|
Actualidade CIG-Comunicación-
Adriano Brito, secretario da Unión Local da CIG de Valdeorras, explica que desde que se iniciou o proceso electoral a dirección da Fundación Valdegodos amosou unha actitude antisindical contra a CIG. “Exerceron todo tipo de presións cos membros das candidaturas que o noso sindicato presentou en varios centros de traballo desta fundación para que non conseguíramos representación na empresa”, afirma. Brito engade que estas presións xa foran denunciadas o pasado mes de decembro, “cando denunciamos a intromisión de destacados membros do PP”. Porén, as presións cara aos delegados/as da CIG, cara aos traballadores/as que conformaban a candidatura da CIG e cara aos traballadores/as que manifestaron publicamente o apoio a esta candidatura endurecéronse nos últimos tempos. “Agora esas presións estanse a dar nos distintos centros desta Fundación e consisten en cambiar as carteleiras de traballo, negarse a conceder cambios de quenda á xente que apoia á CIG, negarse a selar escritos que os traballadores/as presentan ante a dirección, como por exemplo xustificantes de asistencia médica ou exames ou mesmo retirar do taboleiro de anuncios as comunicacións da CIG”. Dada a situación, a CIG de Valdeorras anuncia que, de non rematar esta situación e as presións que están a padecer os delegados/as e os afiliados/as en xeral, denunciará estas prácticas ante a Inspección de Traballo e tamén ante o Xulgado do Social ou mesmo ante os Xulgados do Penal, en función do que estimen oportuno os servizos xurídicos da central. Alén diso, advirten que se porá en marcha unha campaña de mobilizacións contra a dirección da Fundación Valdegodos e a familia que controla a devandita Fundación. |
||||
Informacións relacionadas
|
||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 08/02/2008 |
||||
|