|
Actualidade CIG-Comunicación-
A rede “Galiza non se vende” convocaba o 17 de febreiro unha manifestación para denunciar “o terremoto de especulación e depredación da terra e do mar que está destruíndo a nosa natureza, a nosa paisaxe e a nosa forma de vida. Está destruíndo, polo tanto, a propia identidade de Galiza, a nosa calidade de vida, a das xeracións vindeiras e mesmo ó planeta”. A resposta a este chamamento foi todo un éxito, xa que colectivos de veciños e veciñas afectadas polas numerosas desfeitas medioambientais que invaden Galiza, colectivos ecoloxistas, centros sociais e moitas outras asociacións trouxeron as súas mensaxes, as súas demandas locais e denuncias a esta mobilización, cargada de música e da cor de quen combate e non renuncia a construír un país distinto, no que se respecte o territorio e no que se escoite a voz de quen o habita.
A mobilización que partía da Alameda realizou o típico percorrido das manifestacións en Compostela, e remataba así pasadas as dúas da tarde na Praza da Quintana. Na praza deuse lectura ao manifesto que convocaba esta marcha, e que foi lido por representantes de diversos colectivos locais de defensa do territorio. Neste texto final fíxose referencia ao proceso especulativo de urbanización e privatización que sofre o litoral “que destrúe a paisaxe e dana irreversiblemente os nosos recursos pesqueiros e marisqueiros”. Outros dos temas que se abordaron neste manifesto final foi “o proceso de degradación e de sobre explotación hidroeléctrica dos ríos que está matando a súa biodiversidade”. Tamén houbo espazo para denunciar o abandono do rural, a agresión á Serra do Courel, o Plano Acuícola da Xunta, a eucaliptización dos nosos montes, o proxecto do Parque de Residuos do Ribeiro, así como a instalación e perpetuación de industrias contaminantes no noso país, entre moitas outras. O berro de “Goberne quen goberne, Galiza non se vende” foi un grito unánime na Quintana, onde se fechou este acto co canto do himno galego. |
||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 18/02/2008 |
||||
|