|
Actualidade CIG-Comunicación-
Este Decreto supón un grave deterioro do servizo público de Correos, sobre todo no que afecta á modificación do artigo 37, xa que posibilita a creación duns contornos especiais nos que o reparto dos envíos postais ordinarios pasa a facerse en buzóns publidomiciliarios, na vez de facerse, como até o de agora, no domicilio particular. “Contradí así a Directiva 67/97 da unión Europea, que vela pola calidade na recollida nos puntos de acceso e a distribución do correo no domicilio de cada persoa física ou xurídica”, explicaba Xosé Carlos Crespo, secretario nacional da Federación de Administración Pública da CIG, ao remate da concentración. Esta medida vai afectar a 445.000 galegos e galegas que viven en núcleos de poboación de menos de 10 vivendas e conlevará, ademais, a diminución dos postos de traballo no sector, que en Galiza será de 400 dos 1.200 carteiros existentes. Para evitar as consecuencias negativas que supón a aplicación deste Decreto, CIG-Correos exixe a supresión do artigo 37 que daría lugar á supresión do reparto domiciliario en todo o rural galego. Aproveitando esta concentración, unha representación do sector de Correos, entre os que estaba o responsábel nacional, Xosé Blanco, entregaron aos grupos parlamentares un escrito exixindo a supresión deste artigo, o incremento da dotación de persoal para que mellore a calidade do servizo e a petición de que este servizo público sexa transferido á Xunta de Galiza. Con esta concentración culmina a campaña informativa e de sensibilización pública desenvolvida nos últimos meses por CIG-Correos, que incluíu o envío de cartas a todos os grupos municipais dos concellos de Galiza e contactos cos grupos parlamentarios, que se traduciu na presentación de diversas preguntas e mocións, tanto no Parlamento de Galiza como no Congreso dos Deputados. Así, o BNG presentou varias preguntas parlamentares nas que se salienta “que este servizo de ámbito estatal non se adapta á realidade e ás necesidades prácticas da nosa nación” demandando ao tempo que se “adopten as medidas precisas que conduzan á transferencia á Galiza dos servizos de correos e telégrafos”. Ademais, o Parlamento de Galiza acordou, por unanimidade, instar á Xunta de Galiza para que se dirixise á Sociedade Estatal de Correos e Telégrafos para solicitar: a) Que as actuais oficinas “auxiliares” de Correos (oficinas do grupo 8) situadas en concellos galegos de núcleos de máis de 3.000 habitantes sexan transformadas en oficinas “técnicas” (grupo 7) e, xa que logo, cumpran horario de xornada completa de mañá; a nova cualificación deberá vir acompañada do correspondente incremento do persoal. b) Que tanto a carga de traballo coma os percorridos que deban ser feitos polos carteiros rurais resulten máis racionais e asumíbeis en todas as zonas de Galiza. c) Que se resolva a problemática dos carteiros rurais a través do proceso de negociación colectiva e especialmente no tocante ao compromiso de revisar anualmente o custo de combustible e conseguintemente a compensación que aos carteiros se lles outorga por cada quilómetro percorrido. |
||||||
Informacións relacionadas
|
||||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 15/02/2008 |
||||||
|