|
Actualidade / Entrevista Zélia García-
A asemblea que os traballadores de Citroën mantiveron o sábado 1 de marzo decidira por unanimidade non asinar este convenio. As razóns son desde unha mellora salarial escasa, que os novos/as traballadores/as eventuais, que son máis de 700 anuais que entran e saen, se lle baixen os salarios en máis do 8 %, e unha maior flexibilidade da quenda de noite, entre outros. Zélia García: O 4 de marzo houbo no Hotel Samil unha xuntanza para ratificar o preacordo para o novo convenio da factoría da PSA Peugeot Citroën en Vigo, no que a CIG non asinou. Que supuxo este encontro? Henrique Pérez: Foi o acto final no que os sindicatos manifestamos a vontade das respectivas asembleas celebradas a fin de semana, de asinar ou non asinar o convenio. Zélia García: Que se pretendía obter desde a CIG con este convenio? Henrique Pérez: Hai que ir un pouco atrás porque este foi un convenio que dalgunha maneira tiña que recuperar terreo perdido nestes últimos dez anos, en particular, xa que se fixeran uns grandes sacrificios por parte dos traballadores en materia de flexibilidade, rendementos, e todo aquilo que levou a unha maior capacidade produtiva. Zélia García: Cales eran os temas principais nos que se centraban as vosas reivindicacións? Henrique Pérez: Neste convenio depositáramos grandes esperanzas sobre dous temas: o emprego e a cuestión económica. No tema do emprego porque nestes últimos catro anos ou seis, e a pesar do persoal fixo que se realizou como consecuencia dos acordos dos convenios anteriores, o persoal que marchou ou xubilaron foron nun número superior, e polo tanto xerouse un déficit na creación de emprego real. Os fixos perderan posicións respecto á eventualidade, e así temos un 42% de eventualidade no taller. Primeiro tratábase que no emprego neste futuro convenio, que ao final é de catro anos, cando menos permitise recuperar un pouco o emprego neto, é dicir, nós pediamos un 5% pero que cando menos que dentro de catro anos non nos encontráramos con menos persoal que a actual. A empresa, consciente do problema da precariedade do que se fixeran eco os medios de comunicación, preocupouse de que se dixera que había tal número de eventualidade, e nese sentido, trouxo unha oferta de 1.250 empregos fixos que para estes catro anos cremos que pode cubrir máis ou menos as baixas que se van producir. Non é o que nós pedíamos pero dá máis do que pedían outros sindicatos.
Zélia García: Respecto ás melloras salariais que se conseguiu? Henrique Pérez: No terreo económico, que era outro eixo, esperábamos recuperar parte da perda do poder adquisitivo destes catro anos. Nós temos unha revisión salarial que non brinda os incrementos que superen o IPC, e ao superar a inflación o IPC previsto absórbenos o pouco que podemos quitar das subas salariais. Entendiamos que tiña que haber unha recuperación da perda de poder adquisitivo, e ademais tendo en conta a inflación que neste último ano en particular se disparou. O que ocorreu é que na suba salarial a empresa ven cunha proposta similar á de convenios anteriores, dun 3%, e para os anos seguintes un 0,5% por riba do IPC previsto. A revisión salarial é a mesma e non ten carácter retroactivo, nin tampouco vai sobre o IPC previsto. Tendo en conta que a inflación se vai disparar, ese punto que quitamos este ano, e medio do seguinte vaise quedar no camiño.
Zélia García: Pero finalmente que o que motiva a vosa negativa a asinar o convenio? Henrique Pérez: O que realmente motivou que nós dixéramos que non é que ademais dunha serie de recortes duns artigos que regulan un pouco a vida diaria da fábrica, de menor transcendencia, viñeron cunha medida de máis flexibilidade para a quenda de noite. Piden que os traballadores tendo unha hora prevista de saída pois que esa hora non é fixa, senón que lle queda á empresa unha marxe de quince minutos para decidir co noso tempo. E unha medida de flexibilidade para unha quenda que xa de por si está moi castigada. Pero a máis grande ven co persoal do novo ingreso, que son normalmente eventuais. Para o futuro dos novos contratos que se formalicen, a estes báixalles o salario. Créase unha nova categoría inferior á mínima actual, que a actual vén sendo a de peón, que nós dimos por interpretala de “pinche”, que son homes que van facer o mesmo traballo que os que estamos alí e que perderían en relación a calquera outro que na actualidade acaba de entrar uns 1.400 euros ao ano. Báixase o salario ás persoas de novo ingreso en máis dun 8%. Xa non era cuestión de se o convenio era máis ou menos aceptábel, que non o era polo menos salarialmente, senón que ademais detrae salario dos máis débiles para o incremento do 3% do persoal. Fomenta as desigualdades salariais e crea un convenio insolidario e nós por aí si que non pasamos. Isto para nós foi o máis grave.
Zélia García: Houbo na negociación outro tema polémico que foi a cuestión da supresión do tempo do bocadillo, como quedou isto? Henrique Pérez: Logo está o tema do bocadillo, que intentaron introducir a retirada dos dez minutos do tempo de bocadillo. Temos quince e iso paralizárono, dicían eles que “para favorecer un acordo”. Máis ben o que facían era “suspendelo”, non o retiraban da negociación, porque esixiron un compromiso dos que asinaron o convenio de que este tema había que volver retomalo. Nós temos unha postura frontal ao tema este do bocadillo, porque para nós o bocadillo é sagrado. A CIG manifestou desde o principio que se iso estaba enriba da mesa dábamos por descontado que non íamos asinar o convenio, e quitárono e tampouco llo asinamos. E entón colleron unha rabecha tremenda. Zélia García: Canto durou a negociación e como foi? Henrique Pérez: Tivemos oito reunións, é dicir, un mes con dúas reunións por semana, martes e xoves. A negociación foi respectuosa. Nós fixemos asembleas de bocadillo, fixemos participar aos traballadores, para que teñen un seguimento, ademais das follas informativas.
Zélia García: Como avaliades o comportamento dos outros sindicatos? Henrique Pérez: Nós non imos xulgar. Eles fixeron as súas asembleas, e hai que ser respectuoso coa vontade dos traballadores. Nós non imos caer na trampa de xulgar o papel dos demais sindicatos. Igual a eles si que lles gusta facer un xuízo valorativo da CIG, pero nós enxuizamos o noso comportamento, facemos unha análise do noso traballo, valoramos pormenorizadamente o que deu de si a negociación e democraticamente tomamos unha decisión. Nós non temos na nosa cultura enxuizar aos demais, pasamos diso. Zélia García: Canta xente participou da asemblea da CIG na que se tomou esta decisión? Henrique Pérez: Na asemblea na que tomamos a nosa decisión de non asinar este preacordo participaron sobre 160 persoas e tomamos esta decisión por unanimidade.
|
|||||||||
|
|||||||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 08/03/2008 |
|||||||||
|