|
Actualidade CIG-Comunicación-
Xesús María Pastoriza, secretario federal de CIG-Transporte vén de denunciar que a Asociación ANETRA, unha das tres asociacións galegas de empresas de transporte de viaxeiros, que opera fundamentalmente na provincia de A Coruña, e en concreto o Grupo de Empresas Vázquez, cuxo propietario é o presidente desta asociación, “están conducindo os autobuses escolares sen disco tacógrafo. Pero este non é o único caso”, engade, “case non poñen disco tacógrafo en ningún transporte que non sexa unha excursión”. A ausencia de discos tacógrafo implica, segundo explica Pastoriza, que “non se poden controlar as actividades do condutor e non se pode saber se quen conduce un transporte escolar pola mañá tivo que facer unha cea na noite anterior”. Para Pastoriza aínda é máis grave que desde a dirección do Grupo Vázquez se remitira aos condutores das súas empresas unha circular na que se lles explica que “nos servizos regulares (liñas) de recorridos inferiores a 50 quilómetros, servizos de transporte escolar e servizos de transporte de traballadores (fábricas) non hai que utilizar tacógrafo engadindo que, nos casos nos que o vehículo vaia provisto de tacógrafo analóxico (discos), a fin de que non se deteriore o mesmo deberán incluír un disco branco e ANULADO, en lugar do seu, que utilizaban até o de agora”. Alén de ser ilegal levar discos anulados, o secretario federal de CIG-Transporte considera que nesta circular faise unha interpretación “retorcida” do regulamento Europeo de Condución e Descansos, que entrou en vigor en abril do ano 2007. Este regulamento introduciu modificacións respecto do anterior pero non mudou a normativa en materia de uso de tacógrafos (Regulamento 3820/85), segundo a que nos traxectos de transporte regular de menos de 50 quilómetros non é necesario usar tacógrafo, incluíndo polo tanto aquí o transporte escolar. En todo caso, na normativa da Comisión de Transportes da UE si se estabelece o requirimento do chamado ‘certificado de actividades’. Un documento público asinado polo empresario que tería que levar o condutor, no que se indican as horas que este tivo que estar conducindo sen tacógrafo. “Isto suporía ter controlada permanentemente a xornada do condutor, ben sexa mediante disco tacógrafo, ben sexa mediante un certificado de actividade”, sinala Pastoriza. Diante desta situación, Pastoriza fai un chamamento ás autoridades públicas, coas que a CIG vai solicitar entrevistas, Dirección Xeral de Tráfico, Dirección Xeral de Transportes, as federacións de asociacións de ANPAS e Inspección de Traballo para que se adopten as medidas de control e vixilancia pertinentes dado que “xa excede do que é un problema laboral, que o é, e entra nun problema de seguridade”. Así lembra os exhaustivos controis de alcoholemia aos que foron sometidos os condutores de transporte escolar advertindo que “tan perigoso é ir bebido como ir sen durmir” e demanda que neses controis tamén se soliciten os datos dos tacógrafos ou o certificado de actividades, que deberían levar en ausencia dos primeiros. |
||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 05/02/2008 |
||||
|