|
Actualidade / Entrevista Zélia García-
A finais de xuño de 2005 Xosé Carlos Crespo era reelixido secretario nacional da Federación de Administración da CIG. Máis de dous anos e medio despois avalía este período e entra nas cuestións de actualidade da Federación.
Xosé Carlos Crespo: Na nosa Federación todos os anos temos mobilizacións contra os incrementos salariais que se propoñen nos orzamentos tanto do Estado como da Xunta, cando se fixan as retribucións das empregadas e empregados públicos, e outras moitas das nosas condicións de traballo, e sempre temos diferenzas. Historicamente nós sempre nos manifestamos en contra dos incrementos salariais que se propoñen para os empregados públicos porque consideramos que se está a perder poder adquisitivo, e sempre o manifestamos así, realizando mobilizacións e difundido a nosa posición. Este ano aínda fixemos mobilizacións no sector do Estado, entre outras razóns, contra o incremento salarial para 2008, que é do 2%, cando a inflación interanual está nun 4,1%. Zélia García: Un conflito de moita importancia foi o dos plus dos altos cargos, que aínda que afecta á Confederación, ten moito a ver coas federacións da área pública e especialmente a de Administración pública. Xosé Carlos Crespo: Estamos a falar da reforma da Función Pública Galega, e que coa a disposición adicional 17, que contempla o plus para os altos cargos, supón un plus salarial de, como mínimo, 3.000 euros para altos cargos, unha cuestión escandalosa porque cría unha elite de funcionarios que ocupan postos de designación política ou de libre designación e que crea unha situación de privilexio para eles en canto a súa retribución, xa que se consolidan de por vida, e iso foi o que nos levou a mobilizarnos, a toda a Confederación e tamén a nosa Federación en San Caetano, no pasado mes de outubro, e onde estivemos a manifestarnos. Agora a Confederación está a promover unha iniciativa lexislativa popular para derogar esa disposición, na que agardamos que a Mesa do Parlamento autorice o máis axiña posíbel a recollida de sinaturas. Zélia García: Neste último ano houbo bastante conflito pola cuestión dos sistemas de ingreso na Administración pública e a convocatoria de oposición, que postura se defende desde a CIG-Administración co polémico tema das e dos interinos? Xosé Carlos Crespo: Nos sistemas de ingreso que contempla a lexislación está contemplado a oposición como sistema habitual e o concurso oposición como sistema excepcional. Parece comprensíbel que xente que accedera a un posto de traballo aínda que fora como interino en condicións similares aos dunha oposición, é dicir, respectando os criterios de igualdade, mérito e capacidade, pois é comprensíbel que ese persoal que foi aceitado que se lle puntúen os servizos prestados para o seu acceso como persoal fixo á Administración pública. Isto xera sempre polémicas porque xente que concorre por primeira vez a unhas oposicións encóntrase con que hai persoal que ten puntuación a maiores por esta interinidade e que é moi difícil superar, pero hai que poñerse nos dous lados e tentar dilucidar cal é o sistema máis xusto. Nós pensamos que si que se deben puntuar os servizos prestados para o persoal que está xa traballando. Zélia García: Un sector con alta conflitividade é o de Correos, cal é a situación actual? Xosé Carlos Crespo: O sector de Correos é sempre un sector moi dinámico e onde sempre hai moitas mobilizacións, e a nosa representación en Correos é moi belixerante coa dirección porque están nunha situación na que cada vez están a separar máis a empresa do público para o privado, e nós somos defensores dos servizos públicos. Pensamos que debería ser un servizo público e unha entidade pública porque agora mesmo Correos é un ente público empresarial e está tendo un estatus de persoal laboral. O persoal funcionario que ten Correos está practicamente a extinguirse, e todo o novo persoal en Correos é todo persoal laboral, e que non ten nada que ver con unha relación laboral de funcionarios que había e aínda hai. É un colectivo que fai un servizo público moi importante e que está nunhas condicións salariais bastante baixas e cunhas condicións de traballo tamén bastante precarias. Neste sector estamos moi enfrontados á dirección de correos e sempre temos moitas mobilizacións, e agora mesmo máis que nunca, xa que a nova lei permite que o servizo prestado polos carteiros non sexa diario e pódense acumular as cartas en determinados puntos de zonas rurais, co conseguinte deterioro da calidade do servizo e a merma de persoal. Zélia García: Respecto á negociación colectiva, que temas destacarías? Xosé Carlos Crespo: Na nosa Federación hai tantos sectores e tantos entes dos que dependemos distintos, mesmo dentro da Administración do Estado, hai moitos organismos e danse moitas negociacións. Por exemplo, o convenio único do persoal laboral que se fixo nestes dous anos e conseguiuse un convenio único de persoal laboral, da Administración do Estado, no que houbo uns acordos importantes, cun compromiso de acadar salarios mínimos de 1.000 euros mensuais. Na Administración autonómica, o ano pasado houbo un acordo retributivo tanto para persoal laboral como para funcionarios, no que por primeira vez asinou a CIG porque non supuña por primeira vez perda de poder adquisitivo, e esperamos melloralo aínda. Hai que ver tamén a aplicación legal do estatuto do empregado público, que é unha normativa que entrou en vigor este ano, o 14 de abril de 2007, e é a norma básica para todos e todas as empregadas públicas. É unha norma nova, e que recolleu o que había na normativa anterior e continuou. Este estatuto do empregado público aprobouse co acordo con CCOO, UGT e CSIF, pero nós desde logo non asinamos ese acordo. Había moitas cousas que non contemplaba e unha das nosas esixencias básicas era que contemplara en canto a retribucións a cláusula de revisión salarial. Ademais nós queriamos que fose un estatuto máis descentralizador, ademais de moitas outras cousas que son criticábeis dese estatuto. O estatuto publicouse, está en vigor e estase vendo as consecuencias que está a ter a aplicación deste estatuto: en materia retributiva continuamos a perder poder adquisitivo e non melloramos nas condicións laborais en xeral. Por exemplo, a xubilación pasa de ser agora a partir dos 70 anos non só para os empregados públicos senón para todo o mundo, e nós que pretendiamos que no Estatuto poder acadar a xubilación anticipada, á que non podemos acceder, o que está facendo a Administración é prolongar a idade de xubilación, aínda que con carácter voluntario despois dos 70 anos. Zélia García: Cal é a situación da afiliación na Federación? Xosé Carlos Crespo: Está a haber un medre de afiliación na liña da Confederación, que é alto, e tivemos nos últimos dous anos mil e pico afiliados máis, e estamos xa polos 6.600 afiliados/as, e si que estamos satisfeitos de que os empregados e empregadas públicas confían na CIG como sindicato no que poden confiar para defendelos. Zélia García: Que avaliación realizarías do último período a nivel organizativo da Federación? Xosé Carlos Crespo: A avaliación é con picos en segundo que sectores, máis satisfactorias nunhas e menos noutras, pero confiamos que no futuro ordenar un pouco máis a conxunción entre os sectores e as comarcas e implicarnos tamén no traballo confederal. Zélia García: E notáronse as mudanzas nos gobernos central e galego para os traballadores e traballadoras da Administración? E en canto á interlocución? Xosé Carlos Crespo: Houbo un certo cambio, si, desde logo. En Madrid nótase un talante diferente pero despois as políticas sempre son as mesmas, pero sempre hai máis capacidade de interlocución e de falar pero só iso. A cuestión en Madrid, pois o PSOE é que o ten moi claro, que a CIG é un interlocutor incómodo e que non lle convén o tema dos nacionalismos, e si que se entende moi ben con CCOO, UGT e CSIF. Na Xunta de Galiza notouse unha certa mudanza, porque mal nos iría senón houbera un cambio dun goberno Fraga a un goberno composto por nacionalistas e o PSOE. A nós gustaríanos que se fora máis alá en materia laboral e social. |
||||
|
||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 16/01/2008 |
||||
|