|
Actualidade CIG-Comunicación-
Logo de que, a principios do ano 2005, o posto de Xefe do Área de Inscrición de Empresas e Afiliación de Traballadores da Administración que a Tesourería da Seguridade Social ten na localidade de Carballo quedase vacante por traslado do até entonces titular a outro posto na Dirección Provincial da Coruña, o Director Provincial veuse na necesidade de cubrir a vacante, de xeito provisorio, con outro funcionario da mencionada Administración. Varios dos funcionarios destinados na Administración, que se consideraban con cualificación para o desempeño do mesmo, solicitaron ser adscritos temporalmente ao mencionado posto mentres non se procedese a súa cobertura de xeito definitivo. Por resolución de maio do 2005, o Director Provincial, amparándose no disposto na Lei de Procedemento Administrativo, acordou designar “por suplencia” un dos funcionarios destinados na Administración para facerse cargo das funcións de Xefe de Area. O Secretario da Sección Sindical da CIG, Delegado de Persoal, dirixírase daquela ao Director Provincial para comunicarlle que o método utilizado para a designación non era axustado a dereito, xa que, a suplencia, contemplada na Lei de Procedemento Administrativo, non é norma aplicable para a provisión de postos e que debía cinxirse ao establecido na Lei 30/1984 de Medidas de Reforma da Función Pública e no Real Decreto 364/1995 que aproba o Regulamento de Ingreso e Promoción Profesional do Persoal ao Servizo das Administracións Públicas. Ademais, o sindicalista comunicaba ao Director Provincial que, o funcionario en cuestión, non tiña a cualificación profesional requirida para o desempeño do posto para o que fora nomeado. Ante a negativa do Director Provincial a rectificar a súa decisión, presentouse a través dos Servizos Xurídicos da CIG unha demanda diante do Xulgado. Con data 23 de febreiro do 2007, o Xulgado do Contencioso Número 1 da Coruña dita sentenza na que, atendendo aos fundamentos esgrimidos pola CIG, estima a demanda e revoga a resolución do Director Provincial pola que se facía o nomeamento. Os Servizos Xurídicos da Dirección Provincial da Tesourería presentan, diante do Tribunal Superior de Xustiza, un Recurso de Apelación contra a sentenza antes mencionada. Finalmente, con data 27 de febreiro do 2008, a Sala do Contencioso- Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza estima (con carácter inapelable) a demanda interposta pola CIG e declara “non conforme a dereito, e polo tanto deixa sen efecto, o nomeamento por suplencia” do Xefe de Área de Inscrición de Empresas e Afiliación de Traballadores da Administración da Tesourería da Seguridade Social en Carballo. As repercusións que esta decisión pode ter son de alcance dificilmente calculable. A Sección Sindical da CIG considera que a totalidade das resolucións ditadas por este funcionario no exercicio do cargo de Xefe de Área poden incorrer en defecto de anulabilidade. Tendo en conta que o acto xurídico da Inscrición de Empresas e a Afiliación de Traballadores dos distintos Réximes que integran o Sistema da Seguridade Social levan emparellados, por una banda, as obrigas dos empresarios e traballadores por conta propia respecto da cotización e, por outra, o acceso ás prestacións ás que dá dereito, a Sección Sindical da CIG recomenda a toda empresa ou particular que teña realizado na devandita Administración de Tesourería calquera xestión ao respecto de Inscrición de Empresas ou Afiliación de Traballadores con posterioridade ao mes de maio do 2005, a que se dirixan á Dirección Provincial para que aclare se os actos administrativos ditados son considerados válidos ou, polo contrario, necesitarán de validación.
|
||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 14/03/2008 |
||||
|