Actualidade / Opinión Volver


Santiago, 15 de febreiro de 2008

DESDE O VENTRE DA BALEA
Pasos da dereita neofascista

 

Rafa Villar-

CIG-Normalización Lingüística


O incidente habido con esta líder política do PP en Euscadi -que se sobredimensionou perversamente- estalle a servir á dereita, sobre todo desde os seus outeiros mediáticos, para reintroducir no debate político-electoral un inexplicábel vitimismo, o que lle dá certos réditos en sectores determinados da sociedade do Estado español.



  María San Gil e Mariano Rajoy; clic para aumentar
Dese Partido Popular María San Gil é dirixente destacada, e persoa posuidora dun discurso profundamente reaccionario, non só en materia social, e negador da actual diversidade nacional, cultural e lingüística do Estado español. A súa posición política, furibundamente contraria ao proceso negociador aberto no seu momento entre o Goberno español e a esquerda abertzale, contribuíu á desestabilización que o PP alentou en todo o momento do devandito proceso.
 
Mentres as diferentes forzas políticas van ceibando as súas propostas electorais de cara ás vindeiras eleccións as Cortes Xerais españolas, un incidente menor, acontecido nunha Universidade galega, a USC, asume protagonismo nos ‘media’ españois. O incidente referido é a protesta dun grupo de mozos ante a visita, o pasado día 12 de decembro, da dirixente vasca do Partido Popular, María San Gil, á Facultade de Económicas para pronunciar unha conferencia.

Máis alá das formas en que se deu a protesta, e sobre a que corren distintas versións segundo quen fala do asunto, o que debe de estar fóra de discusión é que se trataba dunha protesta lexítima, porque se lexítimo é darlle cancha na Universidade a unha dirixente política que representa valores da dereita máis extrema, tamén será lexítimo poñer de manifesta publicamente o repudio dunha parte da sociedade galega a eses valores, que en si mesmos son unha volta á etapa predemocrática.

Como interpretar, senón, os furibundos ataques da dereita española e españolista ás medidas de impulso e promoción das linguas galega, vasca e catalá? Como entender as proclamas nacional-catolicistas desa mesma dereita, Conferencia Episcopal mediante, que atenta de raíz á laicidade do Estado? Como se manter imperturbábel perante a ofensiva da dereita fronte ao actual autogoberno en Galiza, Euscadi ou Catalunya? Como aturar as propostas xenófobas que fai a dereita a respecto da cuestión da inmigración do Estado español? Ou que dicir da descarada manipulación de organizacións como a Asociación de Vítimas do Terrorismo (AVT) para axitar os baixos instintos dos sectores máis reaccionarios da sociedade española?

  Manifestación pola españolidade de Navarra; clic para aumentar
Se lexítimo é darlle cancha na Universidade a unha dirixente política que representa valores da dereita máis extrema, tamén será lexítimo poñer de manifesta publicamente o repudio dunha parte da sociedade galega a eses valores, que en si mesmos son unha volta á etapa predemocrática.
 
Así, non se pode esquecer que o PP se mantén nunha deriva neofascista que comezou o día en que o daquela presidente do PP, José María Aznar, lograba unha maioría absoluta, no ano 2000, que o convertía en presidente do Goberno español xa sen o lastre de depender de xogos parlamentarios para sacar adiante as súas propostas. A devandita deriva tivo un punto de inflexión no acontecido entre os días 11 e 13 de marzo de 2004, cando os atentados ‘yihadistas’ en Madrid e a posterior elaboración da coñecida como a “teoría da conspiración”, que entre outras cousas buscaba proclamar a ilexitimidade do proceso electoral que lle arrebatara a maioría absoluta ao PP nas Cortes Xerais españolas.

Dese Partido Popular María San Gil é dirixente destacada, e persoa posuidora dun discurso profundamente reaccionario, non só en materia social, e negador da actual diversidade nacional, cultural e lingüística do Estado español. A súa posición política, furibundamente contraria ao proceso negociador aberto no seu momento entre o Goberno español e a esquerda abertzale, contribuíu á desestabilización que o PP alentou en todo o momento do devandito proceso, preparando o terreo para a exclusión política e institucional a todos os niveis da esquerda abertzale, a cal parecía determinada a percorrer, como camiño sen volta, o da súa aposta exclusiva pola vía política para a defensa do seu lexítimo ideario independentista.

O incidente habido con esta líder política do PP en Euscadi -que se sobredimensionou perversamente- estalle a servir á dereita, sobre todo desde os seus outeiros mediáticos, para reintroducir no debate político-electoral un inexplicábel vitimismo, o que lle dá certos réditos en sectores determinados da sociedade do Estado español. Mesmo en Galiza a dirección do PP quixo aproveitar a ocasión para levar o tema ao Parlamento e impulsar unha declaración conxunta coas outras dúas forzas presentes na Cámara, BNG e PSOE, na que ademais se condenase non só este feito, senón a contramanifestación promovida na Coruña por colectivos en prol do galego fronte a unha concentración dunha organización dereitista contraria á normalización da nosa lingua.

En todo isto, o que xa non parece de recibo é a resposta que se está a dar desde algúns estamentos galegos a este feito, e nomeadamente desde o decanato da facultade de Económicas da USC, instando a unha ‘caza de bruxas’, realmente inxustificábel, contra os estudantes que participaron da protesta.

E mentres desde os medios de comunicación, tanto propios como alleos, se segue estes días a magnificar este incidente que tivo como protagonista a María San Gil, a dereita que representa o PP segue desenvolvendo a súa particular campaña electoral, baseada no medo e trufada de propostas reaccionarias e mesmo anti-democráticas, agora ademais facendo do vitimismo unha baza máis para esta súa campaña.


Santiago de Compostela, 15 de febreiro de 2008.

 
 
  Rafa Villar,
escritor e responsábel do Departamento de Normalización Lingüística da CIG.
(Máis artigos...)
  Rafa Villar
 
Volver

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 15/02/2008
cig.informatica


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta