Actualidade / EntrevistaVolver a Actualidade


Vigo, 7 de febreiro de 2008

Susana Nogueira, delegada da CIG en Povisa
“A empresa tentou co acoso laboral que eu deixara o Comité”

 

Zélia García-

zelia@galizacig.net


  Susana Nogueira; clic para aumentar
Susana Nogueira: “Eu trataba todos os días aos pacientes en radioterapia e a partir do día 5 de novembro tiña que estar nun cuarto eu soa pechada, sen facer nada, nun cuarto a escuras, e tiña prohibido saír de alí e nin os compañeiros podían vir. Aguantei cinco días, e foron os peores cinco días da miña vida, onde se xuntaba unha sensación de impotencia, de rabia, coa sensación de que estaba a ser castigada polo que eu pensaba”. (Fotos: ©galizacig.com).
 
Susana Nogueira enfrontábase no pasado mes de xaneiro a un xuízo no que demandou a Povisa por acoso laboral. Coñeciamos o contido da sentenza a finais do pasado mes, na que o Xulgado do Social condenaba a Povisa a que repuxera a Susana Nogueira nas súas anteriores condicións de traballo.

Susana Nogueira, técnica de radioterapia, con 30 anos de idade e oito anos de traballo en Povisa, nesta entrevista relata como sufriu primeiro o acoso verbal dos seus superiores, até como despois foi relegada e “castigada” no seu posto de traballo. O proceso xudicial, que supón toda unha vitoria sindical, e unha lectura en positivo destes meses son outros dos temas que se abordan nesta conversa.


Zélia García: Cando comezas a vivir esta situación de acoso laboral?

Susana Nogueira: Comezou cando entrei no Comité hai cinco anos, e comezou a que era a miña supervisora a dicirme que que facía neste organismo, logo o meu xefe dicía que pola miña culpa non funcionaba o servizo, que tiña que terlle pedido permiso a el para formar parte do Comité... Sempre foron palabras malsoantes e desprezativas, pero só eran palabras.
Sempre tiña problemas cada vez que collía horas sindicais e tiña que aturar de novo iso de que o servizo non funcionaba pola miña culpa, que era unha mala compañeira, etcétera. Era esgotador porque ademais a min me contrataran polo meu traballo, e tiña que darlles igual que eu fora da CIG, e tiña unha sensación de rabia porque eu no traballo cumpro, e os meus xefes dicían que si, que cumpría, pero que non entendían que fora da CIG, e que non lle pedira permiso ao xefe para a miña escolla sindical. Eu sempre dixen que non lle tiña que pedir permiso para nada.

Zélia García: E cando se comezan a dar os cambios nas túas funcións no posto de traballo que tu desenvolvías?

Susana Nogueira: É que o problema foi o día que me dixeron que tiña que cambiar de funcións dentro do servizo, e que dalgún xeito “me castigaban”. O día 31 de outubro de 2007 chamoume a directora de enfermería e díxome que por orde do meu xefe, como collía horas sindicais, que me cambiaba de posto de traballo porque lle criaba un impacto emocional aos pacientes.

  Susana Nogueira; clic para aumentar
Susana Nogueira: “Eu citara aos meus compañeiros, e aos meus compañeiros déronlles a citación o venres, cando o xuízo era o luns, e ameazáronos, e dixéronlles que se ían declarar que se ativeran ás consecuencias. Despois lles dixeron que a xuíza chamara a Povisa para dicir que non eran necesarias como testemuñas, e non lle querían dar as citacións, e foi todo un proceso con moitas trabas e horríbel”.
 
“Castigada no posto de traballo”

Zélia García: En que consistía o teu traballo e en que mudou?

Susana Nogueira: Eu trataba todos os días aos pacientes en radioterapia e a partir do día 5 de novembro tiña que estar nun cuarto eu soa pechada, sen facer nada, nun cuarto a escuras, e tiña prohibido saír de alí e nin os compañeiros podían vir. Aguantei cinco días, e foron os peores cinco días da miña vida, onde se xuntaba unha sensación de impotencia, de rabia, coa sensación de que estaba a ser castigada polo que eu pensaba e non polo meu traballo.

Eran oito horas ao día nas que eu non podía facer nada. Eu entraba ás tres da tarde, de tres a catro dabámonos información sobre os pacientes e de catro a sete ou oito da tarde atendía aos pacientes e dáballes radioterapia, e as oito a miña compañeira e eu íamos ao taller, facer bloques, que son unhas proteccións que hai para que cando radies ao paciente, pois só radies o que tes que radiar, e con eses bloques protéxense as zonas sas. Este último traballo é residual, e só o faciamos para completar a xornada. E cando a min se me cambia, pásanme para permanecer as oito horas para o taller, e métese unha compañeira no meu posto.

Zélia García: Que razóns deu a dirección para este cambio?

Susana Nogueira: O argumento para cambiarme de posto é que collía horas sindicais. No taller como moito tiña unha hora de traballo ao día, porque é un traballo residual que depende de que un paciente se faga os bloques, e se non comeza, pois non hai. O traballo non era para cumprir unha xornada completa, e de feito, levo oito anos traballando en Povisa e nunca houbo persoa nese posto.

De feito, despois deses cinco días collín unha baixa, coa que continúo, e non buscaron a unha persoa para que me substituíra no taller, co que estaban a demostrar que o posto de traballo non existía.


  Non á represión sindidal en Povisa; clic para aumentar
Susana Nogueira: “Está claro que a empresa o que buscaba é que eu deixara o Comité, pero eu sempre dixen que o día que deixe o Comité será porque deixo de traballar en Povisa ou porque eu quero deixalo, non porque me obrigue ningunha dirección. Eu estou facendo algo no que creo. A lectura é positiva porque me deron a razón, visibilizouse o que pasa no día a día en Povisa”. (Foto: Concentración o 21 de xaneiro ás portas do Xulgado do Social en apoio a Susana Nogueira, que tiña xuízo ese mesmo día).
 
Sen vontade dunha saída negociada

Zélia García: Que fixeches a partir de que se produce esa orde de permanecer nun cuarto pechada oito horas ao día case sen traballo que realizar?

Susana Nogueira: Eu tentei arranxar as cousas e pedín unha reunión co meu xefe, coa miña supervisora, coa directora de enfermería e co xefe de persoal, e ninguén me recibiu, ninguén quixo sentarse a falar comigo. Eles tiráronme a orde e ninguén se sentou comigo a dicirme absolutamente nada.

De feito un dos cinco días que traballei como non tiña nada que facer saín axudar a miña compañeira que estaba pasando consulta, e dixéronme “pasa para alí, aínda que non teñas nada que facer, de aquí non podes saír”.

E cando aconteceu isto foi cando me decatei de que eu así non podía estar, de que igual con sesenta anos podería estar nun posto de traballo no que non fago nada, pero hoxe por hoxe non e menos pola razón pola que era, que era por estar na CIG. Estou convencida de que se estivera noutro sindicato isto non pasaría, pero ás da CIG nos teñen moi cruzadas alí. Xa houbo outros compañeiros que lle fixeron o mesmo.


Proceso xudicial

Zélia García: O paso seguinte foi a denuncia diante do Xulgado do Social, como foi todo este proceso?

Susana Nogueira: Tomei a decisión de denunciar porque non perdía nada, que xa nada me quedaba. O xuízo era para ser o 21 de decembro, pero cando souberon que eu citara ao meu xefe e á directora de enfermería pediron un aprazamento do xuízo, e o xuízo aprazouse até o 21 de xaneiro.

Eu citara aos meus compañeiros, e aos meus compañeiros déronlles a citación o venres, cando o xuízo era o luns, e ameazáronos, e dixéronlles que se ían declarar que se ativeran ás consecuencias. Despois lles dixeron que a xuíza chamara a Povisa para dicir que non eran necesarias como testemuñas, e non lle querían dar as citacións, e foi todo un proceso con moitas trabas e horríbel.

Zélia García: Que aconteceu o propio día do xuízo?

Susana Nogueira: Chegou o luns o día do xuízo e tentaron chegar a un acordo comigo. O acordo expúxoo o meu xefe, que me dixo que a culpa era miña, que non había diálogo, e eu expliquei que se chegara até alí fora porque tentara dialogar pero que non houbera xeito de que me atenderan. Para min ir a xuízo non foi o máis cómodo, paseino fatal, e de feito o que levo pasado estes meses xa non mo quita ninguén. O acordo era que eu entraba no meu posto de traballo ás tres e se remataba podía ir á consulta, pero eu dixen que porque non podía ser como antes, ao que o meu xefe respondeu “e á nova que a meto no taller todo o tempo?”. E díxenlle que así non había opción de acordo.

Entramos no xuízo, entraron os avogados, e chamoume a min para entrar. Preguntoume a xuíza se eu prefería o xuízo ou un acordo, e eu respondín que prefería un acordo, porque a min todo isto non me resultaba agradábel. A avogada da empresa díxome entón que me repoñía no meu posto de traballo se eu lle daba un listado mensual das horas sindicais que eu ía coller, e eu dixen que iso era impensábel, porque eu as horas sindicais non as collo para estar na cafetaría nin para estar na miña casa, senón que as collo para facer traballo sindical. Eu non sei cun mes vista cando vou ter unha reunión, unha asemblea, cando vou ter un afiliado que teña un problema, e non lle podo dar esa previsión, igual que non lle podo dar un listado mensual de se me vou por enferma. Ademais se entraba nesa dinámica ía coller as horas sindicais cando eles quixeran. Decidimos por iso que tiña que haber xuízo.

Foi horríbel o xuízo porque escoitar aos meus xefes dicir mentiras, e eu non poder dicir nada. Teño que agradecer o apoio da xente que estaba alí, desde a sección sindical de Povisa, e todo o sindicato, porque sen eles non chegaría até onde cheguei, e tería tirado a toalla hai moitísimo tempo.

O bo do xuízo foi que se contradixeron entre o meu xefe e a directora de enfermería, e saíu a sentenza catro días despois, na que se expón que teñen a obriga de repoñerme nas miñas anteriores condicións de traballo. Pasou xa o prazo que terían para recorrer a sentenza, e non houbo recurso ningún, asi que polo menos a pelexa serviu para algo.


Sentenza a favor de Susana

Zélia García: Como avalías esta sentenza final?

Susana Nogueira: Non considero que sexa unha vitoria persoal senón que é unha vitoria sindical e dos traballadores colectiva moi importante. Sei que isto que me estivo a acontecer a min lle está a pasar a moita xente.

Zélia García: Como definirías a experiencia que viviches de acoso laboral?

Susana Nogueira: Até que unha pasa polo acoso laboral non sabe o duro que é. A min estes tres meses xa non mos quita ninguén. Estou indo a un psicólogo, teño unha forte medicación, cústame moitísimo durmir, pola sensación esa de que te cambiaron nun posto de traballo polo que pensas, non polo que traballes.

Foi unha sensación moi dura, porque te sentes humillada, sentes que o tempo que estudei, todo o que demostrei ao longo de todos os anos de traballo, pois que todo iso non sirve para nada. Eu prefería que me dixeran que había unha queixa dun paciente, dun compañeiro, e que así fora algo máis “real”, pero cando é algo así, só podía ter a sensación de rabia, de impotencia, de que non valeu para nada todo o que fixen.

Zélia García: E como enfrontas esa volta ao traballo e volver ocupar o teu posto nas condicións que tiñas antes?

Susana Nogueira: Agora non teño medo aos meus xefes pero si volver enfrontarme á realidade. Teño medo porque o que pasei agora non me garante que non me poda volver pasar dentro dun mes. Non estou disposta a pasar por isto outra vez porque non o podería aturar, porque aínda non me recuperei de todo.

Teño moi claro que o día que volva, quero volver coa cabeza moi alta, porque estou convencida de que vou ter que escoitar comentarios e todo iso queima, despois de todo o que levo pasado. Por orgullo e pola miña saúde, non vou permitir que me volvan facer isto.


“O sacrificio pagou a pena”

Zélia García: E que lectura en positiva tiras destes tres meses tan duros?

Susana Nogueira: Si que podo quitar leccións en positivo porque de todos xeitos quero que quede claro que si que penso que foi unha vitoria importante, e que todo o sacrificio pagou a pena, porque é unha vitoria sindical que acadei co apoio dos compañeiros. Nestes meses non só o pasei eu mal, tamén a miña familia, amigos e á xente que me rodea, e a min iso non mo devolve ninguén, pero queda todo un camiño que penso continuar a percorrer de traballo sindical.

Está claro que a empresa o que buscaba é que eu deixara o Comité, pero eu sempre dixen que o día que deixe o Comité será porque deixo de traballar en Povisa ou porque eu quero deixalo, non porque me obrigue ningunha dirección. Eu estou facendo algo no que creo. A lectura é positiva porque me deron a razón, visibilizouse o que pasa no día a día en Povisa. Non creo que Povisa mude a súa actitude; oxalá non nos tratara mal, xa non digo que nos trate ben, senón que non nos descualifique, a nós non se nos chama para ter reunións con dirección, e gustaría de que tivera con nós un trato equitativo e semellante ao que lle dá as outras forzas sindicais, pero dubido que cambien.

Eles non se cansan de machacarnos porque nós defendemos os dereitos e damos a batalla, pero nós tampouco nos cansamos e si hai que volver ao xulgado volveremos vinte veces. É un pulso de a ver quen pode máis, e pensan que por ser os empresarios teñen todas as de gañar, e non sempre teñen a razón, e como nós acreditamos no que facemos, imos continuar até o final. Creo que vai ser unha guerra eterna, e como eu non tirei a toalla, agardo que os demais tampouco a tiren.

 
 


Zélia García,
membro de CIG-Comunicación.
(Máis artigos/entrevistas...)

  Zélia García
 
Volver a Actualidade

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 07/02/2008
cig.informatica


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta