ActualidadeVolver a Actualidade


Santiago, 29 de febreiro de 2008

Demanda de Educación a creación dunha Dirección ou Subdirección Xeral específica
A CIG reclama medidas urxentes para que se cumpra o Decreto de Normalización Lingüística no Ensino

 

CIG-Comunicación-

cig.prensa@galizacig.com


  Aprender en galego para vivir na Galiza; clic para aumentar
CIG-Ensino reclama se elabore un plano de formación que abranga a todo o profesorado, que o capacite para que poida dar aulas en galego na súa materia, así como sobre contidos sociolingüísticos que comporten actitudes positivas sobre o ensino en galego.
 
A CIG-Ensino constata que sete meses despois da entrada en vigor do Decreto 124/2007 que regula o uso e promoción do galego no sistema educativo, a Consellaría de Educación non ten dado mostras de implicación na súa implantación.

«Desde a CIG-Ensino consideramos que a Consellaría de Educación está paralizada no relativo á aplicación deste Decreto e que non levou a cabo medidas eficaces de potenciación do noso idioma e que xa se lle reclamamos en diversas ocasións a través de diferentes escritos.

Ademais da inexistencia de actividades de formación e sensibilización dirixidas especialmente aos equipos directivos e ao profesorado de infantil, de actividades destinadas á formación do conxunto do profesorado en materia lingüística e sociolíngüística ou da creación de materiais que non fosen estritamente os necesarios para a elaboración do Proxecto Lingüístico de centro, por certo enviados con moito retraso, a Consellaría nin sequera se ten preocupado de facer un seguimento do cumprimento do Decreto nestes primeiros meses.

A ausencia destas medidas, que na CIG-Ensino consideramos fundamentais para a boa marcha do Decreto, ten, entre as súas causas, a inexistencia dunha Dirección ou Subdirección Xeral de Normalización Lingüística dentro da Consellaría de Educación que, desde esta organización sindical, vimos reclamando. Cómpre que dentro do organigrama da Consellaría exista esta estrutura para que se responsabilice e coordine todo o relativo á normalización do noso idioma nos centros educativos como primeira medida eficaz para garantir o cumprimento do Decreto.

Por este motivo, a CIG-Ensino volve dirixirse a vostede para trasladarlle, de novo, a necesidade urxente de que se adopten as seguintes medidas:

1. Que se cree unha Dirección ou Subdirección Xeral de Normalización Lingüística dentro da Consellaría de Educación que teña entre outras funcións a de asesorar os Equipos de Normalización e o profesorado.

2. Que, urxentemente, se elabore un plano de formación que abranga a todo o profesorado, que o capacite para que poida dar aulas en galego na súa materia, así como sobre contidos sociolingüísticos que comporten actitudes positivas sobre o ensino en galego.

3. Que se elaboren e distribúan materiais de apoio en todas os niveis e materiais educativos para a normalización lingüística nos centros.

4. Que a inspección educativa teña como fin primordial a vixilancia do cumprimento do Decreto, así como o apoio e asesoramento para cantas iniciativas de galeguización e normalización se desenvolvan desde os centros educativos».

 
Volver a Actualidade

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 29/02/2008
cig.informatica


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta