|
Actualidade CIG-Comunicación-
Estes cincuenta casos denunciados perante a Consellaría, son, polo tanto, tan só unha selección dos que A Mesa ten coñecemento. En palabras de Carlos Callón, “case sería máis fácil entregar unha listaxe de parabéns aos centros nos que si se cumpre que unha nómina de todos os que non o fan”, porque “en ningún ciclo formativo de toda Galiza se cumpren os mínimos estabelecidos pola lexislación”. Do mesmo xeito, Fran Rei, coordenador nacional das Mocidades da Mesa, participante tamén no acto de entrega, asegurou que “todos teñen que seguir unha norma que, non o esquezamos, é froito da presión social e estudantil; a propia Consellaría recoñeceu que o curso pasado 66.000 estudantes pararon as aulas pedindo un novo decreto para o ensino e que este decreto se aplicase”. Desde A Mesa quérense recoñecer os centros que si están a cumprir e máis a aqueles que están a tomar medidas para pasar a cumprir a lexislación. Polo momento non se vai facer pública a listaxe de centros denunciados, porén realizarase un seguimento para comprobar que se está a traballar de cara á aplicación. Se estes centros persistiren, entón si farán públicos os nomes. Segundo Carlos Callón, os casos recollidos de vulneración do decreto non conxunto do país distribúense dun xeito semellante en cidades, vilas e no rural, algo que cualificou de “un tanto sorprendente”. Callón destacou tamén o feito de que “non hai moitas diferenzas entre centros públicos e concertados”. O presidente da Mesa denunciou que persisten nestes momentos casos que xa foron denunciados pola asociación perante os medios de comunicación: centros onde só se ministra en galego a correspondente materia, outros onde mesmo a docencia de Lingua Galega é en castelán, e o caso dunha profesora de Historia que lle dita os apuntamentos aos alumnos en castelán traducindo o libro, que está en galego. Callón sinalou que “mesmo hai profesorado que recoñeceu por escrito á Consellaría que non cumpre e aínda nin sequera recibiu unha visita da inspección”. Os datos presentados foron obtidos grazas á base social coa que conta a Mesa e tamén de “xente con sensibilidade polo cumprimento das normas”. A asociación vai entregar un novo informe antes de que remate o curso e, segundo Carlos Callón, espérase “que a información sexa dinámica, e que os centros que hoxe non cumpren comecen a facelo”. “A conselleira de Educación dixo en diferentes ocasións que esta era unha norma para aplicar; cómpre que se tomen todas as medidas necesarias para que iso sexa así”. A pesar do negativo dos datos, Callón recoñeceu que “hai unha mudanza a respecto dos últimos anos do PP, e no caso dos libros de texto naquelas disciplinas en que existe material en galego, estase a cumprir máis coa lexislación, aínda que non plenamente”. |
|||||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 22/02/2008 |
|||||||
|