ActualidadeVolver a Actualidade


Vigo, 28 de febreiro de 2008

Análise de datos
A CIG de Ourense denuncia os numerosos despedimentos e a precariedade na contratación

 

CIG-Comunicación-

cig.prensa@galizacig.com


  Virxinia Cortiñas, Etelvino Blanco e Carlos Vázquez; clic para aumentar
Etelvino Blanco subliñou que “a pesar dos distintos acordos que asinaron as centrais sindicais estatais co goberno central, e tamén aqui en Galiza, e dos que a CIG non participou (...) compróbase que estes acordos non serviron para reducir a temporalidade nin para que houbera un avanzo en número de traballadores fixos”. (Foto: ©galizacig.com 25/02/2008).
 
A provincia de Ourense rexistrou durante 2007 unha media de dous despedimentos por cada día hábil do ano, segundo os datos oficiais que fixo públicos a CIG de Ourense nunha rolda de empresa, na que denunciou a alta taxa de precariedade e temporalidade existente na comarca.

Etelvino Blanco, secretario comarcal da CIG de Ourense, acompañado de Virxinia Cortiñas e Carlos Vázquez, membros da Executiva comarcal, expuxo nunha rolda de prensa que tivo lugar o luns 25 de febreiro no local comarcal da CIG de Ourense os datos de contratacións e despedimentos da provincia durante 2007, na que sinalou o “alarmante que é comprobar que malia a etapa de bonanza económica, da que os empresarios obtiveron moito beneficio, pois isto non conlevou a creación de emprego estábel, senón que continuou o fomento da contratación temporal”.

Outra das conclusións que salientaron na rolda de prensa é o elevado número de despedimentos nos empregos fixos e o 89% de contratos temporais de todo tipo que se dan na provincia de Ourense.

En relación aos despedimentos, na provincia de Ourense 591 traballadores ficaron sen emprego no 2007, dos que 540 pasaron pola Unidade de Mediación, Arbitraxe e Conciliación (UMAC), aos que se somaron outros 51 de despedimentos colectivos dos que 50 foron de traballadores do Téxtil.

Estes despedimentos conlevaron indemnizacións por un importe total de 2,57 millóns de euros, que dá unha media da 11.204 euros por traballador, sen incluír aquí aos que tiveron que recorrer ao xulgado para obter a súa xusta indemnización.


Despedimentos con máis de 5 anos na empresa

Os empregados despedidos, segundo estes datos oficiais feitos públicos polo secretario comarcal da CIG de Ourense, levaban, no 30 por cento dos casos, máis de cinco anos na empresa. No tocante ás contratacións na provincia de Ourense foron criados uns 72.000 empregos no 2007, dos que aínda non se conta con cifra oficial, máis que superan con moito os 4.000 que corresponderían a Empresas de Traballo Temporal (ETT).

Nestes novos contratos só o 11 por cento son indefinidos a tempo completo (7.566), mentres que o resto continúan a ser a tempo parcial ou temporais de diverso tipo, entre eles 11.796 contratos por horas e 2.180 en práticas.

Para saber máis polo miúdo o contido dos datos anexamos unha táboa que se fixo chegar aos medios de comunicación presentes na rolda de prensa ao final desta nova.


Avaliación dos datos e precariedade

Etelvino Blanco salientou “a precariedade enorme que existe na provincia de Ourense porque o 89% dos contratos seguen a ser contratos a tempo parcial e temporais de todo tipo”. As grandes prexudicadas desta contratación temporal son as mulleres, xa que 8.122 corresponde a mulleres. Blanco tamén destacou que esta precariedade afecta fundamentalmente aos menores de 29 anos, dado que 28.138 destes contratos son de menores de 29 anos.

Nas empresas de Ourense hai máis dun 40% do persoal que é eventual, e, segundo Blanco, “isto sitúanos nas cifras máis altas de temporalidade”. O secretario comarcal incidiu tamén no xeito de realizar estas contratacións xa que “continúan a proliferar todo tipo de contratos, e a maioría deles ilegais, xa que rota o traballador no mesmo posto de traballo, e por iso, moitos destes contratos están en fraude de lei”.


Pactismo sen efectos positivos

Por último, Etelvino Blanco subliñou que “a pesar dos distintos acordos que asinaron as centrais sindicais estatais co goberno central, e tamén aqui en Galiza, e dos que a CIG non participou por considerar que este tipo de política non ía ser efectiva, ao final viuse claramente que aquí os empresarios continúan a aproveitarse de toda esta situación con enormes subvencións que teñen agora mesmo para a contratación de traballadores fixos, continúan a producirse enormes abusos na contratación, e compróbase que estes acordos non serviron para reducir a temporalidade nin para que houbera un avanzo en número de traballadores fixos”.

 
Descarga en .pdf
 
pdfConciliacións individuais en Ourense

 
Volver a Actualidade

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 28/02/2008
cig.informatica


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta