|
Actualidade
Santiago, 29 de febreiro de 2008
Agardaban a súa entrada no Hotel de
San Francisco, onde se celebrou o debate da TVG
Traballadores de Serrabal demandan dos representantes de PP, PSOE e BNG solucións
| |
 |
 |
| Malia as fortes medidas de seguridade, os traballadores
conseguiron achegarse á barreira de seguridade coas súas pancartas e lembrarlles que “Serrabal está
en loita”. Porén, a televisión pública galega tivo ben coidado de que non se notara a súa
presenza. (Fotos: ©galizacig.com 27/02/2008). |
| |
Os traballadores de Serrabal, acompañados
por representantes sindicais aproveitaban, na noite do 27 de febreiro, a celebración do debate electoral
da TVG para facerlles chegar aos representantes das tres principias organizacións políticas de Galiza,
PP, PSOE e BNG, as súas demandas de cambio de trazado do Tren de Alta Velocidade ao seu paso pola mina.
Malia as fortes medidas de seguridade, os traballadores
conseguiron achegarse á barreira de seguridade coas súas pancartas e lembrarlles que “Serrabal está
en loita”. Porén, a televisión pública galega tivo ben coidado de que non se notara a súa
presenza. Así, na última parte do informativo, cando se emitiron as imaxes en directo da entrada
ao Hotel San Francisco de Alberte Núñez Feijoo, Emilio Pérez Touriño e Anxo Quintana,
se podía escoitar de fondo o son do bombo que levaban e as consignas proclamadas. Porén, cando comezou
o espazo do debate e se emitiron novamente esas imaxes, xa estaban editadas, e na vez das voces dos de Serrabal,
escoitábase unicamente unha suave música de fondo.
Os traballadores de Serrabal, alén de manifestar
a súa oposición ao actual trazado do TAV, tamén querían lembrar que seguen acampados
diante do edificio da Xunta de Galiza, en San Caetano, agardando a que o presidente da Xunta dea cumprimento a
súa palabra e apoie unha solución que garanta a viabilidade da explotación mineira e máis
dos postos de traballo.
Constantes adhesións
Os traballadores de Serrabal reciben diariamente
a visita de numerosos Comités de Empresa e de representantes de diversos sectores laborais. De feito, nese
mesmo día -27 de febreiro- pasaron por San Caetano o Comité de Empresa de Zara Loxística e
o do Grupo Eroski, para deixar constancia, por escrito, do seu “apoio e solidariedade para cos traballadores de
Ramsa e Ferroatlántica”, engadindo que “consideramos de vital importancia para a economía do noso
país que no queden baixo as vías do TAV uns recursos mineiros de grande importancia para o desenvolvemento,
non xa das fábricas actuais, senón do que, de seguro, será un importante sector industrial,
como é o relacionado coa enerxía solar”.
Nos seus comunicados, estes comités de
empresa demandan ademais “tanto do goberno central, como do galego, un inmediato cambio de trazado ao seu paso
pola Mina de Serrabal”.
|