|
Actualidade CIG-Comunicación-
A Policía portuaria de Vigo está composta na actualidade por 1 contramestre, 11 xefes de servizo, 15 xefes de equipa e 59 policías portuarios, dos que 4 aínda son eventuais. En data 1 de febreiro incorpóranse 10 novos efectivos con contrato de seis meses, procedentes dunha bolsa de traballo. No ano 2006, a CIG Portos presentou unha proposta de persoal diante da Autoridade Portuaria de Vigo na que, para cubrir as 25.000 xornadas de traballo que é necesario realizar, serían precisos 130 policías portuarios e xefes de equipa. Esta proposta foi avalada polos traballadores da Policía portuaria e os seus mandos, e apoiada pola totalidade do Comité de Empresa do Porto de Vigo. Cos efectivos actuais só poden cubrirse 15.000 xornadas das 25.000 que deberían realizarse. Por esta situación e pola nula actuación da Autoridade Portuaria, a CIG mobilizábase na mañá do venres para visibilizar o conflito existente con unha concentración de delegados e membros do Comité de Empresa. A Autoridade Portuaria ante esta situación optou por deixar postos de traballo sen cubrir (controis de acceso sen seguridade, zona de interior sen vixilancia), e, pola outra, palía a falla de efectivos facendo traballar aos policías portuarios 12.000 horas de máis da súa xornada establecida en Convenio Colectivo, sen ningunha compensación, ademais de incumprir o Estatuto dos Traballadores e o Convenio de Portos, obrigando a prestar servizo, nalgúns casos, todos os fins de semana nos meses de verán, pretendendo cambialos agora por descansos no mes de xaneiro e febreiro, agudizando a problemática dos niveles de seguridade e calidade do servizo prestado, xa de por si bastante precarios. Ademais, as baixas producidas na Policía portuaria non foron cubertas con novos policías portuarios, empobrecendo máis aínda a calidade do servizo prestado pola Policía portuaria, a súa calidade de vida e das súas familias. Xurxo Pérez, da CIG Portos, explicou na concentración da mañá as reivindicacións deste colectivo como son “o abono das 12.000 horas extras traballadas en exceso, e súa cotización como tales á Seguridade Social; un cadrante de servizo que incorpore os días de traballo e descanso de todo o ano (cumprir o Estatuto dos Traballadores e o Convenio Colectivo do Porto de Vigo); negociar o incremento de persoal para cubrir as necesidades e mellorar o servizo que préstamos á Comunidade Portuaria. |
||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 02/02/2008 |
||||
|