|
Actualidade / Artigo Unha vida entregada á causa nacionalista Manuel Mera-
O xoves pasado, 21 de febreiro, falecía o patriota galego, Lois Obelleiro Piñón, aos 55 anos de idade despois dunha longa enfermidade. Destacou de mozo no deporte, xogaba ao fútbol, e sempre foi unha persoa animosa, co sorriso nos beizos, algo que non era moi común daquela (e aínda hoxe) na xente que militaba en política, sexa a nivel partidario ou nunha organización social. Sempre estaba aberto ao dialogo, desde unha firmeza nacionalista inquebrantábel. Sempre pensei que debeu ocupar cargos de máis responsabilidade política, máis cedo e máis tempo, porén as veces estas cousas son como a vida as vai marcando. Obelleiro participou nos primeiros pasos do SOG e da ING, especialmente en Soutomaior e nos concellos veciños, e tocoulle vivir o trago amargo da loita do “can e a vara”, que no ano 1977 dividiu a mariscadores de a pé e aos que rastrexaban desde barcos con motor, dando lugar a graves conflitos, especialmente na ría de Vigo. A ING procurou una síntese de intereses que non era real máis que no papel, e esto tivo un custe sindical naquel intre. Obelleiro acatando a disciplina non deixou de comentar as eivas e atrancos da proposta, como tamén o fixemos outros, aínda que non valeu de moito diante dos razoamentos técnicos que se esgrimían como definitivos. Lembro como en 1977 apresentoume aos irmáns Parra e Manola (tamén a Alberte?), que traballaban en Pontesa. Axiña gañouse unha gran afiliación na empresa, e noutras da comarca(na Ferrería, na construción, etc.), e abrimos un local en Arcade, que funcionou durante uns anos. Ademais non esquezo, naqueles primeiros anos despois do remate da ditadura, o incidente co alcalde de Ponte Caldelas que nos agrediu nun bar da vila, xunto con algúns esbirros, despois de que visitaramos a súa empresa en Caritel pra lles falar aos traballadores da ING. Coido, xa que o tempo borra detalles da memoria, que tanto el como Sobral (de Pontesa), os dous mozos fortes, devolveron golpe a golpe. Tamén deste xeito houbo que enfrontar o que latexaba aínda da etapa franquista. Noutro ámbito de traballo, mais partidario, foi el o encargado da organización do primeiro Congreso da UPG en Arcade. A Garda Civil impediu a súa realización, polo que se rematou clandestinamente no que fora unha granxa de polos en Budiño (O Porriño). A finais de 1978 decidimos unir as comarcas e organizar a central sindical en provincias, atendendo á estructura dos convenios e dos organismos públicos. A direción provincial de Pontevedra, elixida o tres de novembro, estaba composta do seguinte xeito: secretario de zona, Manuel Mera; implantación zona norte, Lois Obelleiro; implantación zona sul, Xesús Chaves; finanzas, Anxo Goberna; convenios, Agustin Malvido; prensa e propaganda, Rosa de la Parra; Vigo, Xavier Alonso; Porriño, Carlos Alonso; Salnés, María Xosé Fariña; Pontevedra, Victoria Fernández; Morrazo, Xosé M. Blanco; Metal, Isidro López e Miguel Vázquez; téxtil, Uxío Chapela; Químicas, Anxo Soto; Construción, Carlos Recondo e Estanislao Sotelo; SGTM, Xosé Henrique Fernández; Comercio, Olaia Fernández Davila. Como se pode ver ademais de Obelleiro había na direción da central na provincia varias compañeiras e compañeiros. Despois terían un papel sobranceiro no eido político partidario, que outros compañeiros poden valorar millor, desde o coñecemento que dá o seguimento cotiá. Vou contar outra anécdota, que reflicte un chisco da personalidade de Obelleiro. Fun falar con el por un tema sindical, fai desto dúas décadas, en pleno proceso de eleicions políticas. Atopámonos e díxome que podiamos conversar mentres facía reparto de propaganda polos arredores. Lembro como petaba en todas as casas, unha a unha, falaba con cada veciño, á marxe das súas simpatías políticas, con naturalidade e argumentaba o porque debían votar nacionalismo. Posuía unha formación extensa, dáballe especial significación á historia na formación da conciencia colectiva. Ese afondar nas cousas alargábase tamén política, era dos que ofrecía argumentos, dos que lle daba voltas aos temas. Lois Obelleiro tiña engado persoal, era teimoso, atrevido, preocupáballe a formación, porén nunca á marxe da practica, e non se deixaba vencer polas dificultades nun tempo en que os resultados non sempre eran bos. Era un estudoso, escribía, mais nunca fixo ostentación de esta cualidade nen dos cargos que ocupou. Un mérito non menor, sobre todo neste tempo histórico. Foi dos que traballaron moito pola construción do sindicalismo nacionalista, dos que fixeron posíbel que hoxe a CIG sexa unha forza consolidada, combativa, non pactista, que fai da xustiza social e a soberanía nacional base da súa existencia. Hai compañeiros e compañeiras que nunca morren, viven en todos nós, son semente e futuro. |
||||
|
||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 23/02/2008 |
||||
|