|
Actualidade / Opinión Rafa Villar-
A morte de Marie Smith Jones e da lingua ‘eyak’, lingua que, así e todo, permanece nas vitrinas dunha universidade na propia Alasca, revela un fenómeno se cadra non demasiado coñecido ou sobre o que non se reflexiona demasiado: a perda de linguas que se está a producir a escala planetaria. O babel lingüístico que coñeceu a humanidade e que entrañaba as diversas e complementarias visións do mundo parece que inexorabelmente vai minguando, en favor dunha maior uniformización a nivel lingüístico. Aínda así, os estudosos falan da existencia, nestes comezos de século XXI, dunhas 6.000 linguas vivas, malia que se calcula que a metade destas xa non existirán no remate do século. O actual modelo globalizador e neoliberal favorece, sen lugar a dúbidas, este xenocidio lingüístico tan empobrecedor para a humanidade. O galego está lonxe, polo seu coñecemento e uso na comunidade lingüística en que se desenvolve, de ser un idioma condenado á extinción, o que non quita que sexa unha lingua que soporta un risco importante no que respecta á súa vitalidade. De feito, a UNESCO no seu ‘Atlas de linguas en perigo de desaparición’ sinala que o galego é unha das linguas de Europa ameazada, por mor da súa perda de falantes habituais. E é que a nosa lingua, que nas últimas décadas vén observando avanzos de tipo cualitativo en canto á súa extensión e usos, si vén rexistrando un descenso cuantitativo, en paralelo a procesos como a paulatina despoboación do rural galego.
Perservar en políticas lingüísticas erráticas e dubitativas vai contribuír, sen dúbida, a debilitar a vitalidade da nosa lingua e a coutar a recuperación dos seus usos sociais, como lingua normal da sociedade galega do século XXI. É importante que haxa unha reflexión fonda sobre esta cuestión nos sectores e nas organizacións que sabemos que o noso futuro como pobo e como nación ten que se escribir na lingua de noso, na que nos foi dada polos nosos devanceiros e que deberemos deixar en herdo ás vindeiras xeracións. Así, ningunha Marie Smith Jones terá que habitar entre nós, cargando coa soidade de ser a derradeira en falar a súa lingua nosa. Por certo, o seu nome en lingua ‘eyak’ era Udach' Kuqax*a'a'ch, que quere dicir algo así como “Un son que chama a xente de lonxe”.
|
||||
|
||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 01/02/2008 |
||||
|