|
Actualidade / Artigo Uruguai e Allariz unidos por un nome Manuel Mera-
Os Charrúas eran a tribo que habitaba a banda oriental do baixo río Uruguai, a actual República Oriental do Uruguai e un anaco do estado brasileiro de Río Grande do Sul, con limite no río Ibicui. O Uruguai é un importante río que canda o Párana forma o Río da Prata. Mesmo considerando berce esta zona dos Charrúas a súa presenza atinxiu a cidades tan afastadas como Santa Fe xa que no ano 1750 os veciños enfrontáronse aos indíxenas desta tribo no territorio de Entre Ríos. Salvador Canals Frau no seu libro “Las poblaciones indigenas de la Argentina” dinos que está nacionalidade estaba composta por cinco entidades étnicas: os Charrúas propiamente ditos; os Güenoas; os Minuanes; os Bohanes; e os Yaros. Aínda que despois as rebaixa a tres. Engade o autor “Debemos considerar aos Charrúas e aos seus antepasados como unha ponla da gran entidade racial e cultural patagónica, que ao traveso da Pampa e do Chaco alargouse ate o Mato Groso”. A chegada dos invasores ibéricos foi negativa pra este povo indíxena, como pra todos os demais da América Latina, porén co agravante que polo seu grao de desenvolvemento, número e organización, comezaron un recuar demográfico que levou a súa desaparición nos anos posteriores á independencia; concretamente no período das guerras civís entre unitarios e federais que abrangueron a toda a área (as chamadas guerras gauchas). Se cadra descoñézase, dado que emigración galega a Arxentina, Brasil, Cuba ou Venezuela foi moito máis numerosa, que posibelmente sexa neste pequeno país (en termos americanos, xa que é 6 veces máis grande que Galiza) onde existe unha maior porcentaxe de povoación descendente de galegos, sobre todo en Montevideo, porén tamén nalgúns outros departamentos (provincias). Daquela que non sexa estrano que existan elementos (algúns cruceiros en Montevideo, estudados por Zubillaga Barrera), palabras no vocabulario e actitudes no xeito de ser dos uruguaios que recorda moito á Nosa Terra. Daquela que, os descendentes que retornan agora como inmigrantes, se integran máis doadamente que outros latinoamericanos. Convén lembrar asemade que cando Colonia, cidade portuguesa de 2.000 habitantes, foi destruída e pasou a maus da Monarquía española definitivamente (1777) os primeiros colonizadores foron familias galegas e canarias. Ademais un dos principais escritores uruguaios foi “El Viejo Pancho” (José Alonso Trelles) que naceu en Ribadeo. Ou, como un último dado aínda que habería moitos máis, que o Consello de Galiza, organismo político representante da soberanía nacional, constituíuse o día 15 de novembro de 1944 en Montevideo, integrado por catro deputados galeguistas no exilio, Castelao, Suárez Pícallo, Alonso Ríos e Elpidio Villaverde. En resumo, moito e bo nos une a este país que hai algunhas décadas era coñecido como a “Suíza de América”. Desde agora véncellenos tamén un nome que arroupou unha identidade senlleira e unha traxedia non esquecida: Charrúas. |
|||||||
|
|||||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 07/02/2008 |
|||||||
|