ActualidadeVolver a Actualidade


Santiago, 4 de marzo de 2008

Malia ser a maioría de docentes mulleres, segue a haber máis cargos directivos homes
A CIG demanda da Consellaría de Educación a elaboración dun Plan de Igualdade no Ensino

 

CIG-Comunicación-

cig.prensa@galizacig.com


  Dores Fernández e Anxo Louzao; clic para aumentar
A CIG-Ensino acaba de dirixirse á Consellaría de Educación para demandarlle a elaboración dun Plan de Igualdade para o Ensino, e, para demostrar a súa necesidade, fixo un estudo daquilo que é máis evidente: a baixa presenza das mulleres nas direccións dos centros educativos, tendo en conta que son maioría no profesorado. (Foto: Dores Fernández e Anxo Louzao. ©galizacig.com 03/03/2008).
 
Anxo Louzao e Dores Fernández, secretarios nacional e da Muller de CIG-Ensino, presentaron en rolda de prensa as conclusións dun estudo sobre a participación das mulleres na dirección dos centros educativos, que evidencia a baixa presenza das mulleres na dirección dos centros, malia ser maioría no profesorado. Por iso, CIG-Ensino demanda da Consellaría de Educación que se elabore un Plan de Igualdade para o Ensino.


As direccións dos centros educativos están ocupadas maioritariamente por homes

A igualdade entre mulleres e homes é, hoxe en día, un principio xurídico universal. Malia este recoñecemento formal, a repartición de roles entre ambos os sexos ao longo dos séculos fai que, aínda na actualidade, na nosa sociedade as desigualdades sigan existindo e que a posición de moitas mulleres sexa de desvantaxe. Así, hai tempo que as estatísticas amosan que a representación da muller nos cargos directivos en xeral non é a que correspondería por porcentaxe de traballadoras. O ensino non escapa a este problema, que, ben seguro, non é o único. Están por identificar formalmente, por exemplo, cal é a situación das docentes en aspectos como a promoción, a participación na formación, a saúde laboral, a conciliación da vida laboral e familiar... Ben recentemente déronse pasos importantes coa publicación da Lei de Traballo en Igualdade das Mulleres de Galiza, pero hai partes da lei que aínda son de difícil aplicación por mor de non estaren desenvolvidas; algunhas outras, como os Plans de Igualdade, están sendo esquecidos pola propia Administración, obrigada por lei a elaboralos e pólos en marcha.

A CIG-Ensino acaba de dirixirse á Consellaría de Educación para demandarlle a elaboración dun Plan de Igualdade para o Ensino, e, para demostrar a súa necesidade, fixo un estudo daquilo que é máis evidente: a baixa presenza das mulleres nas direccións dos centros educativos, tendo en conta que son maioría no profesorado.

Case os dous terzos do profesorado galego son mulleres. Concretamente, no Ensino non universitario son o 65%. Esta porcentaxe é aínda superior no Ensino infantil e primario: o 77%. O Ensino primario sempre foi un dos campos onde non estaba mal visto que a muller traballase, pois era entendido socialmente como unha prolongación da educación das fillas e fillos. Actualmente, sobre todo debido á elevada, comparativamente cos homes, incorporación da muller aos estudos universitarios, tamén a muller é maioría na docencia nos centros de Ensino secundario, Bacharelato e Formación Profesional: un 64%. Porén, esta presenza da muller non é homoxénea dentro de cada corpo: a educación infantil está case totalmente impartida por mulleres, e nos centros de Secundaria que imparten tamén Formación Profesional a porcentaxe de mulleres é menor.

Esta alta porcentaxe de mulleres docentes non ten un reflexo directo na conformación das direccións dos centros educativos. Se, como diciamos ao principio, de cada tres docentes, dúas son mulleres, a proporción baixa moito cando falamos de directoras: non son nin a metade; concretamente, son o 46%. Estas porcentaxes son máis rechamantes aínda se temos en conta por separado os centros de Ensino infantil e primario e Centros Públicos Integrados (son o 77% e ocupan o 51% das direccións) e o resto das ensinanzas (son o 64% e ocupan o 38% das direccións). Nos Centros de Infantil e Primaria hai bastantes casos de centros onde só hai un mestre, e ese mestre é o director.

Curiosamente, ou non tanto, no resto dos cargos directivos (xefatura de estudos, secretaría e vice dirección) a presenza da muller é maior: de 1.954 cargos, 1.119 son ocupados por mulleres, o 57%.

O nivel de participación das docentes nas direccións dos centros é un dos aspectos máis evidentes, pero poderían estudarse outros, como a participación en cursos de formación permanente, en grupos de traballo e investigación, en intercambios, en concursos ou oposicións para pasar a un corpo superior (do B ao A, ou a Cátedras)... E hai que ter en conta tamén que estamos a falar tamén de retribucións, pois desempeñar cargos ou acceder a un corpo superior implica maior percepción salarial. E a participación en outras actividades, tamén, aínda que sexa indirectamente, pois supón méritos que se van ter en conta. Cando se di que os salarios das mulleres son máis baixos que os dos homes, estámonos referindo tamén a isto.

Algunhas das causas desta situación non son específicas do ensino, senón intrínsecas á conformación e funcionamento da sociedade. Referímonos fundamentalmente á carga que soporta a muller co traballo doméstico e co coidado das fillas e fillos e das persoas dependentes, e que provocan que teña que sufrir unha dobre xornada laboral. Pero si podemos descubrir outras que sexan debidas á organización e funcionamento dos centros, e que disuadan ás mulleres de participar máis na vida dos mesmos, por pór un exemplo.

Por estas razóns naceron os Plans de Igualdade, obriga que a Lei do Traballo en Igualdade das Mulleres de Galiza recolle para as Administracións públicas no seu artigo 11.

Por iso, a CIG-Ensino dirixiuse á Consellaría de Educación nos seguintes termos:

«Tendo en conta o recollido no artigo 11 da Lei do traballo en igualdade das mulleres de Galiza, relativo á voluntariedade e obrigatoriedade dos plans de igualdade, segundo o cal “Os plans de igualdade serán obrigatorios para a Administración autonómica, os seus organismos autónomos, as sociedades públicas, as entidades de dereito público vinculadas ou dependentes da Comunidade Autónoma e os organismos con dotación diferenciada nos orzamentos da Comunidade Autónoma que, ao careceren de personalidade xurídica, non estean formalmente integrados na Administración da Comunidade Autónoma” desde a CIG-Ensino solicitamos da Consellaría de Educación a aplicación da Lei do Traballo en Igualdade e, polo mesmo, reclamamos que a Consellaría dea un paso adiante na negociación dun Plan de Igualdade propio. Para iso é preciso elaborar unha diagnose da situación da igualdade entre o profesorado dos centros de ensino público non universitario, tomándoa como unha ferramenta de traballo para a elaboración do plan, e que debe incluír os seguintes ámbitos de análise:

  • Políticas e accións de igualdade de xénero no Ensino público non universitario.

  • Presenza de mulleres no Ensino público non universitario (nº de mulleres e homes nos distintos corpos e especialidades, nº de mulleres e homes que acceden a cargos directivos, nº de mulleres e homes que acceden a corpos superiores por promoción interna...).

  • Acceso e selección.

  • Condicións laborais e retribucións.

  • Acoso, actitudes sexistas e percepción de discriminación.

  • Conciliación da vida familiar e laboral.

  • Condicións sanitarias, físicas e do entorno do traballo.

A partir da análise e valoración dos distintos indicadores describirase a situación da igualdade no Ensino público non universitario, a partir da cal se estabelecerán os eixes, obxectivos e accións básicas do Plan de Igualdade.

Esta elaboración dun Plan de Igualdade no Ensino público non universitario fai necesaria a convocatoria dunha Comisión de igualdade de xénero, onde as organizacións sindicais con representación no Ensino público poidamos participar na elaboración das diferentes fases previas á elaboración do mencionado plan».

 
Volver a Actualidade

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 04/03/2008
cig.informatica


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta