ActualidadeVolver a Actualidade


Santiago, 5 de marzo de 2008

Sempre que conten co apoio maioritario das traballadoras e traballadores
A CIG de Valdeorras adoptará medidas de presión na Fundación Valdegodos para que se cumpra o Convenio

 

CIG-Comunicación-

cig.prensa@galizacig.com


  Residencia da terceira idade Viana do Bolo; clic para aumentar
Cumprir o Convenio nas residencias da Fundación Valdegodos; clic para aumentar
A CIG promoverá a participación asemblearia de todo o persoal para posibilitar que sexan as traballadoras e traballadores quen teñan a última palabra e anuncia que “todas aquelas persoas que queiran contactar con nós ou pedir algún tipo de información, poden facelo, ben directamente no noso local de O Barco, ou mediante a páxina web que a nosa Sección Sindical ten na Sanidade no HCV, e na que temos un apartado específico para as Residencias da terceira Idade, no seguinte enderezo: http://www.blogoteca.com/cigsaudebarco”. (Foto: ©galizacig.com).
 
A CIG de Valdeorras vén de anunciar que, de non acceder a dirección da Fundación Valdegodos a dialogar para que se cumpra o estipulado no Convenio, “sempre que contemos co apoio maioritario dos traballadores e traballadoras, adoptaremos as medidas de presión que estimemos oportunas”. A CIG fai, ademais, un chamamento á unidade das/os traballadoras/es e aos representantes da UGT para que asuman as responsabilidades para as que foron elixidos.

O Convenio da Fundación Valdegodos foi asinado, no seu momento, por cinco anos, rematando a súa vixencia o 31 de decembro de 2007. Porén, ao non ser denunciado –trámite legal obrigatorio para proceder á súa renovación– quedou prorrogado por un ano máis, até o 31 de decembro.

Adriano Brito, da CIG de Valdeorras explica que “agora que temos representación legal, é a oportunidade de mellorar as nosas condicións de traballo mediante unha negociación aberta, democrática e participativa” e fai un chamamento a preparar, canto antes, esta negociación.

Por iso, a CIG de Valdeorras anuncia que nas vindeiras datas convocará, a través dos delegados e delegadas, unha xuntanza cos Comités de Empresa de todos os centros da Fundación “para expor a nosa proposta e unificar criterios para ter a suficiente maioría de representación e afrontar unha negociación con garantías”.

Brito matiza que a CIG promoverá a participación asemblearia de todo o persoal para posibilitar que sexan as traballadoras e traballadores quen teñan a última palabra e anuncia que “todas aquelas persoas que queiran contactar con nós ou pedir algún tipo de información, poden facelo, ben directamente no noso local de O Barco, ou mediante a páxina web que a nosa Sección Sindical ten na Sanidade no HCV, e na que temos un apartado específico para as Residencias da terceira Idade, no seguinte enderezo: http://www.blogoteca.com/cigsaudebarco”.


Representación sindical

A falta de que se celebrar o proceso de eleccións sindicais no centro de Quiroga da Fundación Valdegodos, a CIG obtivo representación nos centros de Viana do Bolo –onde é maioritaria- e ‘Virgen de los Milagros’, cun total de 5 delegados/as, fronte aos 9 de UGT e 2 de CCOO.

Porén, Adriano Brito matiza que “non podemos afirmar que o proceso electoral fose limpo, xa que houbo e segue habendo, continuas presións por parte da empresa para impedir a nosa presenza nos órganos de representación do persoal, ao tempo que promocionaban con inusual descaro as candidaturas da UGT”.

En todo caso, desde que se celebraron as eleccións, a CIG xa convocou varias asembleas nas residencias de Viana do Bolo e na de ‘Virgen de los Milagros’.

No caso de Viana do Bolo, xa se acadou un principio de acordo canto a vacacións, libranzas e cambio de quendas, quedando pendentes de resolver outros temas como a xornada diaria e a súa adaptación ao cómputo anual que estabelece o convenio.

Porén, na residencia ‘Virgen de los Milagros’, “ante a pasividade de UGT, a Dirección do centro négase a estabelecer diálogo, malia as xestións que teñen feito os delegados da CIG e a propia central, chegando mesmo a manter unha entrevista coa directora na que lle fixemos chegar a nosa proposta de abrir unha Mesa de negociación das condicións de traballo de todo o persoal, obtendo desta a calada por resposta”, afirma Brito.

De aí que se faga ese chamamento á unidade das traballadoras e traballadores e aos representantes da UGT “para que exerzan as responsabilidades para as que foron elixidos”.

 
 
Informacións relacionadas
08/02/2008 Xa se denunciara a actitude antidemocrática da dirección da empresa en decembro a raíz do proceso de eleccións
A CIG de Valdeorras adoptará medidas se non frean as presións nos centros da Fundación Valdegodos
27/11/2007 Con motivo do proceso de eleccións sindicais
A CIG-Ourense denuncia presións aos traballadores da Residencia da Fundación Valdegodos en Viana do Bolo
 
Volver a Actualidade

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 05/03/2008
cig.informatica


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta