ActualidadeVolver a Actualidade


Vigo, 11 de marzo de 2008

Pola invasión militar israelí na franxa de Gaza
A CIG enviou ás centrais sindicais palestinas unha mensaxe de solidariedade e apoio

 

CIG-Comunicación-

cig.prensa@galizacig.com


  Palestina vencerá!; clic para aumentar
Palestina vencerá!
 
A franxa de Gaza foi o escenario dunha nova agresión militar de Israel. Co argumento de poñer punto final ao lanzamento dos foguetes artesanais coñecidos como Kassam, o exército penetrou en territorio palestino producindo máis de 100 vítimas mortais e superando en 300 o número de feridos.

A mensaxe de apoio envióuselle aos secretarios xerais da Unión Xeral dos Traballadores Palestinos e da Federación Xeral dos Sindicatos de Palestina. O texto íntegro da mensaxe á a seguinte:

«Rasem Mahmoud al BAIARY.
Secretario xeral.
Federación Xeral dos Sindicatos de Palestina.

Haidar IBRAHIM.
Secretario xeral.
Unión Xeral dos Traballadores Palestinos.

Santiago de Compostela, 03/03/2008.

Estimados compañeiros.

Unha vez máis, o exército israelí está invadindo o territorio palestino na franxa de Gaza. Coa desculpa de responder aos lanzamentos dos foguetes Kassam de fabricación artesanal, a ultramoderna maquinaria de morte dos israelís está acabando coas vidas dun elevado número de civís non combatentes entre os que se encontran numerosos nenos, mulleres e anciáns. Aos máis de 100 mortos e 300 feridos, hai que sumar a destrución de edificios e infraestruturas.

Estamos convencidos da inutilidade destas masacres, pois a brutal acción israelí non impedirá ao pobo palestino continuar a súa loita para construír un Estado libre e soberano.

A nosa central sindical, CIG (Confederación Intersindical Galega), condena con toda enerxía esta nova agresión e transmite ás familias das vítimas, aos traballadores e traballadoras, e ao pobo palestino en xeral o seu sentimento de solidariedade e apoio.

Recibide, estimados compañeiros, os meus saúdos de ánimo xunto cos dos traballadores e traballadoras de Galiza que formamos a Confederación Intersindical Galega.

Palestina vencerá!

Xesús SEIXO FERNÁNDEZ.
Secretario xeral.
Confederación Intersindical Galega (CIG)».


Posteriormente, con data 5 de marzo, a CIG enviou unha carta ao ministro español de Asuntos Exteriores e ao embaixador de Israel en Madrid.

Na carta a Miguel Ángel Moratinos, a CIG di, ente outras cousas:

«(...) Solicitamos do Goberno español unha actitude máis enérxica na liña de presionar ao Goberno israelí para que renuncie definitivamente ás permanentes agresións –militares, económicas, políticas…– cometidas contra o pobo palestino en Gaza e Cisxordania. Igualmente entendemos que o Goberno español debería actuar para que a Unión Europea se comprometa de maneira eficaz na tarefa de construír unha paz xusta e duradeira en Oriente Medio, obxectivo que non será acadado sen a creación dun Estado palestino viábel en concordancia co dereito internacional e coas diversas resolucións que sobre este tema teñen aprobado as Nacións Unidas».

Na carta enviada ao embaixador israelí o 5 de marzo, expresa a CIG:

«(...) Unimos a nosa voz á de numerosas personalidades e institucións de todo o mundo, e en especial á de Louise Harbor –alta comisaria das Nacións Unidas para os Dereitos Humanos– que solicitou ao Goberno israelí unha exhaustiva investigación sobre as gravísimas violacións do dereito internacional humanitario cometidas polo exército israelí, e á de Ban Ki-moon –secretario xeral da ONU– que demandou o silencio das armas.

Solicitamos ao Goberno de Israel que emprenda de inmediato una política decidida a favor de unha paz negociada, xusta e duradeira en Oriente Medio, obxectivo que non será posíbel se non renuncia definitivamente ás permanentes agresións económicas, políticas e militares contra o pobo palestino en Gaza e Cisxordania, comprometéndose seriamente na creación e consolidación dun Estado palestino viábel acatando as normas do dereito internacional e aplicando as numerosas resolucións das Nacións Unidas sobre o particular».


CIG-Internacional, 7 de marzo de 2008.

 
Volver a Actualidade

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 11/03/2008
cig.informatica


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta