ActualidadeVolver a Actualidade


Vigo, 7 de febreiro de 2008

Política sanitaria neoliberal
CIG-Saúde rexeita a proposta de Sanidade de habilitar aos MIR-4 para que traballen como médicos de familia

 

CIG-Comunicación-

cig.prensa@galizacig.com


  Centro de Saúde de Cerdido; clic para aumentar
A Comisión de Recursos Humanos do Ministerio de Sanidade propón autorizar aos Residentes de 4º ano de Medicina Familiar e Comunitaria para que, de xeito “excepcional”, desempeñen funcións asistenciais como médicos de familia nos Centros de Saúde. (Foto: Centro de Saúde de Cerdido. ©galizacig.com).
 
O déficit de facultativos en Atención Primaria está chegando, en moitas ocasións, a provocar serios problemas na capacidade asistencial do sistema sanitario público. Na orixe desta situación, ademais da falta de previsión na formación de pre e postgrado, está a política sanitaria neoliberal de desregulación laboral e restrición de gasto que durante demasiados anos se aplicou no sector.

Esta política provocou unha grande precariedade laboral, que forzou unha importante emigración de médicos de familia a outros países como Portugal ou Reino Unido, así como á existencia dunhas lamentables condicións laborais en moitos Centros de Saúde, e nomeadamente nos Puntos de Atención Continuada (PACs).

Diante desta problemática, a Comisión de Recursos Humanos (RRHH) do Ministerio de Sanidade propón autorizar aos Residentes de 4º ano de Medicina Familiar e Comunitaria para que, de xeito “excepcional”, desempeñen funcións asistenciais como médicos de familia nos Centros de Saúde.

Na opinión de CIG-Saúde, a vía de habilitar aos R4 para exercer como especialistas en Medicina Familiar e Comunitaria, antes de que rematen a súa formación, ten demasiados puntos débiles:

1. Atenta contra a coherencia e a necesaria progresión dos programas formativos. O 3º ano de residencia transcorre, practicamente na súa totalidade, en servizos hospitalarios, por tanto a integración da necesaria formación hospitalaria na práctica da Atención Primaria ten que se concretar de xeito progresivo e titorizado no Centro de Saúde no transcurso do 4º ano de residencia.

2. Pretende habilitar a quen aínda non reúne os requisitos legais para desempeñar un posto de traballo de especialista.

3. Mete aos residentes nun mundo de absoluta indefinición e desregulamentación desde un punto de vista puramente laboral.

4. Supón un antecedente para futuras promocións ou para outras especialidades. A superación do problema, se non se poñen en marcha outras medidas urxentes, pode tardar tempo co que esta situación de “excepcionalidade” pode repetirse ano tras ano.

Nesta situación, CIG-Saúde rexeita esa proposta e considera que “para afrontar unha situación que o propio Ministerio entende que é transitoria, sería mellor habilitar fondos especiais de choque (financiamento adicional e finalista da caixa estatal ás caixas dos servizos de saúde) que permitisen dúas vías de actuación máis acaídas: ampliar e estabilizar plantillas e negociar cos profesionais existentes solucións de excepción tamén transitorias”.

 
Volver a Actualidade

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 07/02/2008
cig.informatica


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta