos sindicatos diante da negociación é parecida porque todos somos conscientes de cales son as necesidades. Penso que sería fácil refundir mesmo todas as peticións no tema económico e de emprego. As diferenzas nacen na maneira de defender estas propostas. No escenario, cando hai que representar o papel, comezan os movementos, e a ver se nesta ocasión, seguindo na liña de sermos positivos, todos vogamos xuntos.

Zélia García: Que papel pensas que pode desenvolver a patronal?

Henrique Pérez: Houbo un cambio de dirección recente que afectou a recursos humanos, e non sabemos como van vir, que tamén é unha novidade, é a primeira negociación que van enfrontar esta nova dirección de recursos humanos e o propio director da planta. Estou seguro de que como esta xente está instalada no pedir máis flexibilidade pois seguramente a algún se lle ocorrería algo, porque estes son insaciábeis.


Afiliación e eleccións

Zélia García: Cal é a situación de afiliación da CIG e como avalías a suba importante que houbo nas ultimas eleccións sindicais?

Henrique Pérez: Falar de Citroën nas eleccións sindicais é falar dunha empresa moi particular, porque o voto está controlado. Estamos falando dunha empresa que apostou toda a vida por un modelo sindical, participa do pensar da xente. Esa mecánica de querer cativar o voto cara un modelo de sindicalismo determinado, pois iso con maior ou menor intensidade sempre está aí. Para unha organización como a CIG, que defende a súa independencia e o seu compromiso, co sindicalismo de clase na defensa dos intereses dos traballadores, pois é moi difícil avanzar. Hai que ser moi valente para simplemente ser libre alí, e estar na CIG é ser libre. E neste contexto, ter superado o listón dos cinco que se conseguía sempre polos restos, e nesta ocasión sacar o sexto con folgura foi todo un fito histórico para o sindicalismo nacionalista, partindo desas técnicas que se aplican alí dentro, a respecto do control do pensamento dos traballadores. Quero dicir que se gozásemos dun status de liberdade democrática e os traballadores nas súas eleccións elixiran libremente pois seguramente estaríamos nuns resultados moi diferentes.

Respecto a afiliación eu creo que é moi boa, duplicouse nos últimos dez anos. E sobre todo, a pesar das discriminacións no emprego, porque nós somos uns dos grandes destinatarios da discriminación, continuamos a ser unha referencia para os traballadores mozos, que unha vez alí ven a CIG como o sindicato que sempre lles vai botar unha man. Estamos relativamente satisfeitos, porque a pesar das trabas que nos pon a dirección, o noso proxecto sindical continúa a avanzar. Isto tamén nos obriga a ter máis coidado porque estamos vistos con lupa pero estamos satisfeitos tanto das eleccións sindicais do ano pasado como do número de afiliación.

 
 


Zélia García,
membro de CIG-Comunicación.
(Máis artigos/entrevistas...)

  Zélia García
 
Volver a Actualidade

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 31/01/2008
cig.informatica


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta