|
Actualidade CIG-Comunicación-
A comezos do ano pasado, a CIG expresou o seu estupor polo regreso de Xosé Manuel Piñeiro, más coñecido por “Superpiñeiro”, á TVG. Esta iniciativa, decidida polo director da canle pública, Suso Iglesias, mereceu a felicitación do anterior secretario xeral de Relacións Institucionais da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, Antón Losada. Entón na CIG non entendían a ledicia expresada polo alto cargo da Vicepresidencia da Igualdade porque o único que lembraban de “Superpiñeiro” era o contido chocalleiro dos seus programas, nos que o rol asignado ás mulleres era denigrante e de mero obxecto. Como, se non, cualificar o papel xogado polas “azafatas” no programa Supermartes? Preguntaban daquela se era así como pensaban avanzar na igualdade. Un ano despois, produce o mesmo estupor ler na prensa que o programa Acompáñenos, que dirixe e presenta Xosé Manuel Piñeiro, participou na organización dunha “caravana de mulleres” con destino a Cervantes para propiciar o emparellamento cos solteiros do lugar. En palabras dunha veciña do Concello, Mariló Ramos, o acto só pode cualificarse de “escándalo e aberración. As mulleres non somos gando e levamos moito tempo loitando para que se nos trate como persoas. É un acto totalmente machista e fóra de época e lugar”. O director de TVG, máis alá de suxerir simples desculpas do presentador do programa para saír do paso, debería asegurar os mecanismos que garantan que as producións se axusten aos principios que deben inspirar a programación dos medios públicos en Galiza. Porque non só hai que preocuparse dos índices de audiencias que tan celosamente gardan, senón que ten que haber un compromiso firme coa promoción de valores que, como o da igualdade, forman parte dos alicerces democráticos da nosa sociedade. |
||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 16/02/2008 |
||||
|