ActualidadeVolver a Actualidade


Santiago, 13 de febreiro de 2008

Demanda da Consellaría “valentía” para destinar os cartos das subvencións á FP pública
A CIG-Ensino considera inxustificados os concertos educativos na Formación Profesional

 

CIG-Comunicación-

cig.prensa@galizacig.com


  Consuelo Campos e Anxo Louzao; clic para aumentar
CIG-Ensino demanda da Consellaría “valentía” para que se eliminen as subvencións, con fondos públicos, as accións formativas ofertadas por entidades privadas e que se ordene a oferta de ciclos formativos na rede pública contemplando, onde haxa demanda, máis dun grupo por ciclo formativo. (Foto: Consuelo Campos, responsábel de FP, e Anxo Louzao, secretario nacional da CIG-Ensino. ©galizacig.com 12/02/2008).
 
O secretario nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao, e a responsábel de FP, Consuelo Campos, presentaron na mañá do martes 12, en rolda de prensa, un informe sobre o estado actual da Formación Profesional en Galiza, destacando que o actual marco xurídico deste tramo educativo provén dunha Lei do Partido Popular que non foi modificada polo PSOE.

Este marco xurídico caracterízase pola súa centralización. Como exemplo diso sinalouse a normativa de centros integrados que invade competencias da Consellaría de Educación, o que levou á CIG a recorrer este decreto, que foi admitido a trámite polo Tribunal Supremo ou a proposta de centros de referencia nacional de formación profesional que pretenden ser verdadeiros enclaves do MEC na Galiza.

Do mesmo xeito, este marco xurídico liquida a xestión democrática, xa que desaparece a elección do director pasando a ser de libre designación pola Administración nos centros integrados e a desaparición do Consello escolar neste tipo de centros.

Ademais, favorece a privatización, do que se deriva que a Consellaría de Educación dedique 13,5 millóns de euros a este tramo educativo postobrigatorio para o ano 2008.

Como alternativa, a CIG-Ensino demanda da Consellaría “valentía” para que se eliminen as subvencións, con fondos públicos, as accións formativas ofertadas por entidades privadas e que se ordene a oferta de ciclos formativos na rede pública contemplando, onde haxa demanda, máis dun grupo por ciclo formativo.

Neste intre dáse o paradoxo de que nos ciclos de grao medio a oferta privada concertada (1.920 prazas) triplica a oferta na pública dos mesmos ciclos e nas mesmas localidades (656 prazas, da que 236 son en réxime de oferta modular para adultos). Ademais, a oferta de ciclos superiores tamén é moito maior nos centros concertados (700 prazas), que nos públicos (530 prazas, das que 194 son en réxime modular para adultos).

Porén, no ensino público a oferta está limitada a un grupo por ciclo e localidade en réxime ordinario e, nalgúns casos outro grupo en oferta modular para adultos. Restrición que non existe para a privada, onde se concertan máis dun grupo por ciclo e localidade en réxime ordinario. A consecuencia é que a oferta de ciclos en réxime ordinario na privada concertada supera á pública en practicamente todos os casos.

Do mesmo xeito, no ensino público a oferta de prazas nalgúns ciclos está limitada a 22 para evitar desdobres, algo que non ocorre na privada, na que se adoitan ofertar até 30 prazas por grupo. Por iso, a CIG-Ensino propón que se negocien os criterios para o estabelecemento de desdobres con máis de 20 alumnos en determinados módulos dos ciclos, tendo en conta, ademais das razóns de perigosidade, a necesidade de prestar unha atención individualizada ao lumnado.


Ciclos que existen na privada e non na pública

Pero aínda é máis grave que hai ciclos que se ofertan na privada e non na pública, o que para a CIG-Ensino é incomprensíbel. Así, do Ciclo Medio (CM) de Farmacia non hai oferta nin en Ourense nin en Vigo e o que é aínda peor, nesta cidade tampouco hai oferta pública dos CM de Preimpresión e Impresión en Artes Gráficas, que si se ofertan, en todos os casos, na privada concertada. “É especialmente grave que non haxa en Vigo oferta pública e si concertada do Ciclo Superior de Educación infantil”, salientan.

Por outra banda, nos centros públicos só quedan vacantes 169 prazas, 101 en ciclos medios e 81 en ciclos superiores, mentres que na concertada hai nin máis nin menos que 713 prazas vacantes, 567 en ciclos medios e 146 en ciclos superiores. Neste caso, cómpre subliñar que nas vilas nas que hai CM na privada concertada e non na pública, teñen máis da metade das prazas ofertadas vacantes (Coristanco, Mugardos, Pontedeume, Sober, Caldas, As Neves, Arzúa e Redondela).

Neste sentido, CIG-Ensino demanda que non se tome a decisión de suprimir ciclos até estar rematados todos os prazos de matrícula e que, en todo caso, se manteña o carácter exclusivamente público dos Centros Integrados de FP e se negocie un regulamento de funcionamento único para todos eles.


Condicións laborais do profesorado

Canto á situación do profesorado, CIG-Ensino exixe que se prohiba a realización de horas extra na impartición de accións formativas do subsistema de Formación Profesional para o Emprego. Con esta finalidade, considera que deben computarse estas horas para fixar os cadros de persoal nos centros que teñan esta oferta.

Xunto a iso, demanda o estabelecemento dun plano de formación do profesorado cara á implantación dos novos ciclos, facilitando as estadías en empresas e a asistencia a cursos en período lectivo.

Tamén considera necesario que se empece a impartir nos centros públicos o curso de preparación para a proba de acceso aos ciclos medios e superiores que se recolle na LOE e que os Programas de Cualificación Profesional Inicial que posibilitan a consecución do título de graduado en ESO, coa implantación prevista para o curso que vén, se impartan exclusivamente en centros públicos, para o que será imprescindíbel garantir unha oferta suficiente de cara a impedir a súa privatización.

 
 
Informacións relacionadas
30/01/2008 Contempla a posibilidade de que sexan privados concertados e liquida a xestión democrática
CIG-Ensino rexeita o Decreto que regula os Centros Integrados de FP en Galiza
 
Volver a Actualidade

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 13/02/2008
cig.informatica


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta