|
Actualidade CIG-Comunicación-
Este 10 de Marzo a CIG, a nivel nacional, convocará unha manifestación nacional en Ferrol ás 19:30 horas, e en Vigo haberá dous actos fundamentais na mañá do día 10. O primeiro será unha asemblea comarcal de delegados e delegadas da CIG, no cine dos Salesianos, onde se dará un repaso xeral á data, ao seu significado; falarase dos resultados das eleccións sindicais, da afiliación, xa que hai un incremento aproximado do 10% anual, e despois falarase do novo panorama de intento de represión e de ataque ao movemento sindical, e en especial á CIG. Ao rematar sairá unha manifestación que partirá da rúa Venezuela, que seguirá por Gran Vía, Urzaiz e Colón, para rematar diante do Edificio da Xunta, onde se realizará “a primeira demostración de apoio aos compañeiros imputados pola ocupación do Edificio da Xunta de Galiza durante a folga do Naval do ano pasado, así como os 54 compañeiros con expediente xudicial polas folgas da Construción”. Xerardo Abraldes comezou a rolda de prensa, que tivo lugar este 6 de marzo no local sindical da CIG de Vigo, lembrando a orixe do 10 de Marzo que “foi a loita dos traballadores de Bazán por un convenio digno e negociado aquí, que foron masacrados pola policía franquista co resultado de dous mortos”.
O secretario comarcal da CIG de Vigo explicou o contido da campaña sobre o que xira o 10 de Marzo este ano, que é “contra a carestía da vida e por uns salarios dignos”. Abraldes incidiu na “perda de poder adquisitivo da clase traballadora nos últimos anos, e especialmente neste último, polo descontrol da inflación”. Criticou tamén os IPC's, “que están calculados para facerlle o xogo ao goberno e ao capital, e atacar os intereses dos traballadores e traballadoras” porque nos 100 produtos a través dos que se calcula o IPC non está incluída a vivenda, e en cambio, hai outros produtos que si forman parte “que distan moito de ser produtos de primeira necesidade”. Outro dos factores que inflúen, segundo relatou Abraldes na rolda, na perda de poder adquisitivo é que “a maioría dos convenios, sobre todo estatais ou de sectores determinados, carecen ou teñen moi restrinxida a cláusula de revisión salarial”. Outro tema fundamental é “a política de negociación de tope salarial que están marcando os dous grandes sindicatos estatais, CCOO e UGT, en clara conivencia coa patronal”.
Abraldes subliñou tamén outro dos eixos, e desde unha perspectiva local, sobre o que vai xirar esta data, e é que “queremos facer deste 10 de Marzo un claro recordatorio dos custes que nos está a ter a mobilización salarial e de como dende a Administración, o Goberno, e apoiados co silencio dos outros sindicatos, se está a facer unha represión sistemática do movemento obreiro, e especialmente do sindicalismo máis consecuente e non entreguista como o noso”. Neste momento hai 54 traballadores da Construción da provincia de Pontevedra con causas xudiciais abertas pola súa participación no conflito da Construción, tanto na folga de maio como na de outubro do ano pasado. Perigosos pais de familia de Salvaterra, das Neves, de Vigo, de Redondela teñen que estar presentándose, nalgún caso mesmo semanalmente, nas comisarías ou xulgados para demostrar que non van fuxir ao estranxeiro. Hai 19 persoas pendentes de causa xudicial polos conflitos do convenio do Metal.
Por último, Xerardo Abraldes quixo salientar que “hai un novo xiro no panorama, que nós imos denunciar especialmente nestes días, que é que o pasado día 4 foi declarar un compañeiro da CIG e un membro de CCOO, e o próximo día 11 van declarar outros dous compañeiros en relación á mobilización que tivo lugar no marco da folga do Naval do ano pasado. Entendemos que son persoas que son chamadas a declarar como dirixentes sindicais, e que nos sitúa nun panorama distinto no que a Fiscalía, e no que todo o aparato xudicial español, coa cooperación necesaria da Xunta de Galicia, a través da súa Consellaría de Presidencia, que é quen presenta denuncia e quen está presente ao longo de todos os procedementos, tenta criminalizar ao movemento sindical galego, e especialmente á CIG”. Nos atestados aos que a CIG tivo acceso a Fiscalía pretende denunciar que estes dirixentes son “os indutores ou cerebros, os que arengaron ás masas para que actuasen, polo que esixen un castigo exemplarizante”. Abraldes engadiu que “desde a CIG nos parece unha escalada gravísima e anunciamos xa que tanto desde esta comarca, como desde todas as estruturas federal e confederal, vamos estar cos nosos compañeiros e denunciar estas pretensións, até o de agora inéditas, da Administración e do propio organismo xudicial porque o que se pretende é atacar ao sindicalismo reivindicativo e un castigo para tentar domesticarnos. Anunciamos que para domésticos xa hai outros e que nos continuaremos coa nosa coherencia e co noso modelo sindical, reivindicativo, participativo e asembleario como fixemos até o de agora”. Por último, o secretario comarcal quixo comparar esta situación coa de “empresarios que son auténticos delincuentes en temas de saúde laboral, contratación, no respecto dos dereitos das persoas inmigrantes, e non coñecemos ningún tipo de condena contra estes delitos”. Abraldes solicitou o arquivo das instrucións e expedientes xudiciais. |
||||
| Informacións relacionadas
|
||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 07/03/2008 |
||||
|