Actualidade / ArtigoVolver


Vigo, 1 de febreiro de 2008 (Publicado en La Región o 30/01/2008)

Unha crise de modelo
 

Manuel Mera-

fs@galizacig.net


  Edificio da Bolsa de Madrid; clic para aumentar
Cumpre rematar con iso tan vulgar e ofensivo de que a Bolsa vota todos os días e nós cada catro anos. Os governos, no noso caso a Xunta, teñen que ter capacidade pra poder evitar situacións como esta producidas pola avaricia, por non pensar en clave de país e non ter en conta o futuro.
 
A queda da Bolsa e a súa posterior recuperación parcial poden facer pensar a moitos que a crise non é tan grave como algúns a pintan, unha conclusión que ademais sempre está sustentada na actitude (normal) das persoas a non aceptar a incomodidade que sempre representa calquer mudanza radical nas costumes. Esta postura é alentada polos governos que saben que a confianza mexe montañas, tanto en positivo como en negativo, dado que hoxe están máis pendentes da conxuntura que facer dun xeito sólido. Porén non se trata só da Bolsa, que seguramente seguirá unha tendencia descendente -de dente de serra- na rendibilidade, senón que son moitos os síntomas de que o ciclo está esgotado, especialmente na construción inmobiliaria que foi a locomotora económica nos últimos anos.

Neste contexto o alarmismo pode agravar a situación económica, con consecuencias pra o emprego, mais facer como se todo sigue igual pode precipitar todo nunha crise de moi difícil recuperación, aínda aplicando medidas estremas. Trátase sempre da adoptar unha actitude constructiva e ao mesmo tempo realista e que, sobre todo, faga difícil que no futuro se repitan situacións semellantes. Daquela non se debe desprezar a crise enerxética, os graves problemas medioambientais, o aumento da precariedade laboral, o déficit na balanza comercial externa, o sobre valor do euro, a carestía da vida, o endebedamento familiar, o aumento dos tipos de interese, e outros síntomas negativos. Isto contrasta nos últimos anos co importante medre do PIB, a gañancia das Bolsas, e a concentración e centralización da riqueza, porén amosa as limitacións e eivas que na economía real ten o modelo.

Aínda que houbera unha recuperación das Bolsas o certo é que caeu a venda de inmobeis e ademais algunhas empresas do sector que xogaron ao límite (especulando cun rápido enriquecemento) crebaron ou están a piques de facelo. A banca tampouco o está pasando ben, xa que prestou sen moitas esixencias, confiando na bonanza e no ciclo expansivo, como se o sistema estivera consagrado a medrar baixo calquer contexto, reflectindo un criterio máis relixioso que científico. Con seguridade nos vindeiros meses haberá peches, dislocacións, e perda de emprego en todos os sectores económicos, xerando un marco laboral agravado pola enxurrada inmigratoria dos últimos anos (cun 12% de desemprego na actualidade e miles de mozos e mozas que emigran). Trátase de problemas que atinxen á vida das persoas, polo que se deben resolver sempre desde a solidariedade.

O acontecido e o que pode vir reflicte que a economía nunca debe depender da autoregulación do mercado, cumpre ordenala desde o ámbito político, non poden decidir as nosas vidas varias grandes fortunas e executivos influentes! Non hai democracia se non se recupera pra o poder político a regulación do económico, que en definitiva condiciona o social, cultural, ecolóxico, etc. Cumpre rematar con iso tan vulgar e ofensivo de que a Bolsa vota todos os días e nós cada catro anos. Os governos, no noso caso a Xunta, teñen que ter capacidade pra poder evitar situacións como esta producidas pola avaricia, por non pensar en clave de país e non ter en conta o futuro.

Tampouco se pode admitir que outra vez sexan os asalariados, autónomos non profesionais e pequenos empresarios os que paguen os pratos rotos. Unha baixada de impostos sería negativa porque pra recuperar a economía son necesarias obras públicas e polo tanto investimento, e neste marco hai que manter e mesmo millorar os servizos sociais. Baixar impostos sempre é sinónimo de menores prestacións, afectando as familias con baixos ingresos, e aumentarían os impostos indirectos, que gravan os produtos e bens de primeira necesidade. Todo en beneficio exclusivo outra vez dos máis ricos. Sería inaceptábel.

 
 
  Manuel Mera,
secretario confederal de Formación Sindical e
Comunicación da CIG.
(Máis artigos...)
  Manuel Mera
 
Volver

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 01/02/2008
cig.informatica


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta