ActualidadeVolver a Actualidade


Vigo, 15 de febreiro de 2008

Que se posicione coa traballadora
A CIG solicita da Fiscalía maior sensibilidade no xuízo da delegada de Dozón que leva 9 anos a sufrir acoso laboral

 

CIG-Comunicación-

cig.prensa@galizacig.com


  Xuízo contra o alcade de Dozón por 9 anos de acoso laboral a Ana Lois Navaza; clic para aumentar
Suso Seixo manifestou que “ante esta situación de clara inxustiza nós reiteramos a nosa solidariedade como Confederación e o noso apoio á compañeira Ana Lois. O día 19 haberá unha representación significativa da Dirección da CIG no xuízo para manifestar ese apoio e denunciar unha vez máis que aquí a igualdade diante da lei no Estado español non é tal, pola experiencia que nós temos”.
Xuízo contra o alcade de Dozón por 9 anos de acoso laboral a Ana Lois Navaza; clic para aumentar
  Ana Lois Navaza, delegada sindical da CIG, ante as preguntas dos medios de comunicación manifestou “sentirse abatida” porque ”é unha situación de tortura física e psíquica que se alonga nove anos, que se cumpren agora en abril. Estou triste porque é unha situación moi dura e o proceso xudicial tamén vai ser moi duro para min, e isto é o que podo dicir humanamente”. (Fotos: ©galizacig.com 14/02/2008).
   
O vindeiro martes 19 de febreiro celebrarase no Xulgado do Penal nº 3 de Pontevedra un novo xuízo polo caso de nove anos de acoso laboral do alcalde de Dozón á delegada da CIG no Concello, Ana Lois Navaza. Para falar destas cuestións tivo lugar o 14 de febreiro unha rolda de prensa.

O motivo da convocatoria da rolda de prensa que tivo lugar esta mañá no local da CIG de Pontevedra, e na que estiveron presentes Suso Seixo, secretario xeral da CIG, Antolín Alcántara, secretario confederal de Negociación Colectiva da CIG, e Ana Lois Navaza, delegada sindical do Concello de Dozón acosada, é que no Xulgado do Penal nº 3 de Pontevedra vai ter lugar un xuízo o próximo 19 de febreiro ás 12 da mañá por unha querela presentada pola CIG contra o alcalde de Dozón por prevaricación.

O motivo da querela é por un conflito que vén de hai bastante tempo, o ano 1999, cando a compañeira Ana Lois Navaza se presentou polas listas do BNG no Concello de Dozón, e posteriormente foi elixida candidata e escollida como representante dos funcionarios e funcionarias de Dozón pola CIG. Desde ese momento iniciouse toda unha labor de acoso por parte do alcalde contra esta compañeira que conlevou continuas modificacións nas súas condicións laborais, que supuxeron que en reiteradas ocasións (hai máis de trinta sentenzas nese sentido) se condenara ao alcalde a cumprir a lei.


Un cúmulo de sentenzas

Suso Seixo, secretario xeral da CIG, subliñou que “son un cúmulo de sentenzas que levaron finalmente diante desta situación que se optara por presentar esta querela de prevaricación contra o alcalde, no que se solicitase a súa inhabilitación”.

Hai tamén sentenzas condenatorias contra o alcalde por inxurias contra esta compañeira. Hai sentenzas onde se recoñece que a baixa laboral desta compañeira durante moitos meses pois se recoñece que é por accidente laboral. É un caso practicamente único en todo o Estado, no que se recoñece unha baixa destas características, por depresión pero que a propia sentenza recoñece que é un accidente laboral xa que se da pola situación de acoso laboral que esta compañeira sofre no seu posto de traballo. Existen reiterados informes neste sentido da Inspección de Traballo, onde se recoñece que existe acoso laboral, que hai un incumprimento reiterado por parte da Alcaldía das normas de seguridade no propio Concello. Tamén hai unha sentenza na que se recoñece expresamente o acoso laboral na baixa como accidente laboral, polo que lle supón un recargo nas costas da Seguridade Social que ten que pagar o Concello.

O propio alcalde en reiteradas manifestacións públicas, mesmo en informacións por parte do propio Valedor de Pobo, recoñece que este tipo de conduta que adoptou e a persecución contra a compañeira é como consecuencia da súa presentación no seu momento por parte do BNG.


“Non todos somos iguais ante a lei”

Seixo engadiu que “nós entendemos que estamos ante un caso alarmante, inxusto e que demostra que a Xustiza neste país existe moi pouca e que están moi condicionada polas características das propias persoas sobre as que se exerce. É difícil de entender que un alcalde, un cargo público, que incumpre de forma reiterada o que é a lei pois continúa a exercer ese cargo público. Entendemos ademais que en circunstancias como estas nas que se vulneran dereitos dos traballadores e onde se vulnera a lei de prevención en materia de prevención laboral e non se adopta ningún tipo de medida, ven demostrar que aquí a pesar de estar supostamente, ou polo menos así o recoñece a Constitución española, nun Estado de dereito, é evidente que non todos somos iguais ante a lei”.

O secretario xeral da CIG lembrou que “hai compañeiros nosos que por participar de piquetes en folgas pedíronlle até sete anos de prisión por atentar contra o dereito ao traballo, pero curiosamente o alcalde de Dozón está a atentar contra un dereito fundamental como é o dereito a liberdade sindical e política da compañeira; está a atentar contra o dereito á seguridade no propio posto de traballo, e a este alcalde non só non se lle condena senón que continúa a exercer con total normalidade o seu cargo”.


Solicitan outro papel da Fiscalía neste caso

Seixo denunciou a actitude da Fiscalía xa que “é curioso que a Fiscalía con todos estes antecedentes, estas probas e todas estas sentenzas, informes da Inspección de Traballo, informes da propia Seguridade Social, pois pide o sobresemento do caso e entende que non existe delito. Curiosamente a Fiscalía ante un feito que acaba de ocorrer hai uns días, que foi a problemática que xurdiu coa presidenta do PP vasco, aí si que di que hai que abrir dilixencias porque hai un atentado grave contra os dereitos desa persoa, e parece que aquí o que hai é ocupar certos cargos de relevancia a nivel político ou de partido para que por parte da Fiscalía se entenda que se vulneran dereitos. Se es un traballador ou traballadora normal, neste caso unha funcionaria dun concello, parece que se poden cometer por parte do Poder todo tipo de abusos e que iso non implica aplicar o Código Penal o mesmo que se aplica noutros casos”.


Denuncian “a actitude do PP que encobre a un acosador”

Suso Seixo denunciou tamén “a actitude do PP, e en concreto, do seu presidente Alberto Núñez Feijoo. Queremos acusar aquí publicamente como encubridores dun acosador laboral”.

O secretario xeral da CIG explicou as xestións que realizaron diante desta organización política: “tanto a responsábel da Secretaría da Muller da CIG como eu tivemos unha reunión no Parlamento galego con Núñez Feijoo para explicarlle toda esta situación, para darlle un dossier con todas estas sentenzas que había contra o alcalde de Dozón, para que por parte do PP adoptaran algún tipo de medida política en contra deste señor. E a resposta que tivemos non é só que non adoptaran ningunha medida política senón que o volveron presentar como cabeza de lista para as últimas eleccións municipais. Isto denota o desprezo que hai no PP, e en concreto por parte do seu presidente, o señor Feijoo, respecto dos dereitos dos traballadores, e neste caso nun tema tan grave como é o acoso laboral, coas consecuencias tan graves que está a ter para a saúde desta traballadora”.


Apoio e solidariedade da CIG

Suso Seixo manifestou que “ante esta situación de clara inxustiza nós reiteramos a nosa solidariedade como Confederación e o noso apoio á compañeira Ana Lois. O día 19 haberá unha representación significativa da Dirección da CIG no xuízo para manifestar ese apoio e denunciar unha vez máis que aquí a igualdade diante da lei no Estado español non é tal, pola experiencia que nós temos”.

Seixo finalizou pedindo que “xa que estamos en campaña electoral ao señor Núñez Feijoo e Rajoy que se eles están en contra do acoso laboral que así o manifesten e adopten as medidas oportunas contra un cargo político da súa formación como é o alcalde de Dozón. Agardamos que por parte da Fiscalía se manteña unha actitude, que até o de agora non tivo, dunha maior sensibilidade cara a problemática dos traballadores. Tense creado unha Fiscalía específica, tanto no ámbito do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza como nos ámbitos provincias, que eran unhas fiscalías especiais para perseguir todo o que ten que ver con incumprimentos da normativa laboral en materia de seguridade, e aquí temos un caso claro, con probas claras, pero por parte da Fiscalía se está a mirar para outro lado”.


Investigación da Fiscalía

Antolín Alcántara, secretario confederal de Negociación Colectiva e Saúde Laboral da CIG, incidiu en que “a actitude da Fiscalía sempre foi contraria a cada unha das sentenzas que saíron, polo que pediría ao novo fiscal xefe que ademais de que mire este caso pois que investigue ao fiscal que o leva, que tiña que ter tomado algunhas decisións concretas e que ten responsabilidades pola súa omisión de funcións”.

Alcántara sinalou que “aquí hai de maneira rotunda en diferentes feitos, actuacións concretas que están penalizadas polo Código Penal, nas que o alcalde de Dozón debería estar imputado desde hai bastante tempo. Pedimos ao novo fiscal xefe que, por unha cuestión de hixiene dentro do seu propio departamento, investigue realmente que o que está a pasar”.


Tortura física e psíquica

Por último, Ana Lois Navaza, delegada sindical da CIG, ante as preguntas dos medios de comunicación manifestou “sentirse abatida” porque ”é unha situación de tortura física e psíquica que se alonga nove anos, que se cumpren agora en abril. Estou triste porque é unha situación moi dura e o proceso xudicial tamén vai ser moi duro para min, e isto é o que podo dicir humanamente”. Ana Lois fixo un convite aos medios alí presentes para asistir ao xuízo para que comprobaran máis polo miúdo este caso, coas testemuñas, peritos e informes.

 
Descarga en .pdf
 
pdfNotas sobre o caso de Ana Lois Navaza

 
 
Informacións relacionadas
24/06/2006 Apróbase a Proposición non de Lei do BNG de adoptar medidas para rematar co acoso laboral en Dozón
20/06/2006 Demanda que Núñez Feijoo actúe contra o alcalde tras a sentenza que fala de “conduta voluntaria de provocar dano na traballadora”
A CIG solicita do bipartito interveña no Concello de Dozón polo caso de acoso moral continuado a Ana Lois Navaza
02/02/2006 Ana Lois Navaza, delegada sindical da CIG no Concello de Dozón
“A miña alta forzosa é a neglixencia máis grande que se pode permitir unha administración pública”
Entrevista de Paula Castro (CIG)
31/01/2006 Demandan a inhabilitación de Adolfo Campos polo seu comportamento antidemocrático
Delegados da CIG exixen ao alcalde de Dozón que remate co acoso laboral aos afiliados e á delegada da central
26/01/2006 Concentración diante da Casa do Concello o luns 30 de xaneiro
Máis de 30 sentenzas condean ao alcalde de Dozón por actuacións caciquís contra os traballadores
29/11/2005 Entrevista
Ana Lois Navaza: “Na administración pública é onde se manifesta con maior crueza o acoso moral”
30/07/2005 A CIG demanda a inhabilitación de Adolfo Campos Panadeiro, alcalde da vila
Sentenciado o Concello de Dozón a indemnizar con 6.000 euros a Ana Lois Navaza por acoso moral
16/09/2003 A CIG exixe que o PP obrigue ao alcalde de Dozón a cumprir a lei e cese o acoso contra Ana Lois
26/02/2002 Entrevista a Ana Lois, delegada da CIG no Concello de Dozón
“Esta é unha guerra de resisténcia na que a CIG e os traballadores vencerán”
13/04/2001 Seguen as falcatruadas do alcalde de Dozón contra as/os traballadoras/es do Concello e a delegada sindical
O alcalde de Dozón prestou declaración nos xulgados de Lalín por unha demanda penal interposta pola Delegada Sindical da CIG-Administración
05/12/2000 Pola dignidade laboral no Concello de Dozón
02/12/2000 Máis de 700 persoas maniféstanse en Lalín en apoio dos traballadores/as do Concello de Dozón e contra a actitude autoritaria do alcalde
29/11/2000 Manifestación en apoio aos/as traballadores/as do Concello de Dozón, o 1 de decembro en Lalín
08/11/2000 A CIG logra a novena resolución xudicial favorábel aos funcionários e contra o alcalde de Dozón
25/10/2000 O Secretariado Confederal da CIG celebrou en Dozón unha reunión contra a persecución sindical
27/09/2000 Funcionarios mirando á parede
17/06/2000 O alcalde do PP en Dozón pisotea sistematicamente os direitos fundamentais de cinco dos sete funcionários da alcaldia
 
Volver a Actualidade

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 15/02/2008
cig.informatica


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta