|
Actualidade CIG-Comunicación-
CIG-Correos veu desenvolvendo nas últimas semanas unha campaña informativa e de sensibilización que culmina este xoves 14 de febreiro coa convocatoria dunha concentración diante do Parlamento de Galiza en demanda da derrogación, cando menos, do artigo 37 do RD 503/07, polas graves consecuencias que tería a súa aplicación para o reparto postal ordinario, dadas as características do hábitat rural galego e a dispersión da poboación. Neste artigo elimínase o reparto domiciliario ordinario nos chamados contornos especiais que son aqueles nos que hai vivendas illadas ou situadas en contornos cualificados como diseminados e que estean a máis de 250 metros da vía pública; contornos de grande desenvolvemento da construción e mínima densidade de poboación; contornos onde o número de habitantes censados sexa igual ou inferior a 25 por hectárea; contornos onde o número de vivendas ou locais sexa inferior a 10 por hectárea ou aqueles nos que o volume de envíos ordinarios non exceda dos 5 semanais de media por domicilio e cómputo anual... Para CIG-Correos, coa aplicación deste RD estaríase discriminando especialmente ao rural de Galiza, que sería o máis afectado polo cambio de modalidade de reparto, e non se podería garantir a protección de datos porque calquera podería acceder a envíos postais nos que figuran datos privados, ao substituír o reparto domiciliario por buzóns pluridomiciliarios. Para a CIG-Correos, tras destes cambios agocharíase realmente a inminente privatización do servizo postal. A liberalización do sector está prevista para o ano 2011 e, deste xeito, comezarían a reducirse os custos, en concreto na partida de persoal –sobrarían uns 400 carteiros rurais, segundo ten calculado a CIG– incrementaríanse os beneficios e converteríase a Correos nun bocado apetecíbel para ser absorbido por calquera multinacional. |
||||
Informacións relacionadas
|
||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 13/02/2008 |
||||
|