Actualidade / ArtigoVolver


Vigo, 14 de febreiro de 2008 (Publicado en La Región o 13/02/2008)

Coa paixón da mocidade
 

Manuel Mera-

fs@galizacig.net


  Cartaz do 1º Congreso de ERGA; clic para aumentar
O 15 de xaneiro de 1978, vai agora tres décadas, realizouse o 1º Congreso de Estudantes Revolucionarios Galegos (ERGA), organización do eido do nacionalismo que se fundara cinco anos antes, a finais de 1972, durante os últimos anos da ditadura franquista e coincidindo no tempo co asasinato en Compostela do estudante Chema Fuentes.
 
Un compañeiro ourensán lembroume que o 15 de xaneiro de 1978, vai agora tres décadas, realizouse o 1º Congreso de Estudantes Revolucionarios Galegos (ERGA), organización do eido do nacionalismo que se fundara cinco anos antes, a finais de 1972, durante os últimos anos da ditadura franquista e coincidindo no tempo co asasinato en Compostela do estudante Chema Fuentes. A este Congreso asistiron un milleiro de mozos e mozas de todo o país, segundo os xornais, o que reflicte tanto o importante grao de presenza desta organización así como unha xuventude motivada e inqueda. ERGA, que foi definida por moitos como o “lume que prendeu”, sería un viveiro de cadros pra o nacionalismo e que lle aportou atrevemento, paixón, dinamismo e militantes entregados.

A consigna do Congreso, que fora precedido por dúas asembleias nacionais en anos anteriores, foi “por un ensino nacional, científico e popular” e sería moi repetida na seguinte década. Nos principios definíase como unha organización reivindicativa, nacionalista e anticolonial, de todos os estudantes, independente, e democrática. A Direción Nacional quedou composta por 21 membros. No evento foi elixido como primeiro secretario de ERGA o moañés Xulio Riós Paredes, que anos despois faría parte da Executiva do sindicato INTG, e na actualidade é un agudo analista da situación internacional, especializado en temas de China e Europa do Leste.

Lembremos algúns dos antecedentes máis inmediatos ao evento. A Segunda Asembleia de ERGA realizouse o 24 de outubro de 1976 e definíase como preparatoria do 1º Congreso. En marzo do ano seguinte, xa desvencellada da ANPG, apresentaba os seus Estatutos pra súa legalización no Governo Civil de Ourense como “organización sindical do estudantado”, ao abeiro do RD 19/1977 que permitía a libre asociación sindical. Na solicitude figuraba como presidente Xosé Miranda Ruíz, hoxe un recoñecido escritor, e como secretario de Organización Xulio Ríos Paredes. Aínda en 1984, canda a celebración do 3º Congreso, facíase mención a que se realizaba na ilegalidade. ERGA puña unha grande énfase na situación colonial de Galiza e na defensa da lingua galega, porén ademais nos problemas académicos do estudantado, editaba boletíns con distintos nomes, ademais do Lume, que era o voceiro nacional; por exemplo: Semente en Vigo-Pontevedra e Endeita en Compostela.

  Supresión das 4 convocatorias, non á selectividade!; clic para aumentar
ERGA consolidouse como a referencia máis importante no eido do estudantado.
 
Neste período destacaron os paros e mobilizacións contra o aumento das taxas académicas. Por exemplo, a manifestación do 9 de setembro de 1977 en Compostela na que participaron 2.000 estudantes convocados por ERGA, salientando os xornais que só contou co apoio do BNPG. Esta protesta do estudantado coincidía no tempo cun conflito interno, no que a prensa falaba de 50 militantes expulsados en todo o país. Engadían os xornais que o movemento xurdiu en Compostela por mor dun documento dos chamados Comités de Antiselectividade, nacidos á marxe de ERGA, e no que participaron algúns militantes da organización, ignorando as normas estatutarias.

Estes conflitos, aínda sendo intensos en debate, non atinxiron a maior parte da militancia e afiliación, e sobre todo non incidiron no seu estado de ánimo, polo que a organización consolidouse como a referencia máis importante no eido do estudantado. En 1988 facíase a VI e última asemblea de ERGA co lema de “O estudantado por unha Galiza liberada. Unidade, organización e loita”. Alí acordábase disolvela e dar paso a “Galiza Nova”, din algúns, outros ven nos CAF esa herdanza; o certo é que ERGA respostou a unha etapa... chea de paixón e atrevemento, sempre fundamental pra mudar as cousas. Hoxe son moreas aqueles que con corenta ou cincuenta anos ás costas falan dos seus tempos en ERGA, tecéndose na lembranza os anos mozos, o traballo feito, e as arelas pendentes.

 
 
  Manuel Mera,
secretario confederal de Formación Sindical e
Comunicación da CIG.
(Máis artigos...)
  Manuel Mera
 
Volver

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 14/02/2008
cig.informatica


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta